Chega o outono

0

Bisbarra, 22 de setembro do 2020 – Este martes 22 de setembro, ás 15.31 horas comeza o outono no hemisferio boreal según informan desde o Observatorio da Universidade de Santiago.

O outono vaise prolongar ata as 11.02 horas do 21 de decembro, momento en que terá lugar o solsticio de inverno. De forma semellante ao que acontece cando se inicia a primavera, “estamos en datas nas que teoricamente a noite e o día teñen a mesma duración, de aí a orixe da palabra equinoccio coa que se coñecen  estas dúas épocas do ano”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo Durántez.

Chega o outonoEntre os fenómenos astronómicos máis salientables deste outono destaca a choiva de estrelas Xemínidas, unha das máis importantes do ano e cuxo máximo terá lugar o 14 de decembro. “Nesta ocasión, coa Lúa nova, agárdanse poder observar máis de cen meteoros / hora en lugares sen contaminación lumínica”, sinala Docobo. Outras choivas de estrelas, como as Oriónidas de outubro ou as Leónidas de novembro presentarán menor intensidade.

Xúpiter e Saturno, que agora pódense ver perfectamente a simple vista cara ao sur a primeiras horas da noite, iranse achegando entre eles durante todo o outono para alcanzar a máxima aproximación xusto ao remate da estación. “Tamén é interesante facer constar que a Lúa estará aparentemente preto de ditos planetas nuns días en cada un dos vindeiros meses, nomeadamente nos seguintes intervalos: 23-27 de setembro, 21-24 de outubro, 17-20 de novembro, e 15-18 de decembro. Cómpre asemade destacar a conxunción Lúa-Marte visible ao longo de toda a noite do 2 ao 3 de outubro”, continúa o responsable do Observatorio. A eclipse total de Sol do 14 de decembro só poderá verse como tal en Sudamérica, na Antártida, e no sur dos océanos Pacífico e Atlántico.

O 30 de novembro haberá tamén unha eclipse penumbral de Lúa ao amencer, “teoricamente visible en Galicia, pero esta clase de eclipses pasa desapercibida ante a meirande parte da xente dado que o noso satélite natural segue a verse enteiro aínda que con menos luz”, sinala o profesor Docobo.

O mes estatisticamente máis seco

Meteoroloxicamente, o verán que remata caracterizouse, na comarca de Compostela, por un mes de xullo no que non houbo precipitacións. Este mes é estatisticamente o máis seco en Santiago, circunstancia que xa ten acontecido anos atrás. Pola contra, en agosto, choveu en catorce días (nun deles de xeito inapreciable), destacando as cantidades dos días 11 (34,8 litros/m2), 19 (21 l/m2), 17 (17,3 l/m2), e máis o 16 (12,6 l/m2). Foron en todo agosto 113,5 l/m2, os que se mediron na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, centro colaborador da AEMET. Se a eles se suman os 4,8 l/m2 dos últimos días de xuño e os 35,3 l/m2 dos días de setembro, dan un total de 153,5 l/m2, cantidade que está dentro da normalidade, tal e como apunta o profesor Docobo.

A temperatura máxima acadouse o 18 de xullo con 35º2, seguida dos 34º6 do 6 de agosto, e dos 34º2 do 12 de setembro. Neste último mes no que se deron máximas de récord noutros puntos de Galicia, non sucedeu o mesmo en Compostela, xa que  noutros meses de setembro se ten chegado a 38º7 (en 2016) ou 38º4  (2006). A temperatura media deste mes de xullo (21º5) foi a quinta máis alta das últimas décadas, o non o foi máis, non porque a media das máximas dese mes non fora considerable (27ª9, a terceira máis elevada dende 1981), senón porque as temperaturas mínimas do pasado xullo non foron excesivamente cálidas. De entre os meses de xullo, destacan tamén pola súa temperatura media os correspondentes aos anos 1989 (21º9), 2006 (21º9), 2013 (21º8)  e 1990 (21º7).

Volvendo ao verán de 2020, os 8º rexistrados na mañanciña do 30 de agosto correspóndense coa temperatura mínima da estación que agora remata. Séguenlle os 9º2 do 3 de xullo e os 9º8 do 31 de agosto. A noite máis quente foi a do 27 de agosto, cando a temperatura non baixou dos 18º8; destacando asemade as mímamas do 11 de agosto (18º6) e do 14 de setembro (18º5). Pola contra, as máximas máis baixas correspondéronlle ao 2 de xullo (19º4) e ao 17 de agosto 19º6.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial