Boqueixón licita o acondicionamento do futuro centro sociocomunitario de Sergude

0

Boqueixón, 16 de agosto do 2018 – O Concello de Boqueixón vén de sacar a licitación o proxecto de acondicionamento do futuro centro sociocomunitario de Sergude.

Esta actuación conta cun orzamento de 202.000 euros, dos cales 2.000 son aportados pola administración local e a contía restante pola Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade, en virtude dun convenio de colaboración asinado por ambas as dúas entidades para desenvolver os traballos. O prazo de execución dos traballos no local de Sergude é de seis meses.

A actuación contempla arranxos tanto na planta baixa coma no semisoto. No primeiro caso, levaranse a cabo obras para facer as instalacións totalmente accesibles. Así, procederase a unha nova distribución do aseo, ao tempo que se substituirán todas as portas existentes na planta para que teñan unha anchura libre de paso maior de 80 centímetros.  Do mesmo xeito, no semisoto acondicionarase unha nova zona de aseos adaptados, tanto masculino como feminino. Por outra banda, o proxecto contempla medidas de mellora das condicións acústicas e térmicas do local coa substitución do falso teito por un novo con aillamento e tamén a reposición das ventás por outras de dobre acristalamento e con rotura de ponte térmica. Ademais, realizarase unha nova instalación de climatización tanto nesta planta coma no semisoto.

Co fin de crear unhas instalacións multidisciplinares, habilitaranse en ambas as dúas plantas paneis móbiles direccionais. Deste xeito, poderanse crear espazos independentes con superficies distintas e adaptadas a distinto tipo de actividades, que se poderán desenvolver ao mesmo tempo. Finalmente, realizaranse traballos de pintado das paredes de todo o interior do inmoble. No acceso principal da edificación, crearase un espazo exterior cuberto, realizado con estrutura cunha cuberta de vidro laminado de seguridade, para mellorar a accesibilidade ao centro sociocomunitario nos días de mal tempo. Esta estrutura fará, ao mesmo tempo, as veces de cortaventos facilitando, deste xeito, a entrada aos numerosos veciños e veciñas que acuden a este local para participaren en distinto tipo de actividades.

Para o alcalde, Manuel Fernández, “A reforma do actual local social de Sergude suporá unha notable mellora na prestación de servizos e no desenvolvemento de actividades para a nosa veciñanza. Cos prazos previstos en 2019 contaremos cun centro sociocomunitario mellor equipado e adaptado ás necesidades dos veciños e veciñas do municipio”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial