O 25º aniversario da Real Filharmonia suscita peticións para que se retransmitan os concertos de xeito gratuíto

0

Compostela, 18 de setembro do 2020 – A Real Filharmonía ven de presentar a nova tempada na que celebrará o seu vixésimo quinto aniversario, unha efeméride que o Partido Popular de Santiago aproveita para pedir que os concertos se retransmitan de xeito gratuíto.

O lema da tempada 2020 – 2021 da Real Filharmonía leva por título Emocións Naturais e constará, sempre que as condicións o permitan, de 24 concertos. Estes eventos emitiranse en directo por streaming para os abonados da pasada tempada.

É esta limitación a que leva aos Populares de Compostela a solicitar que ditas retransmisións sexan en aberto xa que consideran que “sería unha maneira de que toda a cidade se sume á celebración do 25 aniversario da Orquestra e, polo contrario, sería clasista e elitista que o conxunto da poboación, que cubre o 97,5 % do custo da Filharmonía, non puidese acceder á mesma nun contexto de butacas virtuais ilimitadas ”

José Antonio Constenla, representante Grupo Popular no Consello do Auditorio, sinalou que a apertura gratuíta dos concertos da Filharmonía por internet ao conxunto dos cidadáns “sería unha maneira efectiva de facer máis eficiente un gasto de 4,5 millóns de euros e unha oportunidade para captar máis público que faga a orquestra máis sostible no futuro”.

Unha tempada centrada na natureza

O director británico Paul Daniel participou na presentación cun vídeo no que dixo que se busca reivindicar “o poder da natureza, da vida e do amor a través da música como referentes da nosa esencia como seres humanos,  e tamén como fonte de esperanza e inspiración no futuro”.

Á presentación asistiron presencialmente a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, en representación do alcalde e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a directora técnica da RFG, Sabela García Fonte; xunto ao director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López.

Actuacións para as asociacións veciñais, proxectos didácticos e familiares

O primeiro concerto de setembro será o día 23, no que a orquestra participará nas Xornadas de Música Contemporánea, baixo a batuta do director asociado da RFG, o mestre Maximino Zumalave.

Para dar a benvida ao público compostelán, como por razóns de seguridade sanitaria este ano a orquestra non pode ir aos barrios, convidará ás asociacións de veciños ao Auditorio de Galicia, a 3 concertos que se celebrarán o 30 de setembro e 1 e 2 de outubro.

Durante a temporada programaranse 4 concertos didácticos para escolares con dúas propostas diferentes: Pangea: a paisaxe sonora do noso planeta co polinstrumentista Abraham Cupeiro; e O grande Beethoven, un encargo da RFG ao Serviço Educativo da Casa da Música de Porto. E haberá 2 concertos familiares con horarios e prezos accesibles.

Primeiro concerto da temporada e moitas novidades

A temporada abrirá con Paul Daniel á batuta. Será a estrea de Alén do compositor galego Eduardo Soutullo, obra gañadora do Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA 2019 e que representa unha viaxe entre a vida e a morte.

En outubro celebrarase un concerto para conmemorar o X aniversario do Taller Atlántico Contemporáneao (TAC). No marco do Festival Cineuropa, a orquestra porá a banda sonora ao filme mudo The kid (1921) de Charles Chaplin, coa música orquestrada polo mestre Timothy Brock, que ademais dirixirá o concerto. Nesta temporada poderemos volver gozar dunha serie de concertos para piano dentro do Ciclo Ángel Brage, así como unha nova visita á cidade da Orquestra Sinfónica de Galicia.

En coprodución con Amigos da Ópera de Santiago, a RFG ofrecerá a ópera Orfeo e Eurídice xunto ás mezzosopranos Olga Syniakova e Beatriz de Sousa, a soprano Alicia Amo e o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia. Tamén en colaboración con Amigos da Ópera, no Nadal realizaranse tres concertos homenaxe ao musicólogo José López Calo -que falecía o pasado mes de maio-, en Santiago, Ferrol e Ourense, coa soprano Francesca Aspromonte. Ao longo da temporada acompañarán á orquestra outras grandes voces líricas como a soprano Marina Pardo e o tenor Andeka Gorrotxategi, na Canción da Terra de Mahler.

Para conmemorar o 25º aniversario da Real Filharmonía de Galicia, haberá un concerto especial no mes de marzo só para os abonados da temporada pasada.

Encargos en apoio dos novos compositores galegos e estreas

Durante a temporada a RFG realizará varias estreas, mantendo así o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a novos compositores galegos. Ademais da obra de Eduardo Soutullo, presentaranse por primeira vez ante o público pezas de Aaron Siebert-Castiñeira, Sofía Oriana Infante e Antón Alcalde, escritas por encargo da Real Filharmonía de Galicia e que celebran aspectos da tradición xacobea.

Ademais, soarán obras por primeira vez en España das compositoras Anna Clyne, Missy Mazzoli e Sofia Gubaidulina; e dos compositores Brett Dean, Fazil Say e Christian Lindberg -neste último caso trátase dun encargo conxunto da RFG, a Orquestra Sinfónica de Bilkent e a Orquestra de Cámara Sueca-.

Grandes batutas e solistas de renome nacional e internacional

O director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, realizará un total de 9 programas esta temporada e Joana Carneiro estrearase como principal directora invitada da RFG. Ademais, á fronte da orquestra poranse outros grandes mestres nacionais e internacionais. Debutarán Pablo Devigo, Jan Willem, Felix Mildenberger, Nuno Coelho e as directoras Marzena Diakun e Nodoka Okisawa. Repetirán visita Jonathan Webb -principal director invitado ata a temporada 2019/2020-, Timothy Brock, Enrico Onofri, Jan Wierzba, Lars Vogt e Wayne Marshall.

Entre os solistas convidados destacan figuras como os pianistas Lars Vogt, Wayne Marshall, Fazil Say e Sofya Melikyan; os violinistas Matthieu Arama, Ellinor D´Melon e Teimuraz Janikashvili; e o trompetista Pacho Flores. Ademais, tocarán como solistas o concertino da RFG, James Dahlgren; o contrabaixo principal, Carlos Méndez; e o principal frautista, Laurent Blaiteau.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial