Chega o inverno despois dun outono chuvioso na bisbarra

0

Compostela, 20 de decembro do 2018 – Ás 23:23 horas do venres 21 dará comezo o inverno boreal, que se prolongará ata o 20 de marzo ás 22: 58 horas.

A eclipse total de Lúa da madrugada do 21 de xaneiro será, sen dúbida, o fenómeno astronómico máis salientable do inverno que agora comeza. O primeiro contacto coa sombra terá lugar ás 4:34 horas, e o último ás 7:50.

No hemisferio norte esta é a estación máis curta, con 88,99 días fronte aos 89,85 do outono, 92,75 da primavera e os 93,66 do verán. O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas. Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis. Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro.

Curiosidades

A Terra pasará o 3 de xaneiro polo perixeo, mínima distancia ao Sol (147.097.887 Km), e ao día seguinte terá lugar o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas. Así mesmo, a comezos de ano aínda vai ser visible con prismáticos o cometa 46P/Wirtanen, preto da constelación de Auriga.

Por outra banda, Mercurio vai estar en boas condicións de poder ser observado a simple vista logo do solpor a finais de febreiro, “e haberá interesantes aliñacións da Lúa con planetas nos amenceres dos primeiros días de xaneiro, febreiro e marzo”, informa o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA), José Ángel Docobo.

Outono chuvioso en Compostela

Segundo as medicións realizadas polo OARMA, o outono que agora remata “pode considerarse chuvioso na comarca de Compostela”, asegura Docobo, porque aínda que o inicio foi seco “como continuación dun setembro de récord”, as precipitacións iniciáronse a mediados de outubro para intensificarse ao longo de novembro e decembro. A modo de exemplo, entre os días 9 e 10 de novembro chegaron a caer máis de 110 litros/m2. Así en total, os máis de 700 litros/m2 recollidos (cun 63% de días de choiva) devolvéronlle a Santiago a normalidade pluviométrica.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial