Chévere recupera 3 das súas obras para conmemorar os 30 anos de escenario

0

Compostela, 19 de maio do 2017 – No 2017, Chévere cumple 30 anos e vaino celebrar ofrecendo ao público a posibilidade de volver asistir a tres espectáculos míticos do repertorio antigo da compañía que se poderán ver xuntos exclusivamente en Santiago durante o mes de xullo (non haberá xira posterior).

Imaxe de Ultranoite no país dos ananos

Imaxe de Ultranoite no país dos ananos

Grazas a unha coprodución da compañía e o Concello de Santiago, do día 4 ao 9 dese mes o Teatro Principal de Santiago acollerá o aclamado Río Bravo, mentres que a premiada ópera Annus Horribilis estará no Auditorio de Galicia entre os días 12 e 14. Finalmente, a Praza da Quintana servirá de escenario para representar a Ultranoite no País dos Ananos o día 19 de xullo. A entrada a este último espectáculo será de balde.

Para celebrar estas tres décadas de vida e presentar oficialmente os actos previstos para este ano, Chévere ofrecerá unha festa/presentación a medios o día 24 de maio ás 12.30 h. na terraza da Fundación Eugenio Granell (Pazo de Bendaña. Praza do Toural, 8), que contará coa presenza do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e de toda a familia Chévere. Nesta presentación interpretarase en directo unha pequena selección de músicas dos espectáculos que se re-estrearán durante o mes de xullo, proxectarase un adianto do vídeo realizado para celebrar o 30 aniversario e ofrecerase un aperitivo.

Con estas tres obras búscase ofrecer unha panorámica musical, gamberra e festiva do que ten sido a traxectoria artística de Chévere nos 80, nos 90 e nos dousmil. As tres ofrecen miradas dispares sobre a Galicia desta época e as tres foron creadas en colectivo e contaron co apoio de milleiros de espectadores e espectadoras. Montar estas tres obras tamén é un agasallo para a cidade de Compostela, fogar e paisaxe emocional ao longo de tantos anos. Quen queira velas de novo, terá que vir á nosa cidade. Non se verán xuntas en ningún outro sitio.

Como extensión dos actos de celebración centralizados en Compostela, tamén durante o mes de xullo, a Mostra internacional de teatro cómico e festivo de Cangas acollerá unha función de Río Bravo o día 1 de xullo, mentres que a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavía programará Annus Horribilis o día 16. Este espectáculo estará tamén presente no Tom de Festa de Tondela (Portugal) o 15 de xullo.

Rio Bravo estreouse en 1990 no Teatro Principal. Foi o cuarto espectáculo de Chévere. Unha condensación magnífica dese espírito rebelde e desa actitude gamberra e irreverente coas que a compañía se presentara en sociedade con pezas como Servizo Discrecional (1987), O Mal Non Acouga (1988) e Salomé (1989). Río Bravo superou todas as expectativas, chegou a públicos de todas as idades, de aldeas, vilas e cidades, de Galicia, do resto da Península e mesmo Brasil. En tres anos acadou as 180 funcións e os 25.000 espectadores. Un fenómeno teatral que se repetiu en 2002, cando se fixo un remake para celebrar o 15 aniversario de Chévere, que foi estreado na Sala Nasa cun equipo renovado.

Río Bravo, un lugar  do (nor)Oeste, á saída dalgunha revolta, onde os homes son homes e as mulleres tamén. Un musical trepidante que esgota por fin os estereotipos do western ríndose de todos eles. O lugar onde Chévere se atopou consigo mesmo e iniciou a marcha lenta e implacable cara á busca da súa identidade. Esta é unha revisitación do mito. Río Bravo está no mesmo sitio. Non mudou de ubicación nin de apariencia. Os personaxes, os ambientes, a aventura, en definitiva, segue sendo a mesma. E algúns dos que a fan posible tamén. Un musical en directo. Unha comedia disparatada. Unha festa teatral para goce de todos os públicos. Vintesete anos despois coma se fose hoxe.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies