A Deputación da Coruña recupera a historia da batalla de Altamira

0

Brión, 21 de xullo do 2020 – “A batalla de Altamira” é o título do volume co que a Deputación da Coruña, coa colaboración dos Concellos de Ames e Brión quere recuperar unha historia fundamental para a comarca.

A iniciativa, promovida polo deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, forma parte do programa de recuperación e posta en valor das Torres de Altamira.

As historiadoras Mercedes Vázquez e Mª Pilar Rodríguez -de dehistoria- son as autoras do libro “A batalla de Altamira. A historia dun territorio estratéxico: As Torres de Altamira”, un volume publicado pola Deputación da Coruña que ao longo de cen páxinas adéntrase nun episodio case descoñecido pero  fundamental para a recuperación da memoria da comarca da Maía e da historia galega.

A Deputación da Coruña recupera a historia da batalla de Altamira“Con este volume queremos que a historia da Batalla de Altamira e as propias Torres  chegue á sociedade e, de maneira especial, á veciñanza de Ames e Brión, concellos especialmente vinculados a este episodio histórico e ao monumento ao que se refire”, sinala o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas.

A iniciativa é un paso máis na recuperación e posta en valor das Torres de Altamira ao que seguirán actuacións de conmemoración e mellora do monumento. “A pandemia fixo que fose necesario cancelar a festa de recuperación histórica que estaba prevista mais contamos con que o ano que ven inauguremos esta celebración da nosa historia á que queremos convidar á toda a veciñanza da comarca e tamén a quen gusta de participar neste tipo de encontros festivos que se organizan arredor da nosa historia”, explica Xosé Luís Penas.

O Coronavirus obrigou tamén a cancelar a celebración prevista para a presentación e difusión do volume que quedou adiada para setembro cando, ademais do acto oficial coas autoras, se organice unha festa con concerto nas propias Torres de Altamira.

“Consideramos que este libro é o punto de partida para empezar as actuacións no entorno das Torres que é un proxecto que acariñamos especialmente desde a Deputación da Coruña para o que contamos coa colaboración dos concellos de Brión e Ames porque consideramos que é fundamental non só para a recuperación histórica senón para a dinamización turística e económica da comarca”, explica Xosé Luís Penas.

No prólogo do libro, Xosé L. Penas Corral apunta que “o proxecto de conservar e coidar as torres é unha realidade que agardamos resolver no 550 aniversario da Batalla de Altamira, batalla que terá o que até agora non tivo: unha lembranza merecida e necesaria, unha lembranza que sitúe o seu nome na memoria dun País á altura doutros moitos escenarios xeográficos arredor do noso territorio”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial