Máis de medio milleiro de nenos homenaxean a Carlos Casares na Carballeira de Santa Minia en Brión

0

Brión, 17 de maio do 2017 –  Máis de medio milleiro de nenos e nenas de Brión e preto de cen adultos participaron na Festa das Letras na Carballeira de Santa Minia.

O evento estivo organizado polo Concello de Brión para conmemorar o Día das Letras Galegas e está incluído no programa da XXVII Feira do Libro. Unha actividade na que participaron nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos e das escolas unitarias de Luaña, Bastavales e Os Ánxeles, xa que a última hora non se sumou o alumnado do IES de Brión.

Ao coincidir a festa co día de mercado, as actuacións trasladáronse do Palco da Música a un escenario emprazado ante a biblioteca municipal. O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de dar a benvida aos pequenos, a quen lles explicou que o obxectivo desta festa e da XXVII Feira do Libro “é dobre: por unha banda queremos que afondedes cos vosos mestres no coñecemento da obra do autor ao que se dedica o Día das Letras Galegas e, por outra, que así nos axudedes a transmitir ese coñecemento ás vosas familias e a todos os que hoxe nos acompañan aquí”.

García citou a Carlos Casares ao dicir que “os que fan da defensa da lingua unha cousa antipática, inaceptable e violenta xeran rexeitamento” e puxo ao Concello de Brión como bo exemplo da defensa do idioma, “polo que o ano pasado recibimos o Premio Lois Pena Novo”. Un premio que Brión gañou, entre outras cousas, pola súa aposta pola cultura e as actividades como as incluídas na XXVII Feira do Libro. “E como todos vós participades nel, este premio tamén é voso”, explicou José Luís García, quen rematou convidando ao todos a “como dicía Carlos Casares, defender esta lingua con todas as nosas forzas e todos os nosos coñecementos”.

Actuacíons

Durante case dúas horas, os máis de cincocentos nenos e nenas que ateigaron a Carballeira de Santa Minia fixeron un repaso pola obra de Carlos Casares a través dos seus personaxes e os seus libros. Todo presidido por unha gran figura da Galiña Azul, como bandeira de tolerancia e do respecto pola diferencia.

Polo escenario da Carballeira de Santa Minia pasaron o alumnado de Quinto de Primaria do CEIP de Pedrouzos, que interpretaron un popurrí de cancións populares acompañados por instrumentos feitos por eles mesmos con materiais de refugallo. Tomaron o relevo os nenos e nenas do Grupo Folclórico das Escolas Municipais de Danza de Brión, que presentaron “A muiñeira de Olas”, mentres que as súas compañeiras do Grupo de Pandereteiras interpretaron “Canto de traballo e polca de Brión”.

A continuación o alumnado de Infantil do CEIP de Pedrouzos cantou “A primavera”, de Mamá Cabra, seguidos dunha nova actuación de compoñentes das Escolas Municipais de Danza de Brión, que cantaron “O piollo e a pulga” e bailaron a “Muiñeira de Leira” (Ordes). Un grupo de mestres do colexio, que conformou un pequeno grupo musical chamado “Airiños de Pedrouzos”, tomou o relevo dos pequenos para interpretar varias pezas populares (muiñeira, pasodobres e xotas).

Para rematar, o Grupo de Pandereteiras volveu actuar interpretando “A muiñeira de Yirarga”, mentres que o Grupo de Baile se despediu coa “Muiñeira de Oirós”. O alumnado de quinto e sexto de Primaria, seguido por todos os presentes, se encargaron de pechar o acto coa interpretación do himno galego.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies