A Casa das Mulleres Xohana Torres celebrou a súa primeira xuntanza

0

Compostela, 8 de febreiro do 2018 – A Casa das Mulleres Xohana Torres, inaugurada o pasado mes de novembro, tivo a súa primeira xuntanza para definir o funcionamento.

A Xohana Torres é un espazo creado polo concello de Santiago, situado no barrio de Sar, que será xestionado polos colectivos de mulleres da cidade. Á primeira reunión foron invitados os colectivos feministas que xa viñan traballado co Concello, así como todas aquelas mulleres que o solicitaron o día da inauguración do espazo. Acudiron arredor de medio cento de persoas. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, foi a encargada de moderar a xuntanza e de explicar o documento base sobre o que se traballou posteriormente. Na reunión definíronse as normas básicas e decidiuse que se xestionará a casa baixo un modelo de coxestión entre o Concello de Santiago e tecido asociativo e de mulleres.

Tres órganos

A Xestión da Casa levarase a cabo a través de tres organismos: a Asemblea Xeral, a Coordinadora Municipal e as Comisións de Traballo. A Coordinadora Municipal será unha traballadora do Departamento de Igualdade do Concello, mentres que as Comisións de Traballo irán creándose segundo as necesidades da Casa. De momento tense acordado a creación de tres, a de programación de actividades, a de comunicación e a de formación.

Pola súa banda, a Asemblea Xeral estará formada por mulleres que pertenzan a asociacións ou entidades que realicen actividades de xeito regular no espazo. Para iso, o Concello creará un rexistro específico no que se apuntarán aquelas asociacións que desexen participar. Tamén poderán formar parte da mesma mulleres que, sen pertencer a colectivos feministas, desexen adscribirse a título individual, Iso si, deberán formar parte da Asociación Casa Xohana Torres, que botará a andar no mes de abril mediante unha primeira xuntanza aberta entre aquelas mulleres que desexen forman parte do Grupo Motor.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies