займ срочно

Brión aproba unha nova RPT, un novo convenio laboral e un novo acordo cos funcionarios

0

Brión, 21 de xuño do 2018 – O concello de Brión ven de aprobar en pleno unha nova Relación de Postos de Traballo, RPT, un novo convenio colectivo para o persoal laboral e un novo acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario.

Os documentos foron votados favorablemente por tódolos grupos e o concelleiro non adscrito, Xesús Pena, abstívose por non coincidir ao cen por cen coa RPT, sobre todo nas retribucións do persoal, explicando que “a proposta me parece correcta, pero creo que se debería ter afinado moito máis para non dar argumentos á Administración Central para que non lle dea vía libre ao proxecto de RPT”. O alcalde, José Luís García, xustificou o mantemento da súa postura e da dos traballadores “no carácter singular de facer unha nova RPT. Hai doutrina que acepta o noso posicionamento e nas tres ou catro últimas que se fixeron non tiveron problema ningún. Sendo un acordo de todos os traballadores, pensamos que correr ese risco paga a pena. Estráñame a súa mesura neste tema cando cos orzamentos dos últimos anos ben nos instou a saltarnos a lei, a ser valentes e a defender a autonomía municipal”.

Os tres documentos que foron obxecto de estudo e tratamento cos representantes legais dos traballadores na Mesa Xeral de Negociación do Concello de Brión, moitos deles presentes nas bancadas do público da sesión plenaria. Un proceso de negociación colectiva que, tras meses de traballo e numerosas reunións, finalizou co acordo unánime de todas as partes. José Luís García destacou que esta aprobación “suporá un feito histórico para este Concello, ao ser a primeira RPT que afecta tanto ao persoal funcionario como ao persoal laboral, que ata agora viña percibindo as retribucións establecidas polo anterior convenio colectivo de 2008. Polo tanto, esta nova RPT establece un sistema obxectivo de valoración de todos os postos, acadándose así unha homologación do sistema retributivo do persoal laboral e funcionario”.

A nova RPT de Brión contempla 67 postos de traballo, dos cales 26 están reservados para o persoal funcionario e 41 están destinados a persoal laboral. Uns postos estruturados en 9 áreas ou departamentos, contemplándose para cada posto de traballo unha ficha descritiva dos seus contidos funcionais principais e demais aspectos definitorios. Así mesmo, para fomentar o dereito á promoción profesional dos empregados municipais, a RPT contempla determinados postos de traballo con dobre grupo profesional. Ademais, a nova RPT permitirá reducir o grao de precariedade no emprego ao identificar todos os postos que son de carácter estrutural e establecer unha valoración obxectiva e motivada de todos e cada un dos postos de traballo.

Resto da sesión

A unanimidade caracterizou o resto da sesión plenaria, na que se aprobou un expediente de modificación de crédito por algo máis de 9.000 euros para o pago de facturas por subministro de enerxía eléctricas correspondentes a 2017 e presentadas pola compañía en 2018. Así mesmo, acordouse a actualización ordenanza fiscal reguladora da taxa de saneamento e depuración de augas residuais que, de acordo co convenio, actualízase co 85% do IPC de abril de 2017 a abril de 2018, o que significa un 0,94%. O pleno tamén aprobou a actualización do inventario de bens municipal que, a 31 de decembro de 2017, ascende a 36.937.215 euros, 746.000 euros máis ca en 2016.

Finalmente, deuse conta da liquidación de 2017, que recolle un remanente de tesourería para gastos xerais de 2.584.385 euros; informouse da corrección dun erro material na liquidación e na Conta Xeral de 2016; e confirmouse o cumprimento da estabilidade orzamentaria, da regra de gasto e do límite de débeda. O período medio de pago no primeiro trimestre de 2018 é de -2,81 e deuse conta do remate do plan económico-financeiro establecido en 2016 e 2017.

Moción

Na quenda de mocións, os catro grupos municipais aprobaron unha moción conxunta de rexeitamento á instalación dunha planta de xestión de residuos en Casalonga (Teo) e acordaron amosar todo o seu apoio tanto aos veciños e veciñas afectados como ao Concello de Teo nas medidas que está a tomar contra a instalación desta planta. O pleno brionés aprobou unha moción aprobada previamente en Teo na que tamén rexeitan que estas actividades se permitan en solo rústico e se piden medidas que eviten a instalación da planta.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies