A plataforma Casalonga Limpa de Residuos recibe o apoio da Deputación de A Coruña

0

Teo, 28 de xullo do 2018 – A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno deste venres unha declaración institucional en apoio á plataforma Casalonga Limpa de Residuos co obxectivo de que se tomen as medidas necesarias para evitar a instalación da planta de reciclaxe nesta zona.

A través desta declaración, a institución provincial amosa o seu apoio á veciñanza afectada polo proxecto, reunida en torno a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos,  e insta ao Concello de Teo e a Xunta de Galicia a que adopten as medidas necesarias, de forma conxunta e coordinada, para evitar a instalación da citada planta impulsando, no seu caso, os cambios lexislativos necesarios para que estas situacións, e outras de igual gravidade, non se dean en solos próximos a zonas residenciais de Galicia.

A plataforma ten como obxectivo divulgar o problema e concienciar a todas persoas afectadas das implicacións de situar unha planta de residuos nos terreos da antiga canteira da Casalonga (Teo), á beira da estrada N550 e dunha estrada provincial, entre Santiago e Padrón, situándose algunhas das casas máis achegadas a uns 230 metros da finca. Na contorna e rodeando todo o monte atópanse os lugares de O Vilar, O Faramello, Rúa de Francos, Casalonga, Osebe, Ameneiro, Texexe, Socastro, Mouromorto, O Casal Cantoña e Cornide, os máis próximos a menos de 550 metros do seu perímetro e todos a menos dun quilómetro. A poboación situada nesta zona cero e de máis de 2.000 persoas e nun radio de 2 quilómetros, en torno a unhas 69.000 persoas.

No referente aos servizos existentes na zona, a actividade da planta de residuos afectaría a escolas, colexios, centros de saúde, casas de turismo rural, albergues do Camiño Portugués ou hostalaría, entre outros. Ademais, na contorna atópanse diferentes elementos patrimoniais como dous castros, catro carballeiras, agrupacións de petroglifos, capelas e cruceiros, unha ponte romana e varios núcleos protexidos.

A Deputación considera que a instalación desta planta suporá unha grave repercusión e incidencia sobre a vida e a actividade de todos os núcleos urbanos e rurais do seu arredor.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies