Apego organiza en Ames unha xornada sobre os procesos madurativos de 0 a 3 anos

0

Ames, 19 de maio do 2017 – A Concellaría de Normalización Lingüística de Ames, dentro do programa Apego, está organizando para o vindeiro luns, 29 de maio, ás 18:00 horas, unha charla-obradoiro de achegamento práctico aos procesos madurativos que se dan en nenos de 0 a 3 anos e que asentarán a personalidade futura.

Este actividade desenvolverase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e será impartida por Itos Lorenzo, psicomotricista infantil e psicóloga clínica. Está dirixida a pais con nenos/as de 0 a 3 anos e a futuros pais. As inscricións poderanse facer ata o 24 de maio enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal co nome das persoas participantes e un número de teléfono de contacto. Enviarase un correo coa confirmación da praza solicitada.

Contidos da charla-obradoiro

A actividade comezará cunha pequena charla na que se abordarán os procesos madurativos que se producen ata os tres anos (adquisición dunha imaxe persoal, da identidade e da unidade corporal), falarase sobre o período sensoriomotor cunha mirada ao corpo como unificador da experiencia e tratarase o desenvolvemento neuronal na etapa de 0 a 3 anos na que nacen un elevado número de circuítos de aprendizaxe. Itos lorenzo achegaranos tamén claves para interpretar mellor a comunicación preverbal (tono, actitude, xestos, movementos, espazos, obxectos…) e reflexionaremos sobre a comunicación como apertura á socialización e sobre a relación entre a evolución da comunicación e o avance no xogo.

A segunda parte será unha experiencia vivenciada a través dun xogo de rol, na que os papás e mamás asistentes terán que pórse na pel dun cativo ou cativa de 0 a 3 anos. A actividade rematará cunha posta en común dos temas tratados e coa solución de dúbidas que poidan ter as persoas asistentes.

Programa Apego

Esta actividade encádrase no programa Apego, un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais a través do sitio web www.apego.gal.

Ademais de facilitar información, materiais e recursos, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais, coma este obrdoiro, e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas.

Calquera familia interesada no programa, con nenos/as de 0 a 6 anos ou que estea agardando un bebé, pode dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüistica a través do correo normalizacion@concellodeames.gal para inscribirse e e recibir información sobre o programa e sobre todas as actividades e recursos dispoñibles.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies