Compostela acolle Kino Galicia o I Maratón Internacional de Creación ce Curtametraxes

0

Compostela, 24 de outubro do 2018 – En Lindeiros contámosvos en abril a proba que se fixo para que agora poda celebrarse Kino Galicia, un maratón de creación de curtametraxes en tan só 6 días.

Kino é unha rede mundial de cineastas independentes que organiza «maratóns» cinematográficos, coñecidos internacionalmente como Kino Kabarets, por todo o mundo dende o 1999. É un espazo onde os e as cineastas colaboran entre si na elaboración de curtametraxes. Este concepto innovador e orixinal, que agora chega a Galicia por primeira vez, experimentou un grande éxito nos últimos anos. Neste marco, Kino Galicia nace co obxectivo de favorecer o intercambio cultural e artístico entre cineastas emerxentes e recoñecidos, nunha rede internacional. Así, Kino Galicia será o punto de encontro de preto de 100 cineastas do conxunto de España e de países como Alemaña, Italia, Francia, Suíza ou Noruega, converténdose así Santiago nun lugar de referencia para a creación audiovisual.

Durante os seis días do evento, cineastas emerxentes, profesionais e estudantes convivirán xuntos en Santiago, intercambiando habilidades, experiencias e coñecementos para crear unha serie de novas curtametraxes. Filmaranse películas en dous bloques, o primeiro de dous días, do 29 ao 30, e o segundo de catro días, do 31 ao 3.

O funcionamento de Kino Galicia estrutúrase arredor do Kino Lab, espazo central do evento onde a comunidade Kino se cita para reunións de produción, escritura de guións, edición… co obxectivo de crear as súas propias curtas, que se rodarán e producirán integramente durante o evento e que terán como lugares de rodaxe o CGAC e o conxunto de Santiago. As persoas interesadas poden asistir ás diferentes partes do proceso creativo das curtas, tanto no CGAG como naqueles puntos da cidade nos que se filme.

As curtas, que dende a organización se recomenda que teñan unha duración aproximada de seis minutos, proxectaranse no CGAC en dúas sesións gratuítas abertas ao público xeral. A primeira na noite do 30 de outubro e a segunda na noite do 3 de novembro. Pero ademais, as curtas promocionaranse nos diferentes eventos de Kino que se celebran en todo o mundo e inscribiranse tamén para participar en múltiples concursos internacionais de curtas.

Kino Galicia conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e do Concello de Santiago.

Para máis información pódese consultar o Portal da Lingua Galega http://www.lingua.gal    e a propia web do evento https://kinogalicia.com/es/

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial