Os mortos de aquel verán, homenaxe do CDG e Talía Teatro a Carlos Casares

0

Compostela, 14 de maio do 2017 – Talía Teatro e o Centro Dramático Galego celebrarán o Día das Letras Galegas cunha aproximación escénica á novela de Carlos Casares Os mortos daquel verán.

O 16, 17 e 18 de maio o Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá cinco funcións desta montaxe, dirixida e adaptada por Artur Trillo.

Carlos Casares é o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Para conmemorar esta data, Talía Teatro e o Centro Dramático Galego levarán ás táboas unha aproximación escénica dunha das súas novelas máis relevantes, Os mortos daquel verán. A obra será presentada no Salón Teatro de Compostela os días 16, 17 e 18 de maio. Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Diego Rey, Artur Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, Gustavo G. Dieste e Xurxo Barcala protagonizan esta esta montaxe.

Artur Trillo asina ademais a adaptación textual e dirixe esta versión da obra, que explora a linguaxe innovadora e a extraordinaria solvencia narrativa da novela, publicada en 1987 pola editorial Galaxia.

A aparición do cadáver do boticario Modesto Vilariño Dacal, morto supostamente en accidente ao comezo da guerra civil, pon en marcha unha investigación xudicial na que unha rica galería de personaxes irá aportando o seu testemuño para intentar esclarecer o caso.

O pulo para acadar a verdade, a crítica do dogmatismo e das diversas formas de violencia opresora son as forzas que inspiran esta proposta, escrita nun rexistro innovador e cunha orixinal estrutura. Unha obra dirixida a un público adulto que analiza as complexas relacións sociais das vilas galegas de principios do século XX.

Artur Trillo encárgase da adaptación do texto e dirección da montaxe, Dani Trillo asina o deseño e realización da escenografía e Diego Rey ocúpase da selección musical desta proposta, na que participa tamén Martina Cambeiro, encargada do deseño de maquillaxe e vestiario da obra.

As funcións comezarán as 20:30 h e haberá tamén dúas funcións matutinas para escolares.

A compañía

O Centro Dramático Galego coproduce esta montaxe xunto a Talía Teatro, compañía galega que leva case trinta anos sobre as táboas traballando a prol da dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais do país. Con esta aproximación escénica amosan a súa versatilidade e capacidade de adaptación a novos formatos e propostas, alén de homenaxear a un dos mellores autores galegos do século XX.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies