Chicho Losa, Cineuropa na mirada

0

Chicho Losa leva 30 anos vendo a vida a través dunha pantalla. Pasada a  cincuentena segue tendo a mirada ilusionada que debía lucir cando, aínda non cumpridos os 18, conseguía entrar a ver algunha película. Eran outros tempos nos que Santiago chegou a ter 6 cinemas que aos poucos desapareceron.

Cineuropa significou nestes anos a posibilidade de ver películas que de non ser polo festival nunca chegarían á cidade. Cando internet dános a oportunidade de telo todo en casa Losa defende contra vento e marea a pantalla grande, o rito de acudir, o illarse do exterior. Lembra os comezos do festival como unha aventura na que tiveron que aprender ano a ano en que consistía organizar un evento así

A aventura de Chicho Losa para sacar adiante  Cineuropa nace na súa nenez, coa película que impulsou a súa  cinefilia, La aventura del Poseidón

Para comprender mellor o que significaba acudir ao cinema naquela época lemos unha pasaxe de “Historia da cidade de Compostela” de  Ermelindo Portela “Había señoras que cando no desaparecido cinema  Metropol, na rúa Doutor  Teixeiro, proxectábase un filme cualificado con 4 R (para maiores con reparos), situábanse na beirarrúa de en fronte para identificar os espectadores coñecidos, cuxa lixeireza era logo difundida nos círculos  bienpensantes”. Nesa sala foi onde Losa viu aquela primeira cinta que tanto o marcou

Chicho tivo a sorte de crecer nunha familia na que a cultura era prioritaria. Nun  puritano Santiago, como o mencionado, o apoio dos seus pais foi fundamental á hora de ver cinema

Cineuropa é un festival que se cociña a lume lento, boa proba diso é que 32 anos despois aínda non ten unha sección competitiva cun xurado profesional. Os 20 primeiros anos Losa dirixiuno, en certo xeito, de forma  amateur; ata que alguén decidiu que profesionalizar o festival era unha boa idea

Poida que esa xestión tan particular sexa o que conseguiu que  Cineuropa sobreviva a gobernos de todas as cores, literalmente. Só nos últimos anos parece que se quixo impulsar unha liña máis clara de traballo e un horizonte cara ao que camiñar

Dentro desa liña  definitoria fai seis anos decidiuse buscar unha temática anual, mostrar películas moi difíciles de ver nin tan sequera en plataformas dixitais que presumen de telo todo

O seguinte paso será converter a sección oficial en algo máis competitivo cun xurado profesional que complementará o xurado  novo que tan bos resultados deu

Cineuropa sobreviviu aos cambios políticos, aos tecnolóxicos, á crise, á inexperiencia, ao principio, dos seus impulsores e agora enfróntase aos  mastodontes americanos. Aínda que o director recoñece que os cambios vense vir é difícil predicir que pasará

Se temos que xulgar a  Cineuropa pola ilusión dos que o fan ten un futuro brillante. Despois de 32 anos sorprenden os nervios da estrea que transmite Chicho Losa, no mellor sentido, antes de que comece cada edición. Tras a charla non se sabe moi ben onde termina o director e onde empeza o festival, é unha simbiose que sen dúbida dá cada anos uns magníficos froitos que chegan, como algúns dos mellores de Galicia, no outono.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial