Comeza a Semana do Libro de Compostela, a SELIC

0

Compostela, 31 de maio do 2018 – Despois do éxito da primeira edición Compostela comeza hoxe as actividades da segunda SELIC que se celebrará na Quintana ata o 10 de xuño.

Na SELIC participan máis dunha trintena de expositores, entre editoras, librarías e institucións. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou hai uns días o programa de actividades xunto coa concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e con Carlos Valdés, membro da editora Irmás Cartoné e un dos representantes da Mesa do Libro de Compostela. O alcalde puxo en valor a intensa e constante colaboración entre a Mesa e o Concello para artellar esta segunda edición da feira, “un modelo que funcionou con éxito o ano pasado porque é o resultado das demandas do sector e foi deseñado para atendelas”.

A Semana do Libro de Compostela repite emprazamento na praza da Quintana e reduce lixeiramente os horarios de apertura da edición anterior. Este ano, a carpa estará aberta de luns a venres en horario tarde, de 17:00 a 21:00 h, e os sábados e domingos abrirá ás 11:00 h para non pechar até ás 21:00 h. Ademais, co gallo de dar abeiro ás numerosas actividades previstas, a programación esténdese a outros espazos e prolóngase no tempo os venres e sábados tralo peche da carpa.

Actividades de hoxe xoves

A segunda edición da SELIC bota a andar con propostas literarias que se adiantan á inauguración oficial de mañá. Esta tarde o escritor e xornalista Diego Ameixeiras conducirá o itinerario Compostela Negra, un paseo polos misterios desta cidade que lle serviu de escenario en novelas como Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010) ou Conduce rápido (Xerais, 2014). O paseo partirá ás 18:00 horas da praza de Cervantes e a participación está limitada a 50 persoas maiores de 16 anos. A inscrición é de balde previa comunicación no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal. É esta unha iniciativa na que colaboran o Concello de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Versogramas

A partir das 20.30 horas, o Teatro Principal acollerá unha dobre sesión de proxeccións centradas na poesía. En primeiro lugar, presentarase Versogramas, un proxecto transmedia de Belén Montero, Juan Lesta e Celia Parra que naceu co obxectivo de promover a lectura e visionado de poesía en sociedade, amais de situar a videopoesía como xénero de seu e con entidade artística propia. A peza documental que inclúe o proxecto, e que se completa con libro-dv, contidos web e exposición, pasa por ser a primeira longametraxe galega en se aproximar á escena internacional da videopoesía, nunha metraxe que mestura entrevistas a un amplo grupo de poetas de distintas procedencias, con mostras dos seus videopoemas e achegamentos cara unha definición do xénero. Dirixida por Montero e Lesta, Versogramas parte dunha idea orixinal da poeta Celia Parra, que tamén asume a produción executiva, e conta coa música de Isaac Garabatos e a produción de Esferobite.

Imaxe de arquivo da edición 2017

Coa axuda da Agadic, o documental é participado por Televisión de Galicia, coa produción asociada de Amanita Films, Pixel Films e Celia Parra e a colaboración da Fundación Luís Seoane, a Fundación Cidade da Cultura, a Fundación Paideia, o Concello da Coruña, a Fundación Uxío Novoneyra, o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa e Editorial Galaxia. Trala súa estrea no NUDO Festival de Poesía Visual (Barcelona) no mes de abril, a longametraxe vén de ser exhibida no Festival de Cans do Porriño e continúa a súa andaina por diversos certames. A presentación no Teatro Principal contará coa presenza de Belén Montero (directora e membro de Esferobite), Celia Parra (produtora executiva), Isaac Garabatos (compositor da banda sonora orixinal) e Ismael Ramos (responsable de Novos Proxectos da Editorial Galaxia).

Vértice de Versos

A seguir, terá lugar a proxección do documental Vértice de Versos, unha longametraxe producida, guionizada e dirixida por Carlos Lorenzo que revisa a historia da poesía galega dende a revolución dos anos noventa e afonda no xurdimento de novas formas de expresións poética. Numerosas voces da contorna editorial, a escrita e a crítica galega participan nesta análise a fondo do acontecido nos últimos 25 anos da escena poética do país, con aproximacións a autoras e autoras esenciais da poesía actual como Yolanda Castaño, Baldo Ramos, Emma Pedreira ou Gonzalo Hermo. Canda elas e eles, Vértice de Versos conta coas voces de Teresa Seara, Armando Requeixo, Alicia Fernández, Antía Otero, Dores Tembrás, Cesáreo Sánchez, Eduardo Estévez, Celia Parra, Luís G. Tosar, Rosalía Fernández Rial, Oriana Méndez, Modesto Fraga, Miguel Anxo Ferán Vello, María Lado e Ismael Ramos. Será o propio Carlos Lorenzo o encargado de presentar a peza ao público.

O acceso a ambas proxeccións é de balde até completar a capacidade do Teatro.

descarga o programa e o folleto
programacion selic 2018 folleto selic 2018

Máis da SELIC

Visita de Antonio Gamoneda, premio Cervantes

A SELIC contará tamén coa presenza do poeta Antonio Gamoneda. O gañador do Premio Cervantes visita Compostela para descubrir en Fonseca un novo chanzo do Xardín das Pedras que Falan. O venres 8 manterá na carpa un encontro co público que será conducido por Claudio Rodríguez Fer.

Pola carpa pasarán ademais escritores como Marga Tojo co seu libro Cara de velocidade; Carlos Negro presentará Tundra; Eli Ríos con Culpables, e Teresa Moure con Não tenho culpa de viver, no que traduce ao galego os poemas de Ana Brouwer. O escritor e xornalista Daniel Salgado e o poeta Ismael Ramos conversarán sobre os seus últimos libros, O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler e Lumes, polo que Ramos vén de recibir o premio á mellor edición na Gala do Libro Galego 2018.

Póvoa de Varzim e os vencellos coa lusofonía

Póvoa de Varzim será a cidade convidada desta SELIC, que celebra o vínculo coa contorna lusófona. O domingo, día 3, a feira contará coa presenza de Dulce María Cardoso, unha das voces literarias máis importantes do país veciño, gañadora, entre outros, do Premio da Unión Europea para a Literatura e nomeada Cabaleira da Orde das Artes e as Letras de Francia. Ese mesmo día, a Cámara Municipal da localidade lusa ofrecerá unha mostra das súas danzas tradicionais coas Rusgas de Póvoa no exterior da carpa. Ademais, o luns 4, o escritor e profesor de literatura lusófona da USC, Carlos Quiroga, conducirá unha sesión arredor do festival literario Correntes d’Escritas, un espazo para o encontro das literaturas e as linguas que se celebra cada febreiro en Póvoa, Na sesión conversará con Manuela Ribeiro, organizadora deste festival e directora da revista literaria que toma o seu nome. O martes, día 5, a SELIC ofrecerá un recital musico-poético da man de Aurelino e Carlos Costa e o mércores, día 6, acollerá un debate sobre os nexos e fronteiras entre as literaturas galega e portuguesa no que tomarán parte Suso de Toro e Teresa Moure.

Paseos literarios

A segunda edición da feira inclúe unha serie de paseos literarios que procuran homenaxear a obra de autoras e autores galegos e a pegada da nosa cidade na literatura e que contan coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores da Lingua Galega e outras entidades como a Asociación Cultural O Galo.

O primeiro deles arrancará este venres 1, ás 19:30 h, da Casa da Troia, para percorrer as rúas do casco vello até chegar á praza da Quintana. O segundo, o sábado 2, percorrerá os espazos dos afectos e feitos do poeta Salvador García-Bodaño. O xoves 7 é quenda para revisar a ruta de Fermín Bouza Brey en Compostela despois de ser expulsado da xudicatura a primeiros dos anos cincuenta. O sábado 9, Carlos Callón conducirá os/as paseantes por unha revisión da homosexualidade en Compostela no medievo e, o domingo 10, un paseo poético percorrerá as rúas da zona vella.

OFF SELIC

Os venres e sábados, a programación da SELIC esténdese tras o peche da carpa, que se converte, a partir das 21:30 h, en pano de fondo para diversas actuacións que empregarán as escaleiras da Quintana como auditorio. Este programa adicional encétase o venres día 1, cunha contada de Quico Cadaval que xorde por iniciativa do Departamento de Lingua do Concello de Santiago. O sábado 2, grazas a unha iniciativa da libraría Numax, o público poderá asistir á escenificación poético-musical do libro Matar a Platón, de Chantal Maillard. A autora asumirá a interpretación deste texto, que musicarán Chefa Alonso e Jorge Frías. O venres 8 será quenda para o recital arredor dos poemas de El jardín de atrás – Bakgarðurinn, de Elias Knörr, que foron traducidos ao galego en O marinheiro con cabalos matutinos baixo o vestido. E xa o sábado, día 9 a Escola de Música Popular e Avanzada (EMPA) de aCentral Folque ofrecerá un concerto de música tradicional e folk contemporáneo por conta do alumnado e o profesorado do centro.

Actividades infantís

Tal e como aconteceu na primeira edición, a SELIC 2018 presta especial atención ao público e á literatura infantil e xuvenil. Haberá numerosas actividades de balde, con presentacións e sinaturas diversas e tamén con obradoiros creativos, xogos, contacontos, paseos narrativos, cantigas e brincadeiras que serán coordinados e animados por Xandobela. Ente elas, destacan as que teñen como centro a figura de María Victoria Moreno. O domingo 3, Xandobela conducirá un paseo narrativo, lúdico e creativo a través das historias que a autora nos deixou no seu libro Mar adiante, e o sábado 9, a poeta Eli Ríos guiará á rapazada pola vida e obra da autora.

Publicacións

Finalmente, entre as actividades da SELIC 2018 cómpre mencionar de novo a publicación de libros. Nesta segunda edición da feira editaranse seis novos volumes. Cinco deles reúnen relatos escritos até principios do século XX e traducidos á nosa lingua por Pepe Sendón, nos que toparemos historias de Guy de Maupassant, Chekhov, Poe, Apollinaire, Kafka ou Proust, entre outros. O sexto volume, baixo o título Contos composteláns, comporase dun feixe de relatos de Ramón Caride Ogando, Salvador García-Bodaño, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Gonzalo Navaza e Helena Villar Janeiro, que se desenvolven nas rúas de Santiago.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies