займ срочно

Segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais

0

Brión, 25 de outubro do 2019 – Brión acolleu a presentación do II Premio Laudamuco de Textos Teatrais e do libro “Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega”, do profesor Manuel Quintáns.

O Premio Laudamuco foi creado o ano pasado polo concello de Brión coma homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, que fora veciño nos últimos anos da súa vida, e está dotado con 7.000 euros de premio.

Presentación premio Laudamuco

De esquerda a dereita: Valntín García, José Luís García, Manuel Quintáns e Armando requeixo

O alcalde de Brión, José Luís García, que agradeceu a colaboración da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, explicou que “o Laudamuco ten un dobre obxectivo: promover a creación de textos teatrais na nosa lingua e honrar á figura de Roberto Vidal Bolaño”. Neste sentido, García garantiu a continuidade do premio Laudamuco: “recollemos o chapeu que nos lanzou o ano pasado nesta mesma sala o noso veciño e presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, cando nos animou a traballar por ser os continuadores desa tradición nacida en Ribadavia e capitanear unha iniciativa como o Laudamuco, que nos vai dar un sitio no mundo e na cultura”.

Aberta a recepción de textos

José Luís García explicou tamén que ata o 14 de febreiro de 2020 estará aberto o prazo de recepción de textos. Poderán optar ao galardón autores e autoras de calquera nacionalidade, sempre que presenten obras dramáticas inéditas, nunca antes premiadas e escritas en lingua galega. O tema e a extensión é totalmente libre. “Temos unha elevada dotación económica, 7.000 euros, o máis alto da dramaturxia galega. Temos a edición da obra e un magnífico trofeo en bronce deseñado por Xosé Vizoso. Só nos queda conseguir a posta en escena da obra gañadora, no que seguiremos traballando”, indicou o alcalde.

Presentación do libro

Previamente, o profesor Manuel Quintáns presentou o seu libro “Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega”, editado pola Xunta de Galicia a través do Centro Ramón Piñeiro. Un libro de 600 páxinas sobre o que o seu autor non quixo falar, pois “non me corresponde a min falar do libro, senón desculpar os seus excesos e agradecer a todos os colaboradores que fixeran posible este traballo”.

Nun ambiente case familiar, coa presenza de máis de setenta persoas entre as que se atopaban estudosos da figura de Vidal Bolaño, veciños/as de Brión e ex alumnos de Quintáns, o vello profesor fixo unha disertación sobre a literatura e o teatro en Vidal Bolaño, sen referenciar o seu libro ata o final, cando asegurou con retranca que “o meu labor non pasou máis aló do tecelán portugués que fai mantas con retais. O arte deste traballo está neses centos de trapiños plaxiados. Aos seus autores, o meu profundo agradecemento”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, explicou que “este libro é unha contribución esencial para entender a gran obra de Roberto, feita pola persoa que quizais máis se ten dedicado a estudalo”. Ademais, asegurou que “o libro tiña que ser presentado en Brión porque Vidal Bolaño elixiu Brión como residencia e este pobo lle leva feito numerosas homenaxes”.

Finalmente, Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro, salientou que “estamos ante case 600 páxinas de sabedoría acumulada sobre un home, é unha obra maior sobre Roberto Vidal Bolaño, non un cariño” e puxo en valor a figura de Manuel Quintáns, “un dos investigadores máis senlleiros do noso centro, que vén de cumprir 25 anos de vida”. Así mesmo, destacou “os tres índices do libro: onomástico, temático e por título, polo que estamos seguros de que será útil e funcional para atopar información”.

García agradeceu a Quintáns a cesión que o profesor fixo hai anos da súa biblioteca sobre Vidal Bolaño, que se pode consultar na biblioteca do IES de Brión que, como non pode ser doutro modo, leva o nome de Roberto Vidal Bolaño. “Agardo que libros coma este que hoxe presentamos sirvan para que cada vez máis persoas coñezan a figura de Roberto, saiban da súa xenialidade e estean orgullosos dese teatro feito dende, por e para Galicia”, apuntou o alcalde brionés.

Bases do premio 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies