займ срочно

As facultades de Ciencias da Comunicación e Filosofía elixiron equipos decanais

0

Compostela, 13 de outubro do 2018 –  O profesor Xosé Ramón Pousa Estévez acaba de ser reelixido decano da Facultade de Ciencias da Comunicación nunha Xunta de centro na que obtivo a totalidade dos votos emitidos, mentres que o catedrático Marcelino Agís Villaverde accede por vez primeira ao decanato da de Filosofía.

Ciencias da Comunicación

Esforzo, participación, transparencia e diálogo son as constantes nas que Xosé Ramón Pousa Estévez sustentará o seu labor neste período de goberno. Como explicou, a súa intención é “seguir levando a cabo unha xestión transparente e participativa, coa colaboración de todos os sectores que integran o centro”. Entre outros retos do seu proxecto de futuro apuntou a reforma dos planos de estudo, “de cara a actualizar os contidos e responder de forma máis eficaz ás demandas da sociedade”. Tamén reivindicou a necesidade dunha política que permita “a renovación docente e investigadora, loitando para posibilitar a carreira docente do profesorado xa vinculado a este proxecto así como a incorporación de novos valores que garantan unha educación de calidade”.

Pousa Estévez

O profesor titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC Xosé Ramón Pousa Estévez (Compostela, 1953) é doutor en Ciencias da Información pola Universidade Autónoma de Barcelona. Como investigador pertence ao Grupo Novos Medios e coordinou varios proxectos financiados polo Ministerio de Educación e a Xunta de Galicia relacionados co estudio da audiencia radiofónica, a aplicación de novas tecnoloxías dixitais ou a utilización de ferramentas de comunicación no mundo da empresa, entre outros. Como xestor académico, foi vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación (1993-2000) e director do Departamento de Ciencias da Comunicación (2000-2004). Foi ademais secretario da Asociación Galega de Investigadores en Comunicación AGACOM (2006-2012) e xa ocupaba o decanato dende o ano 2014. No plano profesional foi redactor de A Nosa Terra (1977-1979) e La Voz de Galicia (1980-1993) e director de Antena 3 Radio en Santiago de Compostela (1990-1993). En 1991 incorporouse á USC como profesor asociado.

Filosofía

Marcelino Agís estará acompañado nos labores de goberno pola profesora Mª Luz Pintos Peñaranda como secretaria e por Javier Barcia González como vicedecano. O lema da súa campaña electoral foi ‘En compromiso coa filosofía’ e nel propuxo “traballar para que a nosa Facultade ocupe un espazo relevante entre os demais centros da USC e no conxunto das Facultades do mapa universitario español e europeo”. Neste contexto Agís Villaverde traballará para “lograr que a Filosofía siga recuperando o protagonismo que lle corresponde na vida social, cultural e científica”.

Outros aspectos incluídos no seu programa de traballo para os vindeiros catro anos, apuntan a incrementar a presenza das materias de contido filosófico no ensino non universitario, contribuír á convivencia, calidade de vida e respecto á diferenza e a poñer en valor o compromiso coa lingua, a cultura e o pensamento galegos.

Marcelino Agís

Marcelino Agís (Raxó –Pontevedra- 1963) é catedrático de Filosofía da USC así como conferenciante convidado en universidades e institucións investigadoras de Alemaña, Portugal, Xapón, Italia, Estados Unidos, México, Brasil ou Chile. Con anterioridade ocupou os cargos de vicerreitor de Terceiro Ciclo e Extensión Docente, conselleiro delegado de Cursos Internacionais da USC, director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social. Ademais foi asesor de planificación docente, coordinador do Máster de Filosofía e, na actualidade, coordinaba o programa de doutoramento en Filosofía.

É autor ou coautor de preto de trinta libros e de 40 artigos ou capítulos de libros. Ademais de ter dirixido arredor dunha ducia de teses de doutoramento é membro fundador e presidente da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía e dos Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago e dirixiu a Revista Agora. Papeles de Filosofía e da revista Compostela. Ademais, o pasado ano incorporouse como académico correspondente da Academia de Ciencias de Lisboa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies