As comisións do pleno de outubro en Ames tocan temas económicos

0

Ames tratou a aprobación dun suplemento de crédito de 453.525 euros, ao que se fará fronte coas achegas en concepto de participacións do Estado, e unha transferencia de crédito entre distintas áreas de gasto 19/2016, por valor de 394.395,51 euros. O goberno municipal engadiu por urxencia un cambio na ordenanza fiscal reguladora do IBI, para establecer unha bonificación do 95%, en inmobles vinculados a actividades agrícolas, gandeiras e forestais

Ames, 22 de outubro do 2016.- Un dos asuntos económicos que se abordaron nas comisións informativas é o cambio de finalidade dos recursos afectados do préstamo de 2010 e restos de préstamos anteriores para a realización de novos investimentos. Co remate de 2015, dende a Concellaría de Economía e Facenda constatouse a existencia de varios proxectos de investimento pendentes de remate, financiados todos eles con recursos afectados. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “o feito da non execución de moitos destes proxectos nos últimos anos, dos que non existen obrigas recoñecidas, fai que medre un remamente de crédito para destinar ditos recursos a novos investimentos afrontando actuacións que se consideran prioritarias “

“Estes remanentes foron incorporados ao exercicio 2016. Algunhas das actuacións recollidas neste exercicio están sendo executadas, pero outras non se ten previsto que sexan realizadas, considerando que é máis axeitado destinar ditos recursos a novos investimentos, algúns deles xa comprometidos para este exercicio”, indica Genma Otero. Deste xeito, os remanentes de crédito incorporados ao exercicio 2016 ascenden a contía de 347.835,24 euros. O importe pendente de executar é de 249.667,03 euros.

Así, esta contía de 249.667,03 euros, preténdese destinar a diferentes actuacións como son o pago do convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para a construción da nova escola infantil `Galiña Azul´ de Bertamiráns (140.896,50 euros), a obra de acometida eléctrica para instalar o bombeo no lugar de Novais (26.803,57 euros), a renovación dun equipo informático da radio municipal (4.900 euros), a redacción de proxectos de instalacións deportivas para distintas subvencións (29.947,80 euros), a adquisición dun novo forno para os comedores escolares (7.000 euros), a instalación de diversas aplicacións informáticas para a administración electrónica (22.119, 16 euros), a adquisición dun vehículo para a brigada de obras (13.000 euros), e unha achega municipal a unha subvención para adquirir un vehículo para a rede municipal de comedores escolares (5.000 euros).

Suplemento de crédito 1/16

O segundo punto económico tratado foi o suplemento de crédito 1/16. A concelleira de Economía e Facenda explica que “a medida que transcorre o exercicio, o orzamento municipal vai amosando unha carencia de crédito en determinados programas de gasto, mentres que noutros sucede o contrario. Cómpre lembrar que o Concello de Ames conta na actualidade cun orzamento prorrogado do exercicio 2012. O paso do tempo é o cambio de goberno fan que as necesidades e prioridades de gasto cambiaran, o que require inevitablemente dunha reasignación de algúns dos créditos contemplados no estado de gastos do orzamento”.

Deste xeito, as principais necesidades de crédito derivan das partidas relativas aos gastos de persoal, debido ao incremento de salarios fixados na Lei de Orzamentos do Estado, para o ano 2016, que é do 1%; cumprimento de trienios; e contratacións por substitucións de persoal en sectores prioritarios, derivados de necesidades urxentes e inaprazables. Todos estes gastos suman un importe de 453.525 euros e serán sufragados a través do maior ingreso percibido este ano en concepto de participacións nos tributos do Estado. Ames tiña unha previsións iniciais de ingresos das participacións do Estado de 4.868.140,29 euros, pero finalmente as entregas a conta en 2016 son de 5.548.317,62 euros. Unha parte desa diferenza de 680.177,33 vaise destinar a este fin.

O terceiro punto de índole económica fai referencia a unha transferencia de crédito entre distintas áreas de gasto 19/2016, por valor de 394.395,51 euros, xa que nalgunhas aplicacións orzamentarias existe saldo de crédito e noutras existen gastos xa efectuados que precisan ser aprobados, pero que non contan co orzamento necesario. Así mesmo, a aprobación do cambio de finalidade dos remanentes do préstamo de 2010 e restos de anteriores préstamos, fai necesario transferir os créditos as aplicacións que responden as novas finalidades previstas.

Bonificación do 95% na ordenanza fiscal reguladora do IBI

O goberno municipal engadiu por urxencia nas comisións un cambio na ordenanza fiscal reguladora do IBI, para establecer unha bonificación do 95% da cota íntegra durante un período de 3 anos naqueles inmobles nos que estean situadas unicamente construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades agrícolas, gandeiras e forestais pertencentes ao sector primario e que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias socias, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración, que se fará polo Pleno da corporación. Esta bonificación será do 30%, no caso de que ademais das construcións sinaladas, existan outras dentro das explotacións destinadas a usos distintos das actividades agrarias, gandeiras ou forestais.

Nas comisións informativas tamén se abordou a concesión dunha achega nominativa por valor de 8.000 euros, para o desenvolvemento do proxecto `taller ocupacional e actividades complementarias (exercicio 2015)´ presentado pola entidade Arcea Adames. Asemade, tratouse a modificación da base número 41 do orzamento municipal de 2012, en situación de prórroga durante o exercicio 2016, co obxectivo de incluír entre as subvencións nominativas a concesión dunha axuda de 4.000 euros a entidade Cáritas parroquial San Juan de Ortoño.

Propostas de Javier López e Ames Novo

Por outra banda, tratouse unha proposta presentada por Javier López, en calidade de voceiro do grupo municipal de non adscritos, para a modificación da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral, de xeito que permita o voto aos electores nos casos de imposibilidade por estares ese día en urxencias ou internados nalgún centro hospitalario do territorio español. Por último, abordouse unha proposta presentada polo grupo municipal de Ames Novo para solicitarlle á Xunta de Galicia a dotación dun centro educativo para o Concello de Ames no que se oferten ciclos de formación profesional media e superior.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial