займ срочно

Compostela Aberta levará os orzamentos a pleno a final de mes

0

Compostela, 12 de decembro do 2018 – A concelleira María Rozas presentou en rolda de prensa o proxecto de orzamentos de Santiago para o 2019, a intención é levalos a un pleno extraordinario antes de rematar o ano.

Os orzamentos de Compostela para o vindeiro ano ascenden a 115,2 millóns de euros. En esta cantidade inclúense os orzamentos xa aprobados dos organismos autónomos Incolsa, Tussa e Auditorio de Galicia. As contas da cidade, xa presentadas aos grupos da oposición, aumentan en dez millóns de euros con respecto aos do presente ano.

SONY DSC

Os ingresos crecen grazas a fondos europeos e subvencións. Tamén agárdase un aumento dun dez por cento en partidas como o Imposto de Construcións e Obras (ICIO) ou a derivada da xestión directa dos servizos da ORA e do guindastre. Tamén se destaca o incremento do 3% nas transferencias correntes, debido á estimación realizada a partir da participación dos tributos do Estado (PIE).

María Rozas destacou “o esforzo feito por este Goberno na xestión eficiente dos recursos públicos, que se traduce en ser capaces de captar fondos externos e destinalos ás persoas, ao mesmo tempo que reducimos a débeda deste Concello”. Nesa liña fixo fincapé en que “durante este mandato conseguimos reducir a débeda case nun 50% baixando de 47 a 25 millóns, ao mesmo tempo que incrementamos nun 56% o investimento en políticas sociais, emprego e igualdade”. Aínda así, para o ano 2019 destinarase un 33% menos a amortizar débeda, “xa que a saúde económica e financeira do Concello permítenos mellorar a calidade dos servizos públicos”.

Acordos plenarios

A edila de Economía e Facenda sinalou que “este borrador de orzamentos continúa as liñas estratéxicas establecidas dende os orzamentos do ano 2016, mantendo e consolidando os compromisos coas políticas sociais, os servizos públicos de calidade e o reequilibrio territorial, co foco posto nas infraestruturas que priorizan a accesibilidade, o medio ambiente e a protección do noso patrimonio histórico”. Ademais, este texto incorpora acordos plenarios aprobados por maioría ou unanimidade, así como proxectos de cidade que Compostela precisa”. Só en acordos plenarios, os investimentos suman 7 dos 12 millóns de euros totais.

Políticas sociais

As políticas sociais disporán de 10.700.632 euros, “un 57% máis que no orzamento de 2015” e colocando a cifra de investimento en 111 euros por habitante e ano. “Ademais do millón de euros para a ordenanza de Garantía Básica Cidadá ou os dous millóns do Servizo de Axuda no Fogar, este ano incorporamos unha partida de 677.970 euros para a primeira fase do Centro Integral de atención 24 horas ás persoas sen fogar”, indicou. O aumento é tamén significativo na área de Igualdade, cun 16% máis que no orzamento do ano pasado e un 60% máis que no 2015.

Infraestruturas e rural

No borrador inclúense infraestruturas tan importantes como a pasarela da estación intermodal (1.291.800 euros), a humanización de Clara Campoamor (696.533,76 euros), o convenio para a mellora e integración paisaxística da entrada co Camiño de Santiago (800.000), administración electrónica (485.260,57), reurbanización de Patio de Madres e Castrón Douro (435.500), reparación dos muros de Fontiñas (380.250), accesos ao xacemento do Castelo da Rocha (346.665,60), actuacións no Campus Sur (200.000) ou a integración da Casa da Xuventude no parque de Belvís, proxecto dos orzamentos participativos (108.550 euros).

Os orzamentos do 2019 seguen na procura do reequilibrio territorial, cun orzamento para as parroquias que supera os dous millóns de euros “e que supón duplicar o orzamento existente en 2015”. Dentro das obras previstas están a reforma do vieiro a Pajuela-Campo da festa de Marrozos (orzamentos participativos) con 448.450,20 euros; a senda peonil na rúa de San Martiño, con 448.409,27 euros; a humanización do campo da festa do Castineiriño, 250.000 euros; a rexeneración e reforzo estrutural do pavimento da calzada da rúa de Santa Teresa Jornet, 217.494,44 euros; ou os investimentos e melloras en centros cívicos do rural (Grixoa e A Peregrina), 189.000 euros.

Deportes

Neste orzamento incorpóranse tamén proxectos importantes para as infraestruturas deportivas da cidade, como a reparación da cuberta do Pavillón Municipal de Quiroga Palacios, cun importe de 412.096,54 euros; o acondicionamento do campo de fútbol de Belvís (100.000 euros); a mellora do entorno e instalación deportiva de Santa Isabel, cun orzamento de 500.000 euros, ou a redacción do proxecto da Cidade da Raqueta, con 100.000 euros.

Compostela Verde e Cultural

O borrador de orzamentos continúa na liña marcada o ano pasado de aposta polas políticas culturais, renovando o convenio con XADE para a realización de concertos de primeiro nivel “como os que xa tivemos este ano con Tribalistas ou Helloween” e mantendo a liña de subvencións competitivas. Tamén se incrementa a achega a entidades de relevancia cultural como a Fundación Granell ou a Asociación Cultural Rocha Forte.

No que ten que ver coa Compostela Verde, tamén se continúa apostando por facer de Compostela unha cidade máis sustentable, incorporando no orzamento 100.000 euros para a construción dun carril bici, a rehabilitación de fontes cun importe de 50.000 euros, a colocación de sensores na cidade para medir a contaminación do tráfico en tempo real grazas á subvención europea TRAFAIR (40.000 euros) ou a adecuación de sendas verdes, na liña dos anos pasados.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies