Dúbidas sobre a continuidade do Centro de Atención ás Persoas Sen Fogar

0

Compostela, 16 de setembro do 2019 –  O grupo municipal de Compostela Aberta vén de reclamarlle ao Goberno que aclare os seus plans para o Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar.

O centro para persoas sen fogar estaba incluído no programa ReVive-Edusi Santiago financiada con fondos europeos. Martiño Noriega, mostrou a súa preocupación polo futuro deste proxecto, despois de que a concelleira de Políticas Sociais, Milagros Castro, dixera publicamente que “o que estaba previsto cambiará, e nós buscaremos algo interesante a nivel social que necesite esta cidade”.

CA rexistrou unha pregunta para ser respondida no vindeiro pleno na que lembra que este Centro Municipal foi incluído na estratexia EDUSI, no eixo de actuación referido á loita pola inclusión social e contra a pobreza. A actuación xa ten recibido o visto bo do Ministerio de Facenda para ser financiado con 800.000 euros procedentes de fondos europeos FEDER, aos que se engadirían 200.000 euros de fondos propios do Concello.

O proxecto foi elaborado despois dun proceso participativo no que se implicaron administracións públicas, entidades sociais como Cáritas, FEAFES, Cruz Vermella, a Cociña Económica e o Albergue de Xoán XXIII, e entidades profesionais como a Asociación Galega pola Saúde Mental, Médicos del Mundo ou Hábitat Social; e mesmo persoas sen fogar”. Froito desa reflexión conxunta, o Goberno de Compostela Aberta presentou no pasado mandato un Centro de Atención Integral a Persoas Sen Fogar que se localizaría no edificio de Belvís que acolleu o CIAC, e que contaría cun módulo para a Atención Diúrna e outro para Área de Recollida Residencial Temporal, que paliaría o déficit que ten Santiago na atención a esta problemática xa que non existen centros abertos en horario nocturno máis alá do albergue de Xoán XXIII no que as persoas só poden permanecer dez días cada mes.

A pregunta de Compostela Aberta incide ademais no Plan Municipal de Atención Integral ás Persoas en Situación de Senfogarismo de Santiago, aprobado polo Consello Municipal de Saúde que recolle que o futuro centro de Belvís debe ser quen lidere e coordine a abordaxe do senfogarismo.

Para o voceiro de Compostela Aberta, Martiño Noriega, “é moi preocupante que Milagros Castro asegure que van modificar un proxecto que fora acordado coas entidades sociais pero que recoñeza que non saben con que obxectivos, porque o que está a demostrar a concelleira de Políticas Sociais é que o único que pretende o Goberno do PSOE é estigmatizar todo o traballo feito por Compostela Aberta”.

Na pregunta rexistrada, Compostela Aberta pídelle ao Goberno que aclare se ten definitivamente desbotada a construción do Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas Sen Fogar, a que  pretende destinar os fondos europeos reservados para esta actuación e se xa realizou algún trámite ao respecto diante do Ministerio de Facenda que debe autorizar o cambio de uso dos fondos. No caso de que a intención do Executivo sexa tan só reformular o proxecto, CA pide que se aclare se se abriu algún proceso consultivo e de participación como o impulsado antes da presentación do Centro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial