Captain Marvel e o novo de Eastwood na crítica semanal de Mandingo

0

A piques de rematalo inverno, imos levar as vosas pantallas catro propostas tan dispares entre si coma os fogos de artificio, a CAPTAIN MARVEL, a cáustica ollada vital do comediante Rick Gervais na mini-serie AFTER LIFE, o fermoso e crepuscular canto do cisne do case nonaxenario Eastwood coa súa THE MULE e o tropezo inesperado do cineasta J.C. Chandor co filme TRIPLE FRONTIER.

E comezamos polo blockbuster da Marvel-Disney que monopolizará as recadacións de medio planeta neste mes de marzo. CAPTAIN MARVEL é case o epílogo que a compañía creada polo grande Stan Lee expón coma conclusión na travesía xurdida vai xa dez anos. Con máis acertos ca erros, Marvel pechará o 26 de abril toda unha auténtica revolución dentro do mundo do entretemento audiovisual.

Agardaremos ata o visionado de AVENGERS: ENDGAME para poñer nota final a excepcional estratexia do Estudio estadounidense, pero os logros despois de todos estes anos de ofertar fantasía cunhas calidades argumentais e técnicas, son notorios. Sospeitamos da sorte final do xenocida Thanos, aínda que non sabemos quen se colgará a medalla de “The Person? Who Kill Thanos”. Quizáis Iron Man ou Hulk?. Veremos…

Polo pronto a presentación ante o fandom do personaxe capital creado por Gene Colan e o propio Lee no 1967, antóllanos moi feble na súa épica. Non conseguimos empatizar no fondo da psique da militar Carol Danvers pola culpa do pouco traballo no guión das motivacións existencias da nosa heroína. Nada que obxectar a toda esa ampolusidade visual da que sempre fan gala os filmes da Marvel, pero non emociona nin fainos cómplices do visto na grande pantalla.

A mestura argumental sen moito xeito que Anna Boden, Ryan Fleck e Geneva Robertson-Dworet fan das moitas historias que durante medio século capitalizara o personaxe (mudando as veces de xénero ou incluso de especie) non semella dabondo para atraparnos coma siareiros das venturas dos protagonistas e a escasa química entre Vers e Fury, coma parella imposible dunha “buddy movie” incomoda co pueril comportamento que o membro do S.H.I.E.L.D. ten ante os felinos domésticos.

Non é un filme que poidamos sentenciar coma aburrido por que as escasas dúas horas teñen un aceptable tempo narrativo, pero agardábamos moito máis no desenrolo dos caracteres. Non só vemos feble os roles principais. Os secundarios tamén levan unha certa anemia discursiva, tanto pola parte dos heroes coma dos viláns e é unha mágoa por aquelo de respectar a Lei non escrita que di aquelo de “canto mellor é o malvado, mellor é a película”.

Gustará a rapaces de 8 anos cara adiante e tamén aos fans irredentos da Marvel. Meto no saco das querenzas a todos os espectadores indulxentes nas explicacións das orixes dos protagonistas e que tampouco precisan dunha elaborada historia para gozar do espectáculo libre de remorsos (que envexa!, o confeso) pero que no meu caso deixoume coma se acabara de xantar un bocadillo de sopa.

Na mesma liña anémica vai o filme TRIPLE FRONTIER do director-escritor J.C. Chandor, profesional do medio que tiña un certo recoñecemento por asinar propostas moi a ter na conta coma a denuncia da crise económica feita no MARGIN CALL (2011), a arriscada pero lograda ALL IS LOST (2013) ou as tensións sociais sufridas na A MOST VIOLENT YEAR (2014), probablemente o seu mellor traballo ata a data.

Nesta ocasión, acepta contala historia de cinco ex-militares outrora pertencentes aos grupos de operacións especiais (soldados que o cinema estadounidense soe concederlles poderes case sobre-humanos) que non tiveron a sorte de consolidar un futuro laboral estable e que van vellos para re-inventarse para outra cousa que non sexa facer incursións punitivas.

TRIPLE FRONTIER é un produto de consumo inmediato, de factura aséptica, cun ritmo sostido pero que non aspira a cotas maiores por mor dunha sinxela historia vista mil veces. Poida que sorprenda algúns espectadores non habituais do xénero, pero nestas producións os roles van sempre moi ben repartidos. O líder de pasado escuro que non quere volver a “acción”, o amigo de sempre que oferta un derradeiro e lucrativo traballo (“¡veña, merecémolo!”), a parella de irmáns sendo o menor sempre a cabra tola -polo xeral soe morrer- e a couta racial diversa coma pilotos, artificieiros ou comediantes frustrados.

Pois ben, o pouco que salvo é que si que van roles recoñecibles, pero polo menos vai unha lixeira revisión dos mesmos. Vai traxedia persoal (non sospeitada, pero xa vistas no PSYCHO (1960) de Hitchcock ou na infravalorada TO LIVE IN DIE IN L.A. (1985) de Friedkin) e un pouco daquela fuxida cara adiante dos membros que integraban o mítico THE WILD BUNCH (1969) do noso admirado Peckinpah. No resto, un pouco do mesmo que a produtora-estudio-canle de streaming ten a gala de levar xa coma recoñecible selo de autoría, onde priman máis as calidades nas técnicas de rodaxe que os talentos dos responsables das mesmas.

Podedes optar por dúas horas de contido lineal ou investir un pouco máis de tempo e gozar coa serie AFTER LIFE; conto co británico Rick Gervais escribe e dirixe sobre un home, (Tony), que enviuva e que leva o seu pesar da peor maneira posible, facéndose unha dor de moas para todos aqueles que teñen tratos con el ou para os desprevidos que tropezan no seu camiño.

Tony, é un auténtico “toxo”, amargado da súa existencia e da felicidade dos seus conxéneres. Na realidade está enfadado consigo mesmo por non poder axudar a súa dona curar. Os desprezos que solta na realidade teñen un único destinatario. El mesmo. Terá un proceso de expiación, que levará con esperanzadora fortuna nos seis episodios que ten a primeira sesión e que sospeitamos derradeira, por que o epílogo non precisa de seguir con estes personaxes. Non necesariamente.

Unha moi interesante serie que coquetea coa comedia inglesa de trazo negro e irreverente, onde Gervais aproveita para sacar as cores a esa parte da sociedade anglosaxoa máis pendentes do sensacionalismo dos taboleiros amarelos que das políticas anti-brexit e das súas funestas consecuencias.

Recomendo con interese estas pouco máis de tres horas que mestura con intelixencia sorrisos e algunha pesadume anímica que doerá máis a aqueles que perderon seres queridos por mor das enfermidades incurables e lentas no seu desenrolo.  Unha traxicomedia amable na base, pero que toca temas moi importantes, presentes na actualidade pero que moitas veces facemos coma que non queremos decatarnos; non vaia ser que descubramos esa outra cara da realidade do mal chamado Primeiro Mundo.

E para finalizar por hoxe, a derradeira? película do cineasta Clint Eastwood, que a piques de cumprir os noventa anos, mantense cunha envexable lucidez artística e física propia deses autores que non teñen na mente un retiro profesional dourado, coma os seus colegas Woody Allen, Scorsese ou o xa finado Manoel de Oliveira.

Eastwood leva a grande pantalla a historia real dun octoxenario que transportou durante un certo tempo millóns de dólares de cocaína dun cartel mexicano de Sinaloa. THE MULE é unha sorprendente lección de cine crepuscular que da máis do que a propia historia ten. E dicímolo por que a vida persoal do ex-alcalde de Carmel lembra moito a todos ese erros que o protagonista acusa do seu pasado.

Valoramos e con nota alta a carreira profesional de Eastwood, aínda que a súa vida familiar sexa cando menos, mellorable. Non imos desenterrar hachas de loita entre ex-donas e fillos recoñecidos ou non, pero a expiación final da “mula” ante os seus conmove (sen caer na gratuidade da bágoa fácil) e de feito, é imposible disociala da propia vida de Eastwood.

No 2008 o vello Clint dicía que era a derradeira vez que actuaba diante da cámara, pero logo repetiu no 2012 para a desapercibida TROUBLE WITH THE CURVE de Robert Lorenz. Quedo co rexistro que fai para THE MULE e tamén co bo pulso que mantén na película. Vai un pouco de homenaxe entre lusco e fusco para eses personaxes de por sempre vencellados coa súa pétrea faciana coma son os William Munny, Walt Kowalsky, Frankie Dunn ou Harry Callahan. Tipos dunha peza que xa forman parte lendaria no Olimpo fílmico dos derradeiros sesenta anos no Cinema estadounidense.

Por vez primeira dende vai dezaoito anos, o seu director de fotografía Tom Stern non asina a iluminación. Pásalle coma o mencionado Allen. As súas carreiras son tan lonxevas que os colaboradores primixenios ou xubiláronse ou abrazaron o “grande soño”. Non vexo moito atranco por que o traballo de Yves Bélanger é dunha clasicidade sorprendente na traxectoria do canadense. Fermosas imaxes nos horizontes (coma se dun Western tratara) ben potenciadas pola delicada B.S.O. ca lenda do Jazz, o trompetista Arturo Sandoval compón para a ocasión.

THE MULE é un filme que recupera ao mellor Eastwood, cineasta cunha querenza artística harmónica, equilibrada, de derradeiro mestre clásico do cinema americano; alumno avantaxado  de Don Siegel que coa perspectiva do paso dos anos, vemos xa herdeiro desa tradición tan propia do seu país de contala épica do heroe solitario contracorrente, afastado no correr dos tempos, que xanta ese pastel que adiviñamos no cristal translúcido do final de MILLION DOLLAR BABY ou ese centauro hercúleo que mira dende a porta, fora de plano e vírase coa dignidade das lendas que non morren, coma o inesquecible Ethan Edwards de John Wayne, o único actor máis duro co propio Eastwood.

Xulgamos os cineastas e as súas obras e deixamos as persoas e as súas ideas para outros foros (por unha vez e sen que serva de precedente).

Moi boa película. Ide a vela, non vos arrepentiredes.

Máis nada na crónica deste venres 15 de marzo. Saúde, consumide con criterio e facede o ben aos vosos semellantes e demais seres vivos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial