Presentada a XVIII Carreira pedestre de Ames

0

Ames, 11 dde outubro do 2017 – Onte foi presentada a da décimo oitava edición da Carreira pedestre de Ames, que se desenvolverá en Bertamiráns o vindeiro domingo, 22 de outubro. a partir das 10:30 horas.

A carreira pedestre de Ames disputarase nun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros para un total de 11 categorías. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 18 de outubro. De xeito paralelo vaise organizar o sábado 21, pola mañá, un obradoiro no que se impartirán nocións de adestramento para atletas de carreiras populares. 

A XVIII edición da Carreira pedestre de Ames pertence ao V Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. A presentación desta iniciativa correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, do presidente do club Millaraio, José David García Arcos, e do técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño. Nesta iniciativa tamén colaboran outras entidades como a Deputación da Coruña, Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, cafetería Don Budi, Gadis, Serviplus, Los Angeles Gas, GST Telecomunicacións e Banco Sabadell.  

A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro e estará homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo. Premendo na seguinte ligazón poderás ver un vídeo do trazado do circuíto da XVIII carreira pedestre https://www.relive.cc/view/1205998865.

Miñones destacou que “este ano mantense o circuíto de 10 quilómetros que se estreou a pasada edición, pero cunhas pequenas modificacións. A saída e chegada estarán instaladas na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello, igual que o ano pasado. Trátase dun circuíto cun trazado moi chan e que combina natureza polo rural e zonas urbanas. Dispón dunha lonxitude de 5 quilómetros, polo que haberá que completar dúas voltas excepto os participantes de categoría xuvenil que darán unha volta. A única diferenza é que o percorrido de ida farase pola estrada DP-0205 e a volta polo camiño de Sisalde. Este cambio fíxose para que durante os primeiros quilómetros os participantes corran por unha estrada suficientemente ancha”.

Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Bertamiráns). Ademais, colaborará o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames. O presidente do club Millaraio, José David García Arcos, destacou que “para os rapaces e rapazas do Millaraio é o comezo da temporada. Para todos eles e elas esta carreira ten unha importancia especial”. Ademais, explicou que “o circuíto desta carreira é perfecto tanto para os corredores que se inician neste deporte coma para aqueles que xa levan tempo correndo carreiras populares e que queren mellorar a súa marca persoal”.

De xeito paralelo vaise organizar o sábado, 21 de outubro, un obradoiro no que se impartirán nocións de adestramento para atletas de carreiras populares. Esta actividade será impartida por Diego Rojo, licenciado en Educación Física e profesor no IES plurilingüe de Ames. Nos próximos días ampliarase a información sobre este evento.

Inscricións telemáticas e presenzas

Na carreira popular poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poderanse facer ata á media noite do día 18 de outubro a través da seguinte ligazón: http://emesports.es/event/xviii-carreira-pedestre-popular-concello-de-ames/. Tamén se poderá realizar de xeito presencial nas tendas deportivas: Deportes Amesport e Deportes Metrópolis. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

As persoas que desexen participar na proba absoluta (de júnior a veterano) terán que aboar unha cota de 5 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web de Emesports. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a xuvenil) é gratuíta. Calquera dúbida que teñen no proceso de inscrición dos adultos poderán resolvela chamando ao número de teléfono 886 153 589 ou enviando un correo electrónico á dirección info@emesports.es.

Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello o día anterior á carreira (sábado, 21 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.

Horarios e distancias

Os corredores da proba absoluta e da categoría xuvenil tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Ás 12:00 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2013 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís e cadetes (2.000 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2002 e 2012.

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados/as no Concello de Ames. Haberá premios en metálico individuais para os cinco primeiros clasificados da proba popular que irán dende os 300 euros ata os 50 euros. Repartíranse 1.450 euros en premios metálicos.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies