Brión pedirá a retirada das placas aos caídos das igrexas de Viceso e Bastavales

0

Brión, 19 de abril do 2018 – O pleno ordinario de Brión do presente mes acordou por unanimidade instar a Xunta de Galicia a que negocie coas autoridades eclesiásticas a retirada das placas en homenaxe aos caídos presentes nas igrexas de Viceso e Bastavales.

A retirada das placas debateuse por iniciativa do concelleiro non adscrito, Xesús Pena, que pedía inicialmente que o Concello de Brión instara á Igrexa a cumprir a Lei de Memoria Histórica, “retirar as placas aos caídos no Bando Nacional” e substituílas no seu caso por “algún monumento a todos os represaliados”. Unha petición ante a que o alcalde de Brión, José Luís García, lembrou que as competencias para facer esa solicitude son da Xunta de Galicia, logo dunha moción aprobada por unanimidade en outubro de 2017 no Parlamento galego.  Por iso, García propuxo cambiar a moción do concelleiro non adscrito por “instar á Xunta de Galicia a que, no marco da moción aprobada polo Parlamento galego en outubro de 2017, negocie coa Igrexa a retirada das placas aos caídos emprazadas nas igrexas de Viceso e Bastavales”. Unha proposta aceptada por Xesús Pena, quen incidiu que “o importante é que se retiren esas placas”. O alcalde brionés lembrou que o Pleno xa debatira en abril de 2009 unha moción semellante para a retirada da placa de Viceso. “O Arcebispado contestounos que precisaba dunha autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e tamén que os posibles afectados se pronunciaran”, explicou José Luís García, quen informou de que “de momento non nos trasladaron ningunha novidade neste proceso”.

Resto da sesión plenaria

Por outra banda, o pleno tamén aprobou unha modificación nun dos proxectos incluídos no POS+2018 (que será un chisco máis económico e se acometerá cunha redución da achega municipal e mantendo a achega da Deputación) e autorizou a sinatura do convenio para a creación do parque “Compostela rupestre”.

Finalmente, o pleno acordou nomear xuíz de paz a José Caramés Vázquez, sendo Vicente Casal Romero o seu substituto. Ademais, deuse o visto bo a unha moción da Alcaldía para a constitución da Mesa de Contratación para os contratos de obras, de carácter permanente e integrada polo alcalde, o secretario e a interventora municipais e un funcionario do municipio. Unha modificación feita ao abeiro da entrada en vigor da Lei 9/2017 de contratos do sector público.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial