Charlize Theron por partida dobre na crítica de cine semanal de Mandingo

0

Charlize Theron é por partida dobre, a actriz destacada nas críticas que Mandingo tráenos hoxe, luns 30 de xullo. Dende a semi paródica longametraxe de tópicos ao sur do río Pecos ata chegar pola nova colaboración entre o cineasta Jason Reitman e a guionista Diablo Cody.

Polo xeral, cando Hollywood mira ao seu veciño do Sur, non soe saír moi ben retratado. Supoño que para os guionistas e produtores estadounidenses debe ser unha tarefa máis sinxela e doada a de amosar os costumismos típicos dos mexicanos antes que abordar un coidado estudo dos personaxes a presentar.

Coas contadas e moi dignas excepcións da por exemplo preciosa COCO (2017) de Unkrich e Molina e o universo recreado por Peckinpah (aínda que eran outros tempos) a inercia leva a contar historias onde os “cárteles” son o nexo de unión entre as dúas sociedades civís.

O segundo filme que dirixe Nash Edgerton, GRINGO (2018), pretende ser unha comedia de acción, mesturando subxéneros coma a screwball máis previsible e as andainas dos mazarocos que van de chea na Tijuana apta para guiris. Culpables deste desaguisado son os guionistas Matthew Stone e Anthony Tambakis, que xa fixeran un esquecible traballo para os Coen, na insípida INTOLERABLE CRUELTY (2003).

Pois nesta produción a todo luxo da compañía propiedade do negrero Jeff Bezos, hai moito do dito. Unha comedia onde non ris nin sorrís. Unhas secuencias de acción polo xeral previsibles e ata aburridas. Unha sensación durante o visionado, de querer salvalo día de traballo, e tirar para a vindeira secuencia que tampouco estamos a rodar o SICARIO (2015) de Villeneuve nin tampouco esa moi divertida película que Verbinsky dirixira no 2001, baixo o título de THE MEXICAN.

No filme, o empresario Richard Rusk (Joel Edgerton) e mais a súa man dereita Elaine Markinson (Charlize Theron) tentan consumar un “pelotazo” a hora de comercializar unha pílula de marihuana medicinal, aínda que polo intre non está legalizada a súa venda. Así que para producila, montan a fábrica no México fronteirizo agardando que todas as trabas soluciónense en calqueira día.

Harold Soyinka (David Oyelowo) é o home de palla a sacrificar, por se as cousas van mal no negocio que teñen medio legal cos inversores estadounidenses e medio “así daquela maneira” co clan dirixido por Pantera Negra, o líder do narco da zona, langrán beatlemaníaco sen escrúpulos e que vai poñer todo patas arriba.

Para tentar solucionar os problemas aos que enfróntanse Rusk, os guionistas plantexan propostas vistas xa en moreas de filmes. E nin sequera dou por orixinal a sorte que teñen os protagonistas (nin sequera a do irmán de Rusk, que tentan meter coma sorpresa non agardada). Insisto, nada novo baixo o Sol.

Coma curiosidades varias, gustoume as numerosas homenaxes que fan ao escritor Ernest Hemingway e o deseño de produción coma suma total nas distintas artes. Non son para levar o Oscar, pero nótase que o orzamento foi dabondo. O filme vai dedicado á revisora do guión Tracy Scott, falecida na postprodución e máis ó cineasta Curtis Hanson.

Pódese ver nun domingo de choiva e frío, pero sen ningunha esixencia previa, que logo vou ter eu a culpa e non son pai de máis fillos (coido que con catorce, cumprín darreo).

O director Jason Reitman volta a traducir en imaxes o imaxinario particular da guionista Diablo Cody, muller feita así mesma, cunha historia persoal digna de adaptala ao cinema, pola singularidade da súa vida e as eleccións tan pouco habituais que fixo na súa xuventude, pero que de feito déronlle inspiración para contar historias certamente afastadas do cotián.

Non quero dicir con isto que para asinar bos guións teñas que camiñar pola beira máis excéntrica da vida, pero o certo é que Diablo Cody ten a miña curiosidade garantida ante cada novo proxecto seu. Dende que gañara o Oscar ao Mellor Guión Orixinal por JUNO (2007), filme que tamén dirixe Reitman e que pareceume un logro por exceso loubado, teñen a boa teima de colaborar de cando en vez.

O cineasta, que todos lembramos polo excepcional traballo que fixo nesa case obra mestra que é UP IN THE AIR (2009), leva a bo porto a singradura de Marlo (Charlize Theron), nai recén parida do seu terceiro fillo e que ten que afrontar a temida depresión post-parto non diagnosticada. Nos EE.UU. tivo certa controversia, por que considéranse uns trastornos moi severos e o rol que fai o seu marido (sempre atarefado polo traballo e non moi pendente da súa dona) interpretouse de moi diversas maneiras.

Tully é unha muller a todas luces sobrepasada polos acontecementos. Non da feito, entre o bebé, o seu fillo cun autismo que tres médicos non foron capaces de descubrir, o coidado da casa, a lembranza dunha xuventude perdida entre cueiros, kilos demáis e noites sen durmir…

Aínda que o principio resístese a meter no seu fogar unha coidadora nocturna para o recentemente nado, a recomendación do seu irmán dunha “nanny” chamada Tully faille mudar de opinión. A rapaza, non só coida do bebé, senón que revitaliza a propia Marlo, chegando a converterse nunha amiga de segredos e antigas vocacións. Case semella unha irmán menor, unha versión actualizada da que a propia Marlo desexaría ver no día a día. Pero non hai volta atrás. A xuventude e as inmaculadas esperanzas van no sorriso de Tully, por moito que Marlo queira volver aos vellos tempos. Cústalle aceptala realidade, pero como lle di a súa boa nova amiga, “non é malo ter a vida que tes. É un proceso lóxico que vai da man dos anos que levas vividos”.

Todos queremos ser eternos Peter Pan ou Princesas Leia, pero non ten nada de negativo afrontar novas etapas e responsabilidades. Marlo cústalle entendelo pero sabe que a súa amiga especial ten moita razón. Sorte que aparecera nese val de afundimento anímico, xusto no intre preciso para acudir ao rescate.

Iso é o que plantexan tanto a propia Cody como Theron ao director. Votamos unha ollada ao noso pasado e vemos a ese/a  xove sen medo dispost@ a comelo mundo e pensamos nos erros que aínda quédanlle por facer e polos tropezos pendentes por percorrer.

Todos temos un Tully que axúdanos nos intres duros, aínda que moitas veces non somos capaces de velo.

Bo filme.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial