Brión denuncia a situación de indefensión na que se atopa ante Fenosa

0

Brión, 4 de novembro do 2017 –  O alcalde de Brión, José Luís García, anuncia que o Concello presentará unha queixa formal diante da Consellería de Economía, Emprego e Industria se Gas Natural Fenosa non resolve durante a próxima semana os seus problemas administrativos.

Os problemas administrativos de Fenosa teñen sen subministro eléctrico o campo de fútbol municipal e a nova traída de augas da localidade da Torre. García denuncia a indefensión na que se atopa o municipio diante da empresa xa que “eles meten a pata cos trámites administrativos e o único que se lles ocorre é dar largas e aparecer para cortar o subministro ao campo de fútbol, polo que se a próxima semana non temos unha solución definitiva acudiremos á Xunta de Galicia para que nos bote unha man”.

No caso do campo municipal de fútbol, o problema vén pola tramitación dun contrato de subministro de outubro de 2016. O responsable da empresa na zona tramitou mal o contrato e Gas Natural Fenosa non o aceptou, pero non comunicou tal decisión ao Concello de Brión senón que directamente optou por cortar o subministro eléctrico esta semana. “Temos documentación no que responsables da empresa admiten que foi un erro deles pero para o único que foron rápidos foi para cortar o subministro”, lamenta o alcalde brionés, quen indica que “dende o pasado 31 de outubro tivemos que instalar un grupo electróxeno na zona para que as instalacións sigan operativas”.

Ante esta situación, o Concello de Brión seguiu as instrucións de Gas Natural Fenosa e tramitou unha nova alta de contrato, “pero agora resulta que temos que esperar a que veñan co contador e a luz. Estiveron moi rápidos á hora de cortala pero agora chamas e non hai resposta de cando van solucionar un problema que crearon eles soíños”.

A Torre

A demora é aínda maior no caso da localidade de A Torre, onde o concello acometeu en xaneiro unhas obras de bombeo para levar o abastecemento de auga. Unhas obras executadas por Espina e Delfín que están rematadas dende o pasado 17 de outubro pero que non se poden dar de alta porque non teñen os CUPS (Código Universal de Punto de Subministro) que ten que conceder Gas Natural Fenosa. O CUP é un código único que comeza por ES e que identifica un punto receptor de abastecemento de toda a rede de luz.

“Aínda que nos desen a alta a próxima semana, os veciños e veciñas terán que agardar outros 15 días máis sen poder acceder ao subministro de auga. E xa levan agardando dende setembro, que se tramitou o permiso”, denuncia José Luís García, quen lembra que “este non é o único atraso que se ten producido nesta obra, pois se iniciou en xaneiro pero se alongou no tempo porque tivemos que agardar a que os técnicos de Gas Natural Fenosa acudiran a facer o reforzo da liña de alta tensión que se lles demandara”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies