CGAC 25, unha mostra que repasa o cuarto de século do museo

0

Compostela, 2 de xuño do 2018 – O Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC. ven de inaugurar a mostra Colección CGAC 25, conmemorativa do primeiro cuarto de século de vida deste centro.

Na presentación de CGAC 25 o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou o “papel protagonista” do centro durante este período, “polos artistas que lle deron vida, os profesionais que o mantiveron e guiaron, e os visitantes que acudiron para enriquecese persoalmente coa súa actividade.” na presentación, xunto ao Conselleiro, tomaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director do CGAC, Santiago Olmo.

Esta mostra, comisariada por Santiago Olmo, percorre o primeiro cuarto de século de historia do museo a través dun total de 89 pezas escolmadas entre as 1.276 que conforman a colección. A exposición subliña a súa función transformadora como unha institución cultural que integra a función de museo, a de centro de arte que innova con proxectos expositivos temporais e, finalmente, como arquitectura internacional e referente de modernidade, facéndolle así unha homenaxe ao edificio proxectado por Álvaro Siza e inaugurado agora hai 25 anos.

25 anos en tres seccións

O novo proxecto expositivo, Colección CGAC 25, está dividido en tres seccións e permanecerá aberto desde o 1 de xuño até o 30 de setembro. A primeira parte mantén unha estrutura de carácter histórico e cronolóxico, centrada no punto de partida da colección, con obras producidas entre os anos 50 e os 70. Inclúe obra de artistas como Mampaso, xa presente no anterior proxecto da colección Modelo x armar, completada agora con pezas dos 70 de artistas como Novoa ou Mantecón.

Este apartado afonda na creación dun contexto español e internacional para a arte galega, o que ademais constitúe desde o principio da colección unha constante e un obxectivo nuclear do museo.

Unha segunda sección establece unha reconsideración do papel desempeñado polo museo a partir da súa colección e a súa programación.  Moitas das pezas que compoñen a segunda sección da exposición poñen de relevo o proceso de internacionalización que o CGAC levou a cabo en Galicia a partir dos anos noventa.

Unha programación expositiva renovadora e punteira determinou a adquisición de obras singulares  que vertebraron exposiciones tan significativas como as de Vito Acconci, Leiro, Xavier Toubes, Karin Sander, James Cassebere, Jürgen Partenheimer, Ricardo Basbaum ou Tono Carbajo. Neste mesmo apartado, inclúese unha peza de Berta Cáccamo, recentemente falecida, como homenaxe e recordo ás súas dúas exposicións no CGAC en 1998 e no 2016.

A terceira parte da mostra resalta a importancia do proxecto arquitectónico a través dun nutrido núcleo de obras que dialogan e se inspiran na arquitectura de Siza Vieira. A sede do CGAC foi inspiración e punto de partida de múltiples proxectos e obras de arte.  Entre os que se destacan na mostra, está o traballo fotográfico de Günther Förg na Facultade de Xornalismo da USC ou o aquel realizado por Juan Araujo para o CGAC no que recompilou desde a pintura detalles e espazos concretos do museo.

O papel do vídeo na Colección CGAC

A mostra péchase no Espazo de Proxectos cunha selección de vídeos da colección centrada nas relacións entre a performance e o estilo documental. Aquí, xunto con pezas como The King (1972) da artista Eleanor Antin, pioneira nos discursos feministas, exhíbense outras máis recentes nas que utiliza tanto o documental como a performace. Atopamos xenealoxías vinculadas coas estéticas dos anos 70, como sucede coa obra de Virginia Villaplana Escenario doble, ou co traballo documental Asuntos internos, de Xoán Anleo e Uqui Permui, que aborda as problemáticas e realidades do colectivo trans en Galicia. Tamén vencellando a performance e o documental atopamos o vídeo sobre Víctor Grippo, artista ao que o CGAC lle dedicou unha exposición retrospectiva en 2013, realizado por quen foi a súa comisaria, Alicia Chillida.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial