Na procura de novas ideas para a Casa dos capeláns de Padrón

0

Padrón, 31 de Nadal do 2017 – A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria avaliará nos vindeiros meses distintas fórmulas de colaboración co Concello de Padrón para posibilitar a musealización e o aproveitamento con outros usos polivalentes da recentemente restaurada Casa dos Capeláns, situada a carón da antiga Colexiata de Iria Flavia.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, realizou unha visita ao inmoble, na que estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral técnico da consellería, Jesús Oitavén; o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; e a concelleira de Cultura, Lorena Couso, ademais dos responsables da obra de rehabilitación.

Román Rodríguez alabou o resultado das obras de restauración do inmoble, que se atopaba nun estado completamente ruinoso e que permitiu “recuperar e por en valor o gran atractivo do conxunto histórico que conforma xunto coa antiga Colexiata de Iria Flavia e as Casas dos Coengos, sede da Fundación Pública Galega Camilo José Cela”. Ditas obras supuxeron un investimento superior aos 420.000 euros, maioritariamente procedentes do Ministerio de Fomento con cargo ao denominado 1,5% Cultural.

Tras coñecer a previsión do Concello de Padrón de orientar a utilización do recinto a usos museísticos e culturais, entre os que se atoparía a exhibición de pezas de arte sacro de gran valor, o conselleiro animou aos responsables municipais a elaborar un proxecto máis completo e polivalente para vincular aínda máis a Casa dos Capeláns á posta en valor da historia local e dos vínculos de Padrón coas orixes do fenómeno Xacobeo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies