Raúl Dans recolle o II Premio Laudamuco para Textos Teatrais

0

Brión, 28 de setembro do 2020 – O coruñés Raúl Dans Mayor recolleu o pasado sábado, de mans do alcalde de Brión Pablo Lago, o II Premio Laudamuco para textos teatrais.

O Laudamuco é unha iniciativa do concello de Brión na que participan a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Raúl Dans, natural de A Coruña e afincado en Oleiros, foi distinguido cun premio de 7.000 euros, figura en bronce deseñada polo artista Xosé Vizoso e coa edición do seu texto, ‘Só un home bo’, por parte de Edicións Positivas.

Raúl Dans recolle o II Premio Laudamuco para Textos TeatraisA chuvia obrigou a trasladar o acto de entrega da carballeira de Santa Minia á sala municipal de exposicións, “un lugar onde Roberto Vidal Bolaño pasou moitas tardes ensaiando co seu grupo Teatro do Aquí”, lembrou José Luís García, ex alcalde de Brión que agradeceu o convite a falar no acto por parte da organización. Un convite que tomou “como o mellor agasallo de cumpreanos: poder despedirme en persoa de gran parte dos integrantes do sector cultural de Brión”. García destacou que “todos sabemos que Roberto non é só o maior autor de teatro en galego e un dos grandes autores de teatro contemporáneo, senón que é un dos grandes escritores que temos na nosa lingua. Que persoas como Raúl Dans recollades o seu testigo, e fagades realidade aquilo que non lle gustaba a Roberto, é unha honra para nós”.

Raúl Dans recolle o II Premio Laudamuco para Textos TeatraisUnhas palabras que compartiu Francisco Macías, editor de Edicións Positivas, porque “eu sempre falo de Roberto como literato, porque foi un gran escritor e porque creo que non se está tendo en conta a calidade dos escritores de teatro”. Neste sentido, asegurou que “unha proba de que a literatura galega de teatro é excelente é o texto que hoxe presentamos, que teño que dicir que me deixou un pouco impresionado”.

A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, destacou que “textos como So un home bo e autores como Raúl Dans son a demostración de que si podemos reunir os tres piares dos que falaba Roberto Vidal Bolaño para que Galicia teña o teatro que merece: escritores, vontade política e económica, e a vontade dun pobo por saber que ten dereito a expresarse na súa lingua”.

Manuel Guede Oliva, vogal da Academia Galega de Teatro e voceiro do xurado, salientou que “é un milagre que un pequeno concello como Brión tome unha iniciativa tan grande como poñer en marcha o premio mellor dotado do teatro galego en convocatoria anual”. Guede Oliva fixo esta puntualización porque “é curioso que na seguinte convocatoria a Consellería de Cultura decidira ampliar uns euros máis o Premio Álvaro Cunqueiro para neutralizar a estratexia de que o Laudamuco de Brión era o máis dotado economicamente. Pero segue a selo, porque ten convocatoria anual”.

Raúl Dans recolle o II Premio Laudamuco para Textos TeatraisAsí mesmo, destacou que “este premio en moi pouco tempo conseguiu instalarse no sistema teatral galego e converter Brión nun referente teatral”, ao tempo que agradeceu a Raúl Dans “por seguir escribindo e presentándose ao Premio Laudamuco de Brión porque o teu nome prestixia este premio”. Ademais, agradeceulle que seguira “escribindo para o silencio escénico. Isto faite máis grande aínda. Pensa en Valle Inclán, que tamén escribiu para o silencio escénico do seu tempo. No seu tempo os triunfadores eran Echegaray, Linares Rivas… e onde están eses? E Valle Inclán onde está hoxe? Pensa niso, Raúl”. Neste sentido, Rui Madeira, director da Compañía de Teatro de Braga, apuntou que “queda moito traballo para convencer e sensibilizar para que o lector descubra o pracer de ler teatro”.

Entrega do premio

Pola súa banda, Raúl Dans, quen sucede a Xabier Lama, agradeceu a aposta polo teatro realizada polo Concello de Brión coa convocatoria deste galardón, ao tempo que destacou a “edición meticulosa deste libro” por parte de Edicións Positivas e lle agradeceu a Manuel Guede “esas palabras esaxeradas sobre min, aínda que o certo é que parecía sincero”. Dans Mayor recibiu o premio de mans do alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, quen confirmou que “no prazo dun mes, e para dar continuidade a este galardón, publicaremos as bases da terceira edición do Premio Laudamuco para Textos Teatrais en Galego”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial