Brión e Rois limpan o Castro Lupario

0

Bisbarra, 10 de agosto do 2018 – Os Concellos de Brión e Rois están executando diversas melloras no Castro Lupario cun investimento próximo aos 24.000 euros.

As principais intervencións do proxecto consisten na limpeza e na mellora da sinalización das rutas de sendeirismo próximas do castro, que ocupa máis de dúas hectáreas de superficie, con dúas murallas de protección, e está situado entre os dous municipios. O Castro Lupario é un dos máis grandes da provincia e, segundo a lenda, a residencia da Raíña Lupa e vinculado ao traslado dos restos do Apóstolo Santiago.

Os traballos de limpeza están coordinados pola arqueóloga Vanesa Trevín quen explica que “nas escavacións feitas nos anos setenta atopáronse importantes restos arqueolóxicos, como un tesouro de moedas do século IV, un petroglifo que hoxe está no Museo do Pobo Galego, e tamén a cabeza dun guerreiro que se atopa no Museo das Peregrinacións. Actualmente, só nas tarefas de roza manual, xa se atoparon restos de cerámica, unha cuña e ata unha pedra de muíño”.

Vanesa Trevín explicoulles os pormenores dos traballos que se están a realizar aos alcaldes de Rois, Ramón Tojo, e Brión, José Luís García. Na visita ao Castro Lupario, os rexedores estiveron acompañados polo concelleiro de Rois Manuel Cobas, e pola técnica de Brión Dora Vieira. O proxecto para limpar o castro, subvencionado nun 55% por Turismo de Galicia e financiado a partes iguais polos dous Concellos, pretende promover e estimular o sector turístico en Rois e en Brión para contribuír ao crecemento da economía local. Trátase dun primeiro paso para a conservación e posta en valor dun dos elementos patrimoniais máis singulares cos que contan os dous municipios.

Os primeiros traballos que se acometen son os da eliminación da vexetación na coroa do castro e nunha franxa de entre tres e cinco metros na contorna da súa muralla exterior. O Castro Lupario levaba varios anos en situación de abandono, de modo que a retirada da maleza permitirá recuperar a súa visibilidade e facilita o acceso. Ata o momento, unha media de seis persoas cada día levan xa un mes limpando este castro e estímase que se necesitará outro mes máis de traballo para poder rematar esta tarefa e deixar visible a muralla exterior e toda a coroa do recinto.

A seguinte acción será a sinalización dunha ruta de sendeirismo no Castro Lupario, que terá o seu comezo na Ponte Paradela (Brión) para chegar ao propio castro e volver polas aldeas de Beca e Xinzo (Brión) e Angueira de Castro e Faramello (Rois). O trazado incorpora diversos elementos patrimoniais de interese da zona. Contará cun panel de inicio de ruta e diversos postes e sinais de madeira, cumprindo sempre as normas da Federación Galega de Montañismo. Do mesmo xeito, dentro deste proxecto será posta ao día a sinalización da ruta de sendeirismo na parroquia de Ribasar, en Rois, e de oito rutas de sendeirismo xa deseñadas nas parroquias brionesas de Bastavales, Os Ánxeles, Brión, Ons, Viceso e Luaña.

Sobre o Castro Lupario

Tamén coñecido como Castro de Francos ou Castro do Faramello, este xacemento sitúase na parte central elevada entre varias aldeas localizadas na parte baixa do monte dos concellos de Brión, Rois e Teo. O monte no que se ubica, onde conflúen a comarca de Amaía e a veiga de Iria Flavia, dálle un enorme dominio visual sobre os vales da zona, Negreira e a serra padronesa. A única escavación arqueolóxica que se coñece neste recinto castrexo foi realizada nos anos setenta do século pasado por Fernando Acuña Castroviejo e Milagros Cavada. A muralla, de grosor e altura considerables e variables segundo o tramo, presenta un relativo bo estado de conservación. O seu interior presenta unha ampla plataforma cruzada por varios muros no seu eixo central, posiblemente pertencentes ao castelo e torre medievais. Preto do xacemento discorre o río Tinto, ademais dun treito de Camiño que puido pertencer á variante portuguesa do Camiño de Santiago. 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial