займ срочно

Compostela anula parte da ORA, habilita o 010 e aloxa a todos os sen fogar

0

Compostela, 19 de marzo do 2020 – Compostela celebrou unha Xunta de Goberno local na que aprobou a posta en marcha do 010 e a anulación de parte da ORA entre outras decisións.

O número telefónico 010, habilitado polo Concello, comeza a funcionar a partir do venres, de 8:00 h. a 20:00 h. Calquera persoa que non poida saír á rúa pode chamar a este teléfono. Servirá “para centralizar as demandas de atención social”.

Este teléfono 010 será atendido inicialmente por voluntariado de Protección Civil, e prestará especial atención ás persoas que viven soas e ás que teñen unha idade avanzada ou mobilidade reducida, coa finalidade de minimizar os riscos derivados da alerta sanitaria orixinada pola crise do coronavirus, e combater o illamento. Trátase dun servizo gratuito, xestionado polo Concello de Santiago de Compostela. O seu funcionamento baséase nunha xestión coordinada da administración local coas entidades de iniciativa social da cidade.

Zona ORA

Sánchez Bugallo tamén anunciou que máis da metade das prazas de zona ORA serán gratuítas a partir do venres. A medida afectará aos aparcamentos de Pontepedriña, Campus Sur e Av. de Ferrol, un total de 990 prazas de aparcamento, das 1.700 coas que conta a zona ORA na cidade. Unha das razóns porque non se estende a gratuidade a toda a cidade ten que ver co persoal. “A nosa intención”, sinalou o alcalde, “é que se manteñan o cen por cen dos postos de traballo”.

A eliminación da rotación mantense para todas as prazas ORA.

Servizo de comedor

Tamén se acordou tramitar, por vía de emerxencia, a contratación do servizo de comedor escolar. Sánchez Bugallo recórdalle ás familias que teñen bolsas de comedor escolar e que xa comunicaron que ían recoller os menús, que terán que facelo o luns, día 23, (e non o venres, 20 como estaba previsto) nos puntos de recollida xa concretados co Concello.

O contrato, por 33.000 euros ao mes, permitirá subministrar 200 menús a menores usuarios das bolsas de comedor. En principio asínase por un mes, pero pode ser prorrogado en función da evolución da crise. O alcalde non descartou amplialo a través dun novo contrato para asistencia domiciliaria ainda que aclarou, “de momento temos garantida esa asistencia domiciliaria coa “Cruz Vermella, con comedor social e a través dos convenios cos supermercados”. Sánchez Bugallo adiantou que “imos facer unha convocatoria pública para que os supermercados de barrio que estean interesados se poidan sumar a este servizo, de tal maneira que se garantiría a subministracion domiciliaria” e incluso, dixo, eses establecementos terían preferencia nos seus propios barrios.

Outros acordos

O rexedor tamén deu conta da aprobación duns protocolos de actuación por parte das empresas que prestan servizos ao concello. Co fin de garantir a salubridade pública e o funcionamento dos servizos imprescindibles e esenciais na cidade como consencuencia da pandemia provocada polo COVID19. En Xunta de Goberno acordaron trasladar ás empresas contratistas e concesionarias varias instrucións relativas ás medidas de saúde e seguridade que se están tomando; ao deber de comunicar ao concello os plans de contixencias acordados durante a vixencia do estado de alarma; á comunicación co concello, que deberá ser de xeito permanente; e outras ordes concretas. En principio a vixencia destas instrucións estenderase ata o 27 de marzo. No caso do transporte urbano, as instrucións serán adaptadas o próximo luns, día 23, segundo os dartos de usuarios e as necesidades do servizo.

O alcalde explicou que se producirá un reaxuste no transporte urbano que se traducirá nunha redución nas liñas e frecuencias dun 48%; debido ao descenso no número de usuarios, que o luns se situou nun 88% e onte martes, no 90%. Dos 27.000 pasaxeiros diarios, onte só usaron o transporte público 2.700. A redución, continou, é moito máis acusada na tarde noite; por iso se decidiu tamén suspender as expedicións a partir das 22:00 h. Mantéñense, engadiu Sánchez Bugallo, “os servizos relacionados con hospitais” e priorízanse as conexións de todas as liñas. Este reaxuste irase revisando en funcións da situación e das necesidades detectadas.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou habilitar seis baños para os traballadores e traballadoras que teñen que prestar servizos considerados esenciais. Estarán situados no Parque Pablo Iglesias; no Parque do Restollal; na Praza de Salvador Parga; no cruce da rúa Concheiros coa rúa Corredoira das Fraguas; no cruce da Rúa Lisboa coa rúa Valiño; e no Parque de Ramírez. Ademais quedarán abertos os baños dos aparcamentos de titularidade municipal de Praza de Galicia, San Clemente, Praza de Vigo, Xoan XXIII, Lasalle, Romero Donallo, Rúa da Rosa, no Campus Sur a carón de da piscina, e en Galeras.

O rexedor tamén anunciou un contrato de emerxencia para a limpeza e desinfección de instalacións municipais, cun custe de 100.000 euros mensuais (IVE incluído).

Sen Fogar

O alcalde anunciou tamén que todas as persoas sen fogar, 10 coñecidos e 6 novos, foron aloxadas el albergues ou pensións. No día de onte só unha das persoas se negaba a aloxarse pero finalmente o aceptou.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies