Tramo final para o cemiterio municipal de Ames

0

Ames, 3 de novembro do 2017 – Este xoves, 2 de novembro, Día de Defuntos, o goberno de Ames organizou unha visita ao cemiterio municipal co obxectivo de que os concelleiros puidesen ver como quedou esta instalación despois das obras de acondicionamento que se realizaron durante os últimos meses.

Na visita tamén se anunciou que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do proceso de licitación para a adxudicación da concesión de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal.

Dende o pasado mes de agosto o cemiterio municipal de Ames xa está aberta e pode visitarse para ver como quedou despois dos traballos de acondicionamento que se realizaron. Agora, unha vez finalice o proceso de adxudicación da concesión dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios, poderase comezar a empregar as instalacións.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “a partir da próxima semana os veciños interesados poderán presentar as súas solicitudes para poder optar aos nichos, columbarios, panteóns e tumbas que se conceden por un período de 25 ou 75 anos. Ademais, establecéronse uns criterios de valoración como son os de idade, ser natural e estar censado en Ames, etc.”. Miñones tamén salientou “creo que vai haber máis oferta que demanda, por iso quedaron pendentes de arranxar tres rúas do cemiterio para unha segunda fase. Penso que con preto de 900 nichos que se sacan agora a licitación vai a ser suficiente. É un proceso que seguiremos abrindo segundo haxa demanda”.

Traballos de mellora feitos no cemiterio

O cemiterio dos Batáns foi recibido o 29 de xaneiro do 2010, pero por mor dunhas deficiencias observadas polos técnicos municipais e da posterior demanda do Concello, nunca chegou a abrirse ao público. Ao consecuente deterioro provocado pola falta de uso durante estes anos, sumáronse os danos ocasionados polos diversos actos de vandalismo dos que foi obxecto a instalación en varias ocasións. Agora, grazas ás obras realizadas nos últimos meses a través dos fondos do PAI, esta instalación municipal está preparada para poder ser empregada pola veciñanza amesá.

A través das obras realizadas acondicionáronse as instalacións deste cemiterio (excepto tres rúas que quedan pendentes de executar nunha segunda fase). Arranxáronse as rúas   do camposanto, os nichos, tumbas, panteóns e columbarios, así como a área de estacionamento. Ademais, acondicionouse a sala velorio, que tamén se pode usar como capela de culto, a sala de autopsias, e realizouse un cambio de luminarias (que dispoñen de lámpadas led), que permite un aforro do 50% da enerxía inicialmente necesaria (pásase de 36.000 vatios a 18.000).

Mellora da vixilancia e horario de apertura

Outro dos cambios significativos é o da mellora da seguridade. Incrementouse a vixilancia da Policía Local sobre estas instalacións e colocáronse cámaras de seguridade que gravan nas zonas exterior e interior do cemiterio. Neste mesmo senso vaise a pechar o acceso ao recinto cun portal que non deixe entrar vehículos no horario no que está pechado o camposanto. Estas actuacións adoptáronse co obxectivo de que estas instalacións non volven a sufrir actos vandálicos no futuro. 

Ademais, cómpre lembrar que dende o pasado 1 de agosto o cemiterio municipal está aberto á cidadanía. Así, a veciñanza amesá pode ir a velo antes de presentar as súas propostas para a concesión de uso dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios. Actualmente o cemiterio está aberto todos os días (incluídos sábados, domingos e festivos) de 10:00 a 18:00 horas.     

Presentación de solicitudes

A vindeira semana está previsto que saía publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o anuncio da devandita licitación. Para a presentación das ofertas establecerase un prazo de 20 días naturais dende a data de publicación do anuncio de licitación no BOP. As ofertas deberán presentarse, nalgún dos rexistros municipais, en dous sobres pechados (A e B) coa documentación que se indica no prego de condicións que rexen o proceso de licitación. A información relativa a dito prego pódese consultar no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal. Ademais, segundo dixo hoxe o alcalde haberá unha persoa que axudará ao veciños e veciñas a cubrir os impresos e maila documentación que haberá que entregar para participar en dita licitación.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies