Cadernos de Compostela, nova colección editorial para a difusión da historia e o patrimonio

0

Compostela, 16 de abril do 2018 – Ofrecer un relato diferente da cidade e descubrir episodios, fitos e personaxes menos coñecidas da historia de Santiago é o obxectivo co que xorde a nova colección Cadernos de Compostela.

A concelleira de Acción Cultural Branca Novoneyra presentou a nova publicación nunha rolda de prensa na que tamén interviñeron a investigadora Mercedes Vázquez Bertomeu, membro do colectivo dehistoria e unha das autoras responsables do contido de Cadernos de Compostela, e Marcos Vigo, ilustrador e deseñador dos volumes.

No ano que Europa dedica a conmemorar o Patrimonio Cultural do continente, o Concello de Santiago busca desenvolver iniciativas que afonden na divulgación e o coñecemento do pasado histórico e o acervo patrimonial da cidade por parte veciñanza coa fin de incrementar o sentimento de pertenza a un espazo común e o compromiso co coidado do patrimonio.  Os Cadernos son pequenas publicacións (entre 20-40 páxinas) cun deseño atractivo e moderno, máis próximo ao folleto informativo que a o libro tradicional, de xeito que resulten atractivos a todo tipo de públicos. Consonte a esta imaxe, os textos son de cariz divulgativo e van acompañados de imaxes que fan que os contidos resulten comprensibles e sintéticos.

A primeira das entregas, trasládase ao ano 1116 e retrata unha Compostela asediada polo exército da Raíña Dona Urraca, en pleno conflito pola coroa do Reino de Galicia. O número destaca personaxes senlleiras da historia de Santiago como a propia raíña, o bispo Xelmírez, o Rei Alfonso VII ou o fidalgo Pedro Froilaz, conde de Traba.

En 2018 publicaranse outros tres cadernos que ofrecerán un repaso polas festas da cidade e dos seus barrios, polas protestas estudantís de 1968 en Compostela e  polos desfiles, procesións e cabalgatas que se desenvolveron en Santiago ao longo dos tempos. A colección distribuirase de balde en centros de ensino, bibliotecas, centros socioculturais e outros espazos públicos.

dehistoria (www.dehistoria.net) é unha sociedade laboral orientada á investigación en Historia e ao deseño de produtos e servizos que teñen como punto de partida o coñecemento histórico. É unha empresa de vocación innovadora, tanto polo concepto e valores que a moven como polos proxectos que desenvolveu a lo longo da súa andadura. Estes caracterízanse por un achegamento diferente ao pasado e á súa herdanza: a aposta por xerar novo coñecemento, a intención de facelo útil á sociedade para mellorar a súa cohesión e identidade ou a decidida intención de facelo instrumento de riqueza, presente e futura.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies