Carta ao director: Peregrinar á beira do explosivo

0

Peregrinar á beira do explosivo

Cantas voces son necesarias para que un Goberno escoite ao seu pobo?

Non é suficiente un informe argumentado e claro de ameaza do Camiño Francés e outros bens culturais nos nosos municipios, como así sinalou ICOMOS  nun contundente informe emitido en outubro do pasado ano.

Non son suficientes os informes contrarios ao proxecto que demostran a ameaza ao patrimonio natural con innumerables especies que se verían aniquiladas e exterminadas na zona, como así o sinalaron a Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade Galega de Historia Natural ou a Asociación Drosera.

Non é suficiente a ameaza e risco demostrado das enormes balsas de lodos con residuos a perpetuidade e un elevado nivel de falla e risco para as vidas de persoas e calquera outro ser vivo da zona, ata a propia Ría de Arousa e, en consecuencia, as gravísimas e irreparables consecuencias ambientais e económicas que un accidente destas características supoñería, como así o manifestaron informes independentes de expertos como o profesor Steven Emerman.

Non é suficiente a destrución do medio de vida de centos de persoas que teñen aquí os seus fogares, as súas terras, o seu día a día e a súa economía centrada na gandería, a agricultura, o sector forestal, as industrias agroalimentarias, o turismo, vinculado principalmente ao Camiño de Santiago, e os servizos vinculados a estas actividades, que ven seriamente ameazadas por este proxecto, como así o manifestou o Sindicato Labrego Galego en relación ás explotacións gandeiras.

Máis da metade do terreo non pertence á empresa promotora do proxecto, está a expulsarse ás persoas das súas terras. (Este mapa pertence a un dos documentos presentados por CSR na fase de exposición pública do proxecto)

Non é suficiente a herdanza contaminada que desde hai 30 anos sufrimos froito da inexistente restauración ambiental da anterior explotación mineira, pechada de maneira indefinida para a explotación de cobre no ano 1988, cuxa recuperación nunca se conseguiu, drenando acedo aos ríos e acuíferos procedentes da mina non restaurada e, consecuentemente, perpetuando os danos ás nosas augas, como así quedou demostrado nas múltiples denuncias de asociacións como Petón do Lobo, Salvemos Cabana, Adega ou Aldea Viva.

Non é suficiente que o propio Defensor del Pueblo chame a atención sobre a máis que sospeitosa imposibilidade de acceso á información, e advirta ao propio Goberno da Xunta para que poña luz e taquígrafos nun asunto coma o desta mina, onde todo apunta a que está pechada indefinidamente para a extracción de cobre desde 1988.

Cantos argumentos e informes máis serán necesarios para que, despois de dous anos desde a exposición pública do proxecto, e seis meses máis desde que a empresa o presentase na Xefatura Territorial de Minas da Coruña, se resolva denegando dunha vez un proxecto considerado NON VIABLE e QUE NON CONTA CON 15 INFORMES SECTORIAIS FAVORABLES?

Estaremos condenados a convivir cunha herdanza envelenada, con camións diariamente circulando á beira das nosas casas, das nosas familias, transportando á beira de onde camiñan os peregrinos diariamente entre 9000 e 16000 kg de explosivos, (documento do proxecto sobre tipo de voaduras) para a súa posterior detonación a menos de 1000 metros do Camiño e a menos de 200 das casas dos nosos veciños en Arinteiro ou Tribás, ou tantos outros lugares que rodean este inferno?

Na nosa man está paralo, non o dubiden. En Touro e O Pino así o dixemos, e toda a sociedade galega apoiounos o 10 de xuño de 2018 abarrotando a Praza do Obradoiro, km 0 de remate de todas as peregrinacións a Santiago. Non nos daremos por vencidos ata frear este atentado social e ambiental, porque Galicia non quere esta mina.

Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial