Comeza a romaría de Santa Minia

0

Brión, 26 de setembro do 2019 – Un ano máis comeza a romaría por excelencia do mes de setembro, o concello de Brión celebra desde mañá xoves as festas de Santa Minia.

Serán catro días de actividades. Hoxe xoves as coñecidas como “vésperas”, o venres como propio día de Santa Minia e unha fin de semana centrada xa no máis lúdico.

romaría santa miniaA organización mantén as zonas tradicionais de aparcamento, totalmente gratuítas e que estarán sinalizadas. Os autobuses farán transbordo diante do Centro Social Polivalente, mentres que os condutores particulares serán guiados por efectivos de Protección Civil ata o aparcamento con prazas baleiras máis próximo á Carballeira, epicentro dos festexos.

O concelleiro de Festas, José Luís Sampedro, explica que “este ano temos preparado un programa cultural moi interesante para os catro días, polo que agardamos a visita de milleiros de romeiros non só para disfrutar dos fogos de artificio de mañá ou das misas e o polbo do Día de Santa Minia, senón tamén para o concerto de Treixadura ou o Festival de Bandas, por exemplo”. Iso si, Sampedro insiste en pedirlle a todos os romeiros “que sigan en todo momento as instrucións dos membros de seguridade e que lembren que non hai que pagar nada polo uso dos aparcamentos, son totalmente de balde”.

Gastronomía, postos e atraccións

O tráfico pola avenida de Santa Minia estará aberto ata esta noite, momento no que empezarán os cortes debido á instalación dos máis de 150 postos e casetas de venda. Rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados… Algunhas delas xa levan varios días presentes na contorna da capela de Santa Minia, aproveitando o tirón da Novena relixiosa.

romaría santa miniaCinco polbeiras estarán instaladas a pé da carballeira, vendendo máis de 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco, entre outros produtos. E na parcela municipal próxima ás polbeiras volverán emprazarse as atraccións infantís: carruseis, coches de choque, inchables…

Programa

O programa de actividades para hoxe comeza ás 13:00 horas coa música da charanga Tíralle do Aire. Ás 17:30 horas, Sue Moreno porá en escena “4.0”, un espectáculo que mestura técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico. Xa pola noite, ás 20:00 horas, a música será a protagonista coa actuación do grupo de música tradicional Xoldra, de Rois; e unha nova sesión da charanga Tíralle do Aire. A partir das 22:30 horas, verbena coas orquestras “Olympus” e “Os Satélites”, que farán un descanso ás 0:00 horas para a tradicional sesión de fogos de artificio e queima da fachada da Capela de Santa Minia, tras o que continuarán coa verbena ata a madrugada.

O venres 27, Día de Santa Minia, abrirase coa música da charanga Os Jalácticos, que volverá actuar ás 20:00 horas. Ao mediodía actuará o grupo de gaitas “Os Viqueiras” de Ordes, que darán paso á sesión vermú coa orquestra “Ibiza”, que tamén amenizará a verbena das 22:30 horas canda a orquestra “Marbella”.

Ás 17:30 horas, o mago Dani García volverá actuar na carballeira co seu espectáculo “Código”, unha hora de maxia inventiva e persoal que buscará a participación activa do público asistente. E ás 18:30 horas será a quenda da murga tradicional Os Campantes da Baña.

O sábado 28 terá lugar outro dos pratos fortes desta edición: o concerto de Treixadura e Xosé Lois Romero & Aliboria, ás 22:30 horas na carballeira de Santa Minia. Despois do gran éxito de público acadado o ano pasado por Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Brión volve apostar pola música tradicional galega como un dos sinais de identidade destas festas de Santa Minia.

Previamente, a programación cultural preparada polo Concello de Brión inclúe a sesión vermú coa Charanga Os Celtas, que volverán actuar ás 20:00 horas, e a actuación de Patty Diphusa con “SuperHarte”, un espectáculo de circo e clown (17:30 horas). Ás 19:00 horas terá lugar unha das citas clásicas da Santa Minia: a actuación das Escolas de Danza e Música Tradicional do Concello de Brión.

Finalmente, o domingo 29 será unha xornada con moita maxia, co espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos” do Mago Antón, un divertido espectáculo de xogos de maxia para adultos e crianzas que poderá verse ás 12:00 e ás 13:00 horas, así como a cada hora entre as 17:00 e as 20:00 horas. Ás 13:00 horas, a música correrá a cargo do grupo de gaitas Os Telludos, mentres que ás 19:00 horas terá lugar o tradicional Festival de Bandas de Música Populares. Actuarán a Banda de Música Municipal de Brión e a Banda de Música Isabel II de Touro.

Oficios relixiosos

No que atinxe aos servizos relixiosos, hoxe haberá misas ás 10:00, 12:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. O Día de Santa Minia haberá misas cada hora entre as 9:00 e as 12:00 horas e entre as 17:00 e as 20:00 horas na reitoral fronte á capela de Santa Minia. A misa solemne comezará ás 13:00 horas. Os oficios relixiosos continuarán o sábado 28 e o domingo 29 de setembro ás 10:00, 12:00 e 19:00 horas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial