Case un millón de euros para a ampliación do CPI de Vedra

0

Vedra, 26 de xaneiro do 2019 – A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou que as obras de ampliación do CPI de Vedra comezarán este verán.

A Conselleira explicou nunha visita ao CPI de Vedra que a previsión do seu departamento é licitar a actuación no primeiro trimestre de ano para que se poidan empezar a executar os traballos unha vez rematen as clases, de tal xeito que interfiran o mínimo posible na vida escolar. Neste momento estase a supervisar o proxecto.

Cun importe de licitación aproximado de 900.000 euros, a actuación consiste na ampliación do centro a través dunha nova edificación, na que se situarán 8 aulas de educación secundaria. A construción do novo edificio permite redistribuír as aulas de infantil e primaria no edificio xa existente, no que se realizarán tamén melloras.

No edificio actual situarase o taller de tecnoloxía na que agora é a aula de Educación Infantil e colocarase a Sala de Usos Múltiples no que neste momento é o devandito taller. Así mesmo, dividiranse tres aulas de infantil para poder contar con seis espazos para desdobres, incorporaranse aseos a dúas aulas de infantil, substituirase o actual grupo electróxeno por un novo e reformarase a entrada do centro.

Na visita estivo acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo. A conselleira destacou a implicación da comunidade educativa deste centro do rural, que participa activamente en diferentes iniciativas impulsadas desde a Consellería. O CPI, ademais de ser plurilingüe, forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), conta con libro dixital a través de E-Dixgal e participa no Plan Proxecta, en concreto no programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional. O traballo do centro foi, asemade, recoñecido cun dos Premios Proxecta de Innovación Educativa 2018 por un proxecto de dinamización lingüística.

CEIP de Ortigueira

Así mesmo, a titular do departamento educativo da Xunta visitou, tamén en Vedra, o CEIP Ortigueira, un colexio tamén moi activo que desenvolve, no marco do Proxecta, o proxecto deportivo Centros Activos e Saudables e é un dos 159 centros públicos galegos de Primaria que conta con kit de Robótica para fortalecer o avance dos escolares nas áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM).

Carmen Pomar quixo salientar o compromiso do seu departamento co concello de Vedra no que, desde 2009, se investiron preto de 220.000 euros en melloras en centros educativos, investimento que se elevará agora a máis de 1 millón de euros coa ampliación do CPI Plurilingüe.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial