Compostela presenta os orzamentos 2020

0

Compostela, 18 de febreiro do 2020 – O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira, Marta Abal, presentaron este luns os orzamentos 2020 despois da súa aprobación nunha Xunta de goberno local extraordinaria.

A aprobación dos orzamentos está garantida grazas ao acordo que firmaron Psoe e Compostela Aberta. O documento irá a Comisión de Facenda o día 26 coa intención de levalo a pleno o 2 de marzo.

Compostela presenta os orzamentos 2020Acordo con Compostela Aberta

O portavoz de CA, Martiño Noriega, explicou que “despois das negociacións, entendemos que o documento orzamentario consolida políticas impulsadas no pasado mandato, sobre todo no eido social, e recoñece o compromiso da institución cos proxectos que foran aprobados nos orzamentos participativos”.

Compostela presenta os orzamentos 2020Martiño Noriega explicou tamén que “Compostela Aberta quixo actuar con responsabilidade, consciente do apurado dos prazos para aprobar un orzamento do que o Goberno empezou a falar a mediados de

xaneiro, e por iso mantivo unha actitude propositiva e construtiva no proceso de negociacións”. O portavoz de CA salientou que, froito das conversas do último mes, “o documento orzamentario é respectuoso cunha corporación cunha clara maioría de esquerdas, e blinda as políticas progresistas iniciadas no anterior mandato”

117 millóns

A concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, deu conta polo miúdo duns orzamentos que ascenden a 116.975.595,33 euros aumentando un 6,46 por cento respecto a 2019. Na distribución do crédito por áreas de gasto destaca a destinada a servizos públicos básicos, cunha contía de 47.481.402 euros, o 40,59% sobre o gasto total do orzamento (aumenta 0,07% respecto a 2019). Tamén son importantes as partidas de produción de bens públicos de carácter preferente, con 21.727.070 (aumenta un 13,58% respecto a 2019) euros, e a de actuacións de carácter xeral, por un importe de 21.433.560 euros (un 10,91% máis que en 2019). Cada unha delas representa algo máis do 18% do gasto.

A continuación sitúanse as actuacións de carácter económico, con 13.928.623 euros (increméntase un 20,57% respecto de 2019), o que representa un 11,91%; as actuacións de protección e promoción social con 9.452.821 euros (un 0,07% máis que en 2019) e un 8,08% sobre o gasto total. Pecha a lista a débeda pública, por 2.952.126 euros e o 2,52% do gasto total (baixa un 13,06% respecto a 2019).

A concelleira tamén explicou os gastos por operacións non financeiras, que ascenden a 114.040.973,34 euros, destacando Marta Abal o incremento do 6,90 % con respecto ao exercicio 2019.

Gastos por operacións correntes

En canto aos gastos por operacións correntes ascenden este ano a 98.616.468,32 euros, aumentando un 2,26% con respecto ao exercicio 2019.

Marta Abal desglosou os gastos por capítulos. O Capítulo I, referido a gastos de persoal increméntase, en comparación ao ano anterior, un 1,16%. Son 33.905.543,75 euros, fronte aos 33.517.959,28 euros do exercicio 2019.

Entre as principais características destes gastos, a responsable de Economía e Facenda sinalou que se “contempla o incremento salarial do 2% nas retribucións do persoal, en cumprimento do Real decreto lei 2/2020 do 21 de xaneiro polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público”. Tamén se contempla a cantidade de 695.220 euros, para facer efectiva a carreira profesional dende o 1 de xaneiro do 2020. Neste sentido, Marta Abal, recordou que o pasado 11 de febreiro aprobouse en Mesa Xeral de Negociación, “a proposta deste grupo de goberno, e co voto favorable de todas as organizacións sindicais o procedemento para a aplicación do réxime excepcional da carreira profesional”. Enumerou, ademáis, a dotación dunha bolsa de 650.000 euros para a creación de novos postos no marco da nova RPT, que será o resultado do plan de reorganización de efectivos do Concello. “Isto ven a ser”, dixo, “froito dun estudo previo de necesidades máis acuciantes en determinados servizos que serán os máis reforzados. Priorizarase a area de servizos sociais e a área de urbanismo, así como aqueles departamentos máis afectados pola implantación da administración electrónica, en particular notificacións e rexistro xeral”, engadiu.

O capítulo II de gastos en bens correntes e servizos ascende á contía de 49.327.143,56 euros e presenta un incremento do 3,39 % con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019. Neste capítulo contémplanse, explicou, “entre outros, os créditos axeitados e suficientes para facer fronte á licitación e adxudicación, durante este ano, de contratos básicos e estratéxicos para o concello”. Destacou en concreto, o contrato de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arborado urbano. O custo anual do contrato en execución na actualidade ascende á cantidade de 3.411.709,96 euros. Prevese que o custo anual do novo contrato, segundo o orzamento de licitación, ascenda á cantidade de 4.150.592,96 euros. En consencuencia, sinalou Marta Abal, “estase a incrementar o custo anual do contrato en mais dun 21%”.

Tamén incidiu no contrato de xestión do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria. O custo anual do actual servizo ascende a algo máis de 7,9 millóns de euros. Explicou a concelleira que segundo se avanza do estudo económico do novo contrato, prevese que o custo anual, segundo o orzamento de licitación, ascenda a máis de 10 millóns de euros, incrementándose, polo tanto, en máis dun 26%.

Neste capítulo de gastos en bens corrente e servizos tamén ocupa un lugar destacado o servizo de axuda no fogar. O custo anual da prestación ascende a máis de 1,9 millóns de euros. Segundo se avanza do estudo económico do novo contrato, prevese que o custo anual do mesmo, segundo o orzamento de licitación, ascenda a máis de 3 millóns de euros.

Sobre o servizo de conserxería, limpeza e control das instalación dos CEIP dependentes do Concello, o custo anual do contrato é de 1.056.985,92 euros. O novo contrato prevé licitarse cun custo anual de 1.300.000,00 euros, o que supón un incremento de máis do 22%.

Outros servizos que se licitarán e adxudicarán ao longo deste presente ano, e que se relacionan no capítulo 2 de gastos, son, entre outros, o contrato de limpeza de instalación municipais, o contrato de xestión do servizo da escola municipal de Música, ou o contrato de xestión das escolas infantís de Conxo e Fontiñas.

O capítulo III de gastos financeiros ascende a 397.504,93 euros e presenta unha diminución do 48,16 % con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019.

O capítulo IV de transferencias correntes do proxecto de orzamento ascende a 14.812.819,83 euros e presenta un aumento do 3,28 % con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019.

Neste capítulo de transferencias correntes, Marta Abal destacou o “incremento da achega ao Auditorio de Galicia nun 3,09% respecto do orzamento de 2019 ascendendo á cantidade de 1.340.210,00 euros. Representa o 9,05% do total do capítulo IV de gastos”. Tamén citou o aumento da achega ordinaria para funcionamento da sociedade municipal INCOLSA nun 1%, ascendendo á cantidade de 2.485.000,00 euros, o que representa un 16,78 % sobre o total do capítulo IV de gastos. A concelleira explicou que se mantén a achega ordinaria ao Consorcio da Cidade de Santiago, por 1.406.216,74 euros o que representa o 9,49 % do total deste capítulo. E increméntase, destacou, “a subvención ao transporte nun 4%, ascendendo á cantidade de 4.960.527,76 euros, o que supón un 33,49 % do total do capítulo IV de gastos. Otras transferencias correntes mencionadas corresponden á Fundación Granell, ao Padroado do Museo do Pobo Galego, á Fundación Gonzalo Torrente Ballester, UNINOVA, ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou a Fundación Refuxio de Animais.

O capítulo V de fondo de continxencia e outros imprevistos ascende á contía de 173.456,25 euros e presenta un aumento do 73,46% con respecto do orzamento inicial do exercicio 2019.

Entre as novidades, Marta Abal citou unha consignación de 73.456,25 euros para dar cobertura á posible suba salarial variable recollida no RD-lei 2/2020, de 21 de xaneiro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público, en función da evolución do PIB. Engadiu que “en espera do dato definitivo de comportamento do PIB, o Concello reservou crédito nesta aplicación orzamentaria por importe de 73.456,25 euros equivalente ao 0,5% da suba salarial.

Gastos por operacións de capital

Os gastos por operacións de capital do orzamento do Concello do exercicio 2020 ascenden a 15.424.505,02 euros. Prodúcese en termos globais un aumento do 50,56 % con respecto ao orzamento do exercicio 2019 (Anexo de Investimentos de capital. Capítulos 6 e 7).

O capítulo VI de investimentos reais ascende á contía de 14.618.655,02 euros e presenta un aumento do 159,97 % con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019.

Os investimentos que destacou Marta Abal, con cargo ao orzamento de 2020, son: vial Clara Campoamor por 1.127.482,74 euros; recuperación do Campus Sur para a cidadanía, por 200.000 euros; Castelo da Rocha, no que está previsto investir 266.495,41 euros; mellora dos accesos ao Parque de Belvís e adecuación Casa da Xuventude, por 200.000 euros; aparcamento do Castiñeiriño, 470.000 euros; aparcamento da Altiboia por 176.376,00 euros; e reurbanización de Concheiros e aparcadoiro Triacastela, por 1.332.528,76 euros. Tamén se prevén, explicou Marta Abal, outros investimentos necesarios e inaprazables como as obras de reparacións dos muros de Fontiñas, Pombal e Costiña do Monte por 1.010.000,00 euros; o selado do Vertedoiro de Aríns; ao que se destinarán 200.000 euros; e a consolidación das ruínas de Caramoniña por 120.000 euros. Tamén está previsto, explicou a concelleira “e sen prexuízo de seren complementadas con cargo ao remanente líquido de tesourería, que prevemos ter listos a mediados de marzo”, crédito destinado á reforma de instalacións deportivas e á reforma de centros socioculturais (CSC). No relativo ás instalacións deportivas contémplase no orzamento medio millón de euros para facer fronte, de xeito prioritario, á reposición e substitución do céspede sintético de tres pistas de pádel ubicadas no complexo deportivo de pádel e tenis de Sar, e á execución do peche perimetral e mellora do terreo de xogo do campo de fútbol de As Cancelas.

No relativo aos CSC contémplase no orzamento a cantidade de 300.030,62 euros, destinada á reforma da antiga biblioteca de Caixa Galicia na Praza de Salvador Parga, que se converterá no Centro Sociocultural da Cidade Vella.

O capítulo VII de transferencias de capital ascende a 805.850,00 euros e presenta unha diminución do 82,56 % con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019. Destacou Marta Abal que se achega unha transferencia de capital á Comunidade Autónoma por importe 240.600,00 euros para o financiamento da pasarela da estación intermodal; e tamén se achega unha transferencia de capital a favor da Sociedade Estatal AGUAS DE LAS CUENCAS DE ESPAÑA de importe 240.600,00 euros para o financiamento do convenio asinado en relación ás obras de Mellora da EDAR da Silvouta. Tamén incidiu a concelleira nas axudas municipais complementarias convocadas ao abeiro dos plans estatais de vivenda nas áreas de rexeneración e renovación urbana do Concello, cun importe de 175.000,00 euros.

Operacións financeiras

As operacións financeiras do orzamento do Concello para o exercicio 2020 ascenden a 2.934.621,99 euros. Prodúcese unha diminución do 8,11 % con respecto ao orzamento do exercicio 2019.

No capítulo VIII do estado de gastos (activos financeiros) aparece recollida a consignación de crédito destinado a concesión de préstamos ao persoal e que está directamente relacionada co capítulo VIII de Ingresos cunha contía de 65.000 euros.

Tamén se recolle neste capítulo de gasto unha consignación de 5.000,00 euros para atender a compra dun 2% do capital social da mercantil UNINOVA.

O capítulo IX do estado de gastos (pasivos financieiros) ascende á contía de 2.864.621,99 euros e presenta unha diminución do 8,00 % con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial