Boqueixón inaugura o seu primeiro albergue de peregrinos

0

Boqueixón, 15 de maio do 2018 – O Concello de Boqueixón estreou de xeito oficial o seu primeiro albergue de peregrinos, situado en Gándara, parroquia de Sergude, e ao carón da estrada N-525.

O acto de apertura do novo albergue estivo presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. Tamén asistiu o concelleiro de Servizos Xerais, Jesús Sanjuás. O albergue Raíña Lupa conta cun total de 18 prazas (14 delas en liteiras e 4 en habitacións dobres). Tamén dispón dunha ampla sala de estar, unha pequena cociña e unha lavandería.

Durante a súa visita, Fernández Munín, Castro e Rodeiro coincidiron á hora de gabar a iniciativa desenvolvida por Carmen Rosende Blanco e Bruno Rey Rey. Tras o percorrido, as autoridades firmaron no libro de visitas do Albergue Raíña Lupa. No caso de Nava Castro salientou a importancia de desenvolver este proxecto empresarial “que pon en valor o Camiño de Santiago nesta Vía da Prata” e pola aposta por “ofrecer un servizos de calidade aos pelegríns”. Nesa mesma liña, Ovidio Rodeiro felicitou aos impulsores deste albergue que tamén salienta “a importancia da Raíña Lupa e do Pico Sacro”. O delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña agarda, ademais, que esta iniciativa empresarial “sexa un revulsivo para o territorio” e que contribúa a unha potenciación do sector. Finalmente, o rexedor boqueixonés felicitou a Carmen Rosende e Bruno Rey por poñer en marcha “o primeiro albergue do municipio, que permitirá que os pelegríns que percorren a Vía da Prata poidan realizar unha parada e descansar do seu traxecto nun estabelecemento con servizos de calidade”.

Visita ao Pico Sacro

Tras a visita ao albergue Raíña Lupa, as autoridades desprazáronse ao Pico Sacro. Unha vez alí, Nava Castro tivo a oportunidade de coñecer as distintas actuacións que se están a desenvolver neste enclave histórico, patrimonial e turístico dentro do proxecto que foi recoñecido co Premio Galicia Parabéns. As próximas accións que se levarán a cabo na zona contemplan a creación dun roteiro ata o cumio do Pico Sacro, ademais de levar a cabo o acondicionamento do exterior do depósito de auga co fin de integralo paisaxísticamente. Outra das actuacións incluídas neste proxecto comprenderá a rehabilitación e mellora das instalacións do Centro de Interpretación do Pico Sacro. Deste xeito, o Concello de Boqueixón disporá dunha serie de recursos turísticos de interese para os visitantes que queiran coñecer este enclave tamén de interese dentro das propias lendas xacobeas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies