Comisións Obreiras pide que se cubran as ausencias en atención primaria

0

Bisbarra, 27 de xuño do 2019 – Comisións Obreiras insta ó Sergas a cubrir as ausencias en atención primaria polo aumento das necesidades asistenciais na área Santiago Barbanza.

As localidades costeiras e os concellos atravesados polo Camiño de Santiago ven duplicada a poboación durante o período estival polo que a atención primaria precisa de máis efectivos ou, polo menos, que non existan ausencias durante esta estación.

Segundo o sindicato, as localidades ven duplicada a súa poboación, situación especialmente notable en Muros, Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Melide ou Arzúa.

CCOO Sanidade pide que a cobertura se faga, preferentemente, mediante persoal eventual e non a través da fórmula da intersubstitución, xa que hai aspirantes dispoñibles nas listaxes públicas e evítase saturar as axendas do persoal que permanece no centro.

O criterio defendido por CCOO é o mesmo que recolle o Acordo sobre determinadas condicións de traballo e retributivas do persoal das unidades e servizos de Atención Primaria, publicado no Diario Oficial de

Galicia do 16 de xuño de 2008. O dito texto dá preferencia ao chamamento de aspirantes das listaxes de vinculación temporal; só en último caso alude á intersubstitución, que en todo caso será voluntaria.

«Esiximos que se cumpra o acordado», recalcan desde o sindicato.

«Hai anos reforzábanse os equipos de Atención Primaria con médico e enfermeira de desprazados, agora non só non se reforzan, senón que nin sequera cobren os profesionais que van de vacacións», critican.

Todo isto deteriora a calidade da asistencia sanitaria, ao diminuír aínda máis o tempo de atención a cada doente e aumentar a penosidade laboral dos equipos de atención primaria, que xa «deben lidar a diario»

con outros problemas, como son a carencia de recursos materiais, cotas de pacientes excesivas e, no caso da enfermaría, un aumento de tarefas e funcións respecto das que antes se facían.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial