займ срочно

Calibre, Extincton e a nova Mission imposible na visión do noso crítico Mandingo

0

Tres son as propostas para hoxe luns 6 de agosto da man de Mandingo. Un conto futurista filmado e producido na Serbia, Extincton,  unha crúa e ruda historia escocesa, Calibre, e a sexta entrega da franquicia Mission: impossible, que lidera de maneira omnipresente o actor Tom Cruise.

EXTINCTON (2018) é unha produción dos estudos Universal para estrear nas salas de cinema, pero que finalmente foi mercada por Netflix para a súa estrea na exclusiva da súa plataforma dixital. Fixo o mesmo co ANNIHILATION (2018) de Alex Garland. Querendo fagocitar o mercado do streaming, tanto quere abarcar a compañía californiana que moitas veces promete máis do que realmente ofrece. Pesa moito máis a cantidade que a calidade e por eses derroteiros non sei se o seu futuro vai ser moi envexable, dada a inminente irrupción doutras plataformas con idéntico músculo (senón maior) financeiro.

É o caso do filme de Ben Young; a inicialmente moi orixinal historia que plantéxanos Spenser Cohen e Brad Kane, desínflase coma un soufflé recheo de aire nada máis descubrila sorpresa no guión. Un conto “ao revés” das historias moitas veces vistas de invasións alieníxenas que teñen por teima asolar o noso planeta.

Aínda que non se revelou a cantidade que Netflix pagou polo filme, semella un negocio redondo para Universal xa que pouca sorte, sospeitamos, ía ter no Box Office. Realizada cun certo espírito ao “CLOVERFIELD”, (sen abusar tanto da cámara na man), e con triscadelos a filmes de “atrapados no bloque de edificio, sen posibilidade de fuxida ortodoxa” a película e vácua en contidos e nas emocións. Non é Michael Peña actor co peso suficiente para liderar unha revolta, nin para ser o novo heroe de acción. Non molesta como secundario para completala cuota sindical, pero non ten técnica para encabezalo reparto nin sequera nesta anémica produción.

Sen caer nos spoilers, o filme preséntanos unha sociedade futura non moi afastada onde Peter (M. Peña) ten recurrentes pesadelos dunha loita entre os seus paisanos e uns soldados cunha armadura que semella de orixe alieníxena. Por certo é do máis salvable no filme; o deseño de vestiario de Suzie Harman, que mantén o grande nivel visto noutros traballos previos coma o ROCKNROLLA (2008) de Ritchie ou a moi divertida THE DEATH OF STALIN (2017) de Iannucci.

Aínda que Peter o principio négase a ir a unha clínica onde poden axudarlle, a insistencia da súa dona, Alice (a interpretación de Lizzy Caplan é do mellor do filme) fai que vaia coma un cordeiro o matadoiro, coma un trasunto dese Hauser no TOTAL RECALL (1990). Algo non encaixa en toda esta leria, pensa Peter, e non vai mal encamiñado…

Pero a historia, que ben puidera ir nunha boa dirección, ofúscase nos tópicos máis previsibles, xogando incluso coa baza da ñoñería máis naiff ao mesturar fuxidas, cativos e monecas silentes. A secuencia final, cuns CIG tan mal feitos, deixa a porta aberta a unha futura continuación dunha resistencia subterránea ao THE MATRIX (1999), que supoñemos que non vai saír adiante, ou si, que nunca se sabe o que poida acontecer. Lémbrame moito a ese títulos oitenteros de Ciencia Ficción cun orzamento de Serie-B, que consiguen sacar os cartos necesarios para seguir facendo segundas e terceiras partes, pero iso si, directamente a estrear nos videoclubes.

Resumindo. ¿Quén pode querer ver filmes así?, os preguntaredes. Pois xente coma min, fagocitadores sen escrúpulos de todo aquilo que cheire a Fantástico.

O bo que ten escribir sobre unha auténtica paixón coma para min é o Cine, é que os agradecidos lectores non só adican o seu tempo a lerme senón que tamén aconséllanme títulos que doutra maneira poida que escapasen ao meu radar de búsqueda de “ese outro cinema”, afastado das luces, os focos e as alfombras vermellas.

É o caso da moi recomendable CALIBRE (2018). Ópera prima do cineasta Matt Palmer, que tamén asina o guión dunha parella de vellos amigos que van pasar un fin de semana cazando cervos na West Lothian escocesa, que son case as lindes derradeiras de civilización das Highlands. Paraxes dunha beleza inhóspita, con rudos habitantes acostumados aos rigores do seu clima e non tanto as visitas foráneas. Moi acertadas as localizacións naturais, sen abusar nos planos da evidente beleza salvaxe dos marcos, pero integrando con pericia na historia a contar.

Tamén de boa nota o feito de aproveitar os escenarios reais (non vai traballo de decorados, o que é moi difícil de atopar hoxe en día). Por intres lémbrame moito á Galicia máis rural, fermosa, húmida, brumosa e os fogares dos lugareños, cos seus cortellos e a maquinaria para traballala terra. O filme vai na mesma liña argumental da tensión e violencia latente que hiberna nos corazóns da xente que ten o Demo metido no corpo, coma xa víramos na demoledora STRAW DOGS (1971) de Peckinpah ou tamén  a abrumadora DELIVERANCE (1972) de Boorman.

Retratos das facianas locais moitas veces non moi clementes, coma as hordas de cabestros amosadas por David Lean na súa pictórica e lumínica RYAN´S DAUGHTER (1970). “Qué nos fixéchedes?”, pregúntalle Logan McClay, o xefe da aldea onde paran os rapaces a un deles.

Moi interesante debut de Palmer, que xa tivera un certo recoñecemento nas súas curtas. Recomendo con interese o filme, que desta vez é un achado da popular compañía audiovisual de streaming e que moitas veces póñoa a caer dun burro. Gustoume moito a intelixencia de Mark Györi a hora de iluminar as estancias e os exteriores, según as tensións vividas. Algo aparentemente tan sinxelo de fotografar, pero que moitas veces os directores  caen na pretenciosidade ou nos encadres imposibles.

Pero onde saco as mans para batelas a rabiar e na edición que Chris Wyatt fai do tiro ao cervo, que conseguiu que soltara unha exclamación e todo. Moi bo artesán que é responsable dese ritmo frenético na notable ´71 (2014) de Paul Haggerty ou da máis académica SHADOW OF THE VAMPIRE (2000), filmes que aproveito para insistir no seu disfrute inmediato.

Merco todo o que esta película cóntame, inclusive o seu epílogo, que véxoo un pouco collido polos pelos. Mellorable a explicación final, polo menos na súa elaboración, que da Palmer para saír do atranco no que métense os xoves, pero que non rebaixa a nota que merece o filme.

E deixo para os postres, a sexta entrega da franquicia MISSION: IMPOSSIBLE. O FALLOUT (2018) de Christoher McQuarrie, que repite na dirección e no guión. O cineasta volve contar as andainas hipervitaminizadas e a fume de carozo de Ethan Hunt, sempre pendente de salvala humanidade no derradeiro segundo e que nunca rexeita as misións que se lle encomendan, por moi inabarcables que semellen.

O actor Tom Cruise nado no 1962, ten toda a pinta de querer recollela testemuña de Jackie Chan a hora de rodar as súas esceas de acción, sen dobres, levando golpes, tropezos e nocellos rotos (o dereito de feito). Nunca comprendín a teima de querer facer o traballo de outros profesionais que están para iso. É un risco para as compañías innecesario e que moitas veces leva a parala rodaxe coma foi neste caso, co sobrecusto nos orzamentos, xa de por sí colosais.

O filme levoulle 161 días de rodaxe (unha barbaridade) e a postprodución finalizou o 3 de xullo, a tan só tres semanas da súa estrea. Para que vexades a complexidade que leva facer proxectos tan excesivos, a escea da loita no baño -de longo a mellor do filme grazas a excepcional edición de Eddie Hamilton que do seu sabe coma ninguén- estaba prevista que levara catro días de traballo. Pois ben, tivo que rodarse por ¡catro semanas!. Unha tolemia.

É McQuarrie un cineasta que coñece o seu oficio, pero que non ten pinta de mellorar o traballo polo que chegou a gañalo Oscar o Mellor Guión Orixinal polo seu texto para o USUAL SUSPECTS (1995) de Singer, filme que ségueme a parecer moi sobrevalorado.

Na produción, está moi presente a man de J. J. Abrams e a súa BAD ROBOT. É o mesmo de sempre. Acción irreflexiva sen parar nin un intre. Non temos tempo de pensar nas posibles solucións máis adecuadas. Xa ven de lonxe. No 2009, atentou contra unha histórica franquicia coma foi no filme STAR TREK. Moitos trekies botaron fume polas orellas, por distorsionar os tempos narrativos máis pausados da saga espacial, e convertela nun”space opera” máis na liña dos chispúms! padecidos nas novas trapalladas de STAR WARS. Pero o certo é que lle funcionou no despacho de billetes nos cinemas, e agora pasa por ser o novo Rei Midas do grande Hollywood, onde os principais estudos de cine, pagan ilimitadas cantidades de cartos pola primeira idea que se lle ocorra.

E así vai o cinema de entretemento de grande orzamento. Repetíndose unha e outra vez coma xa acontecerá nas décadas pasadas. Cando estale a burbulla de superhéroes, a ver quén queda para recollelos corpos…

Se non queres rascar na superficie, se aceptas deglutir sen masticar os 147 minutos que dura, vale coma produto de consumo inmediato. Pero coma pares para buscarlle os erros caduca ao instante. Non suspendo o filme, pero vexo excesivo o entusiasmo dos siareiros da franquicia e do actor nas redes. Supoño que o errado serei eu (nin por asomo, meu!), pero pódese facer cinema de acción de alta calidade narrativa coma a magnífica CASINO ROYALE (2006) de Campbell ou a memorable THE BOURNE ULTIMATUM (2007) de Greengrass.

Podería loubar algunha calidade técnica (que o filme ten), pero vou facer de hater teimudo e acuso a Abrams e os irmáns Munro (Paul e principalmete Chris) de facer unha mestura de son, sinxelamente calamitosa. Cada quince minutos o filme ten un minidesenlace álxido que aproveitan para rebentárnos os tímpanos, coma recurso fácil para aumentar a intensidade emocional. Truco barato de trileiro, que só agradezo por que así evito escoitar os xantadores de flocos de millo, que molestan e moito aos que imos o cinema a ver tan só un filme.

E para rematar, sempre tento visionar as películas sen ningunha información previa, por iso vexo como unha torpeza incrible promocionalo filme descubrindo quen é o vilán de Hunt, coma “a némisis máis perigosa nunca enfrontada ata a a data”. Pois fraco favor fan aos que imos o cine. Ónde vai a sorpresa?. Logo quéixanse que a xente non vai as salas de proxeccións…

Máis nada, rapaces (coma diría Higgins). Vémonos na vindeira semana, coa crítica entre outras, da segunda parte da pixeriana INCREDIBLES do meu admirado Brad Bird.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies