Compostela Aberta levará a pleno a taxa turística

0

Compostela, 17 de setembro do 2019 – A concelleira de Compostela Aberta Marta Lois presentou unha moción na que o grupo reclama que se tomen medidas, como a da taxa turística, na gobernanza do turismo.

O grupo municipal de CA pide que se retome a reclamación á Xunta da implantación dunha taxa turística; que se presente unha proposta para aplicación dun gravame para as persoas excursionistas e cruceiristas, que sería de competencia municipal; e que se implementen políticas públicas efectivas para a xestión da mobilidade e dos fluxos turísticos.

A proposta presentada por Marta Lois quere, según dixo, “responder á evidencia de que a concentración masiva de turistas comeza a pasar factura ao benestar da cidadanía que reside na zona vella de Santiago, que ve con preocupación que non se están a adoptar medidas de cara á previsible chegada de milleiros de persoas no próximo Xacobeo”.

Tamén se aposta por impulsar un Foro de debate e reflexión sobre a gobernanza do turismo, no que participen as institucións públicas e o tecido asociativo e veciñal. A concelleira Marta Lois salientou que “os meses do verán están poñendo en evidencia que é urxente afrontar a gobernanza do turismo. Así o reclama a propia veciñanza da cidade histórica que vén denunciando a través de diferentes medios, nomeadamente das redes sociais, as situacións nas que o seu benestar se ve afectado pola masificación e a nula xestión dos fluxos turisticos”.

Bugallo non o considera doado

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, mostrábase cauto ante os xornalistas e explicaba que si ben estaba disposto a debater o tema non o vía doado” eu xa dixen que estaba disposto a falar de todo pero o 80% dos que veñen a Santiago son visitantes, nin turistas nin peregrinos, e iso supón un handicap de difícil solución; o feito de que moitos dos que chegan sexan peregrinos tamén é unha limitación,  o é para a Catedral que por iso non cobra entrada e o é para nos; pode cobrar unha cidade por acceder a ela? non vexo a base legal nin como se pode implementar esa medida”.

O estudo da USC como base  

Na moción presentada, Compostela Aberta lembra que un estudo elaborado polo catedrático da USC Luis Caramés en 2017 concluía que “a implantación da taxa turística sería unha medida apropiada, sempre que se faga dunha maneira proporcionada, e tendo en conta as diferentes temporadas e tipos de aloxamento e utilizando tipos moderados”. Esta taxa, que é competencia da Xunta e que existe en moitos destinos turísticos de todo o mundo, podería supoñer a recadación anual dun millón de euros. Do mesmo xeito, o Plan Estratéxico do Turismo, aprobado en febreiro de 2018, falábase da implantación desta taxa sobre os aloxamentos, “pero tamén dun gravame sobre as persoas excursionistas, que se estimaba en 40 céntimos por persoa e que suporía unha recadación anual de 450.000 euros”. Para Marta Lois, “existen estudos técnicos que avalan que se inste á Xunta a implantación da taxa sobre aloxamentos, que é da súa competencia, e para que o Goberno local presente unha proposta para a aplicación dunha taxa para as persoas excursionistas e cruceiristas”.

Ademais, a concelleira apuntou que o reto do Xacobeo 2021 obriga “a Xunta e Concello a implementar políticas públicas efectivas para a xestión da mobilidade e dos fluxos de visitantes, que combatan o risco de saturación e concentración excesivas de visitantes”. Nesa liña, Lois pediulle ao Concello que “impulse un Foro de debate e reflexión sobre a gobernanza do turismo, aberto á cidadanía”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial