займ срочно

Carboeiro terá un plan director antes de que remate o ano

0

Silleda, 25 de agosto do 2017 –  O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou o Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, onde anunciou que a Consellería que dirixe vai encargar antes de que remate o ano a redacción do Plan Director.

O Plan Director de Carboeiro é a folla de ruta que determina o estado de conservación do mesmo, a previsión de usos e as futuras actuacións, entre outros aspectos. O Conselleiro explicou que, ademais deste Plan, xa se está tramitando a redacción dun proxecto básico e de execución, por importe de 17.500 euros, para a execución de traballos de conservación do mosteiro.

Román Rodríguez explicou que estas accións se enmarcan no programa que está a preparar a Consellería, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, para realizar melloras nos bens de interese cultural vinculados coas distintas rutas de peregrinación que integran os Camiños de Santiago, como é o caso deste mosteiro silledense.

Durante a súa visita ao mosteiro o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña; polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

Actuacións iniciais

Segundo explicou o conselleiro, a Consellería está tramitando a contratación da redacción do proxecto básico e de execución dos traballos de conservación necesarios neste templo, ao abeiro do informe realizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Neste sentido, a intervención contemplaría a reparación de muros en mal estado, a limpeza da cuberta da igrexa e a reparación da correspondente á edificación que acolle o espazo de exposicións, a limpeza das fachadas, a reparación de humidades nas fiestras das torres, e a limpeza dos frescos da ábsida. Así mesmo, deseñaríase unha alternativa de subministro de enerxía eléctrica.

O investimento previsto para estas actuacións iniciais, a maiores dos 17.500 euros destinados á redacción do proxecto, ascendería aos 224.000 euros. Os traballos executaríanse en canto as posibilidades orzamentarias permitan poñer en marcha o devandito programa de posta en valor de BICs integrados nos Camiños.

Plan Director

No referido ao Plan Director, o documento deberá resumir, reunir e extractar o estado do coñecemento que neste momento existe sobre o monumento; realizar un completo estudo sobre o seu estado de conservación elaborando unha diagnose completa e propoñendo as actuacións necesarias así como a súa orde de prioridades e urxencia. Tomando como base estes estudos, o Plan deberá propoñer os estudos específicos que sexa necesario realizar e unha ordenación de usos existentes así como de novos usos, viables e compatibles cos valores do monumento, que incremente o seu interese e a satisfacción que da visita obtén o turista ou a persoa que se achega ao monumento.

O obxectivo é facer sostible a xestión do ben, así como facilitar o seu mantemento futuro e o do seu contorno máis inmediato. 

Románico serodio

San Lourenzo de Carboeiro ten a consideración de Ben de Interese Cultural, coa categoría de Monumento, ao abeiro do Decreto de 3 de xuño de 1931 e do disposto na Lei 16/1985 do patrimonio histórico español e da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia. Aínda que non existe unha data exacta da fundación do Mosteiro, teríase producido no século X, da man dos condes de Deza, Tareixa Eiriz e Gonzalo Betótez. O monumento debe o seu nome á actividade de elaboración de carbón vexetal que se desenvolvía na zona debido á espesa vexetación da contorna.

Esta abadía benedictina viviu o seu maior esplendor nos séculos XII e XIII, nos que se erixiron os elementos arquitectónicos máis salientables do mosteiro. O monumento é, non en balde, un dos exemplos do románico serodio, de transición ao gótico, máis destacables de Galicia. O seu estilo está, ademais, influenciado polo traballo desenvolvido polo Mestre Mateo na catedral de Santiago.

A partires do século XVI o mosteiro perde progresivamente a súa riqueza ata quedar relegado a priorado, sendo abandonado totalmente no 1836, no momento da desamortización de Mendizábal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies