Castelao. Construtor da nación, novo libro do Consorcio e Galaxia

0

Compostela, 23 de abril do 2019 – Galaxia e o Consorcio de Santiago publican Castelao. Construtor da nación, a biografía máis completa do autor galeguista

Miguel Anxo Seixas Seoane asina o primeiro tomo dunha biografía monumental, concibida case como un diario da vida cotiá de Castelao cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública narrados a carón da actualidade da época

Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) leva estes días ás librarías un traballo que é o compendio de anos de investigación e recollida de datos e documentación sobre a vida e obra de Castelao: o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar aos galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista.

Seixas recolle ademais todo o material “invisible” de Castelao, o que estaba en mans privadas e era case descoñecido, nesta primeiro todo da obra biográfica cuxas máis de 1300 páxinas completan un puzzle que ninguén chegara a rematar antes. Castelao. Construtor da nación e un reflexo tanto do que escribiu o propio Castelao como do que escribiron sobre el, achegando ademais unha gran cantidade de material gráfico e pictórico. Ademais, reivindícase tamén a coherencia ética e a vida de entrega polo país do autor de Sempre en Galiza.

Esta biografía nace coa intención de situar a Castelao no seu contexto, na súa relación co mundo, intentando dar continuidade ao seu legado e concienciando da necesidade de loitar contra a inxustiza. Seixas Seoane deita no papel toda a súa paixón pola busca do pormenor significativo, o seu rigor na comprobación e descuberta de aspectos ignorados ou esquecidos e o gusto por rexistrar os pasos e a obra de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega no século XX.

Miguel Anxo Seixas Seoane, ademais de historiador, foi tamén redactor e guionista da Televisión de Galicia e traballou como coordinador do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Publicou xa outras obras sobre Castelao da man de Galaxia como Castelao, pintor (2006) ou a obra colectiva Para ler a Castelao I e II (2000).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial