займ срочно

O CDG volve ao Salón Teatro con Neoretranca e posmorriña

0

Compostela, 28 de xuño do 2019 – O Centro Dramático Galego volve a súa casa, o Salón Teatro, coa obra Neoretranca e posmorriña baixo a dirección de Gena Baamonde.

Neoretranca e posmorriña ponse en escea as nova da noite menos o domingo que será as sete e media da tarde xa que é a función de conciliación. Hoxe venres hai tamén a  función inclusiva. Audiodescrición, linguaxe de signos e accesibilidade. Programa de man en lectura fácil. Dispoñibilidade de audiodescrición e espazos para cadeira de rodas previa reserva. O prezo das entradas é de 5 euros.

A peza escrita por Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte é explicada no seguinte texto pola directora Gena Baamonde

Neorretranca e posmorriña, dúas pezas sobre un mesmo sentir, caras diversas sobre unha mesma inquedanza. A identidade galega como concepto inaprensible, como acción non rematada, como busca incesante. A cultura, a lingua, a escrita, hábitos e prácticas sociais, tradicións e mitos propios. Memoria compartida inzada de símbolos que ás veces non recoñecemos como nosos, que interpelan a imaxinación dunha comunidade non sempre en sintonía.

Neorretranca no punto de mira. Ironía e humor negro acompañado dunha crítica irreverente e a sensación de ter chegado a un punto de inflexión no camiño, onde hai que soltar lastre, onde hai que deixar atrás certos símbolos, algunhas certezas con aparencia de verdade que xa non lle acaen a case ninguén. Namentres, Posmorriña no horizonte, imaxinación dunha Galicia posible que aínda non coñecemos e que, así e todo, non deixamos de estrañar. Saudades dun territorio aberto e por explorar.

Fantasía nº 5 en sol ou non de Esther F. Carrodeguas e Boisaca ou a divina desgraza de Roi Vidal Ponte, compoñentes inseparables dunha andaina que comeza co reto de entender Galicia máis alá dos tópicos, de explorar diversas caras dunha mesma moeda e, a un tempo, diversos camiños da creación escénica. Punto de partida en diálogo cun equipo creativo en continua escoita que, no proceso de ensaios, acaba por construír unha nova proposta dende un punto de vista crítico. Un elenco e un equipo formado por mulleres con perfís moi diversos, con puntos de vista moitas veces silenciados.

Fantasía nº 5 en sol ou non, sinfonía aberta ao xogo escénico, catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer. Collage, onde as pezas non encaixan, nin así se pretende, só conviven nunha partitura á espera de ser tocada. Fantasía ao Carrodeguas, danza da loita cotiá, unha imaxe que se repite, poñer edificios enormes onde había natureza, unha montaña de roupa de todas as historias de Galicia, anacos dunha terra en venda. Sabedoras de que non imos cambiar o mundo do teatro con esta matanza.

Boisaca ou a divina desgraza, humor negro en cemiterio turístico nun tour completo polos límites da vida. Unha viaxe polo alén, un paseo polos alicerces dun teatro institucional con asentos incómodos, festa gastronómica, minifundismo atávico e o tellado a piques de romper. Personaxes debuxados de migallas da memoria colectiva. Gargalladas caricaturescas. Sucesión de escenas nun limbo de identidades.

Aquí somos así, fantasía e desgraza, en sol ou non.

P.D. Dedico este espectáculo a Dorotea Bárcena, actriz, dramaturga, directora, feminista e pioneira do teatro galego.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies