Malvela, Caxade e Xabier Díaz e Adufeiras na XVI Noite Folk de Negreira

0

Negreira, 4 de agosto do 2018 – Son dezaseis anos de música tradicional os que se celebrarán o día 18 en Negreira coa edición 2018 da Noite Folk que ven de presentar o seu cartaz.

Como noutras ocasións o cartaz da  XVI edición da Noite Folk de Negreira. foi tarefa de Xosé Vizoso que  plasma en imaxes todo o que representa esta celebración. O ilustrador mindoniense tamén se encargou este ano do deseño do cartel das Festas do Apóstolo de Santiago, entre outras. A combinación de violetas, azuis e vermellos semellan transmitir xa o eco das músicas de Xabier Díaz, Caxade e Malvela, protagonistas desta edición. Así, o vindeiro sábado 18 de agosto o Refuxio de Pescadores de Covas encherase de música folk a partir das 22:00h cuns concertos que serán completamente de balde.

Malvela

Abrir’a a Noite Folk Malvela, un grupo de folk galego, creado en Sanguiñeda (Mos). Está integrado por 13 cantadeiras (Matilde, Silvina, Fita, Clara, Carmiña, Señora Carmen (falecida), Lina, Maruxa, Dina, Aurita, Teresa, Merche e Adela), acompañadas por 6 músicos: Gustavo Domínguez (acordeón), Raquel Domínguez (gaita), Pablo Ces (bombo), Anxo Pardo (tamboril), Abilio Santos (cavaquiño) e Ana Senlle (dirección vocal). Unha versión da popular canción “O pirimpimpín” foi utilizada como cabeceira da serie Padre Casares, emitida pola TVG.

 

Xabier Díaz

Xabier Díaz compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego. Froito deste traballo é o álbum Coplas para Icía (2007) no que contou coa participación de Pedro Lamas e Suso Iglesias. Foi cantante titular da compañía Nova Galega de Danza coa que levou a escena os espectáculos Alento, Engado e Tradicción entre os anos 2005 e 2009. Formou parte do grupo Berrogüetto, desde inicios de 2008 até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda. Participou xunto a Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero no proxecto aCadaCanto co que editaron aCadaCanto (2012) e A Rosa D`Adina (2014). Colaborou en discos e concertos de diferentes artistas, como Kepa Junkera, Xosé Manuel Budiño, Carmen París, Amancio Prada, Luar na Lubre, Uxía ou Os Cempés. Así mesmo, a súa presenza nos escenarios non só se circunscribe ao ámbito galego senón a lugares como México, Zimbawe, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina ou Bélxica.

No ano 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, que obtivo o galardón ao mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e ao mellor álbum na categoría de música tradicional dos Premios Martín Codax da Música (2016). Alén diso, The tambourine man, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016. Este ano saca coas albufeiras o segundo larga duración que leva por título Noró.

 

Caxade

Caxade é proxecto musical de indie-folk do músico galego Alonso Caxade que comezou no ano 2012. Os seus traballos están editados no selo cooperativo Discos da máquina. Naceu como un proxecto audiovisual a través das publicacións das videocreacións “Dança dos Moscas”, “Gente Pota” e “Sr. Xorda” con Javier Antelo Seoane, Iria Pinheiro e Tania Ameneiro. En 2013 publicou A dança das moscas. Foi nomeado aos Premios Mestre Mateo, Mellor Artista 2013 nos XIII Premios Opinión e gañou o Certame Música Xove. En decembro de 2014 Caxade presentou o seu novo proxecto coa Banda de Música da Bandeira no Culturgal, no Pazo da Cultura de Pontevedra, interpretando o seu disco A Dança dos Moscas cunha orquestración de Manu Paino. Un ano despois, en decembro de 2015, tamén no Culturgal presentan o CD-DVD A Dança dos Moscas Ao Vivo gravado coa Banda de Música da Bandeira. En decembro de 2015 participou no festival Suns Europe en Udine representando a Galiza coa canción “Gente Pota”. En 2016 recibiu o Premio Martín Códax da Música na categoría de folk. O novo disco leva por título “E isto é o amor”.

 

 

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies