займ срочно

O Centro Integrado de Formación de Compostela, CIFP, cumpre 50 anos con Martín Berasategui como invitado

0

Compostela, 18 de abril do 2017 –  O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela celebra o seu 50 aniversario convertido nun referente nacional e internacional nos estudos de FP de Hostalería e Turismo.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu o acto central da conmemoración, que contou coa presenza como invitado especial do chef Martín Berasategui; ambos acompañados do director do centro, Ramiro Esparís; e do director xeral de Educación, FP e Formación Profesional, Manuel Corredoira.

Na súa intervención, Román Rodríguez destacou o CIFP Compostela como centro precursor do ensino da Hostalería en España, cuxas ensinanzas foron unha constante e un sinal de identidade ao longo destas cinco décadas. Segundo o conselleiro, o seu proxecto pedagóxico encaixa á perfección no modelo de formación profesional que estamos a desenvolver para a vindeira década.

O responsable de Educación do Goberno galego aproveitou para agradecer o traballo desenvolvido por este centro e a súa constante aposta pola innovación e pola calidade, unha traxectoria avalada polos numerosos premios acadados polo seu alumnado en múltiples competicións (Galiciaskills, Spainskills, Euroskills, Innova FP).

Precisamente, en referencia aos estudantes que están e que pasaron por este CIFP (nove deles foron recoñecidos con estrelas Michelin), o conselleiro amosou o orgullo de contar cuns profesionais preparados, emprendedores e de prestixio cuxa formación académica e traxectoria profesional contribúe a reforzar un sector estratéxico e con gran potencial en Galicia, como é o da Hostalería, e, sobre todo, “a dignificar a profesión”.

Fomentar o emprendemento

Aproveitando a celebración deste 50 aniversario, quedou inaugurado o viveiro de empresas do centro, que comezará a funcionar de xeito inmediato, e cuxa finalidade é o asesoramento ao alumnado para a creación de empresas. O viveiro, ao que a Consellería destinou 20.000 euros para adecuación das instalacións e dotación de mobiliario, dispón de tres espazos para emprendedores e unha sala de reunións. Un viveiro que -segundo recalcou o conselleiro Román Rodríguez- “será clave para fomentar o emprendemento, un dos desafíos da nova estratexia da FP para a vindeira década”.

A dotación deste espazo, xunto coa reforma dos talleres de cociña, tamén inaugurados, supuxo un investimento de máis de medio millón de euros neste centro por parte da Consellería de Cultura e Educación.

O acto contou coa presenza do coñecido chef Martín Berasategui, que destacou que o avance acadado no eido gastronómico non sería posible sen a existencia de centros de formación coma o CIFP Compostela. Tras subliñar que a orixe da actual cociña comeza polas materias primas que proporciona a natureza, emprazou aos estudantes do centro a ser perseverantes, inconformistas e actuar con “ambición sa” para seguir medrando na súa profesión.

Os actos programados do 50 aniversario do CIFP Compostela continuarán durante os meses de abril, maio, outubro e novembro, coa celebración de talleres de cociña en directo e mesas redondas onde se abordarán temas tan variados como as novas tecnoloxías aplicadas á gastronomía, a impresión 3D, o marketing ou a intermediación en hostalería, entre outros. Dado que o aforo é reducido, os interesados en asistir ás ponencias deberán tramitar unha inscrición gratuíta a través da web do propio centro: www.50cifpcompostela.com .

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; e do recoñecido cociñeiro donostiarra Martín Berasategui; o acto de hoxe contou coa presenza de antigos alumnos do centro, moitos deles prestixiosos cociñeiros ou persoal de sala que tamén é un referente no sector; e outros que agora son docentes en centros de hostalería de Galicia e de fóra de Galicia.

Os inicios

A orixe do actual CIFP Compostela data do ano 1967, ano en que comeza como Escola de Hostalería no Burgo das Nacións. Tras un breve período no actual Politécnico, desde o ano 1973 ocupa a actual sede en Lamas de Abade. Dez anos despois pasa a formar parte da rede de institutos de FP dependentes do Ministerio de Educación ata converterse en Centro Integrado en 2003.

Aínda que mantendo os estudos de Hostalería e Turismo, en 2006 o centro ampliou as súas instalacións coa construción dun novo edificio para acoller os ciclos das familias profesionais de Servizos socioculturais e á comunidade e de Artes Gráficas. A día de hoxe acolle a un total de 1.087 alumnos, dos cales 656 son da familia de Hostalería e turismo.

Ademais, forma parte da Rede Galega de Formación Profesional de Hostalería, constituída por oito centros que xeran un espazo dinámico, innovador e orientado a impulsar un sector clave na economía galega.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies