Compostela afronta actuacións urxentes no centro da zona vella

0

Compostela, 21 de xaneiro do 2020 – O equipo de goberno de Santiago presentou á oposición un paquete de medidas urxentes para o centro da zona vella.

A Praza do Obradoiro, Praterías, Quintana, ou incluso máis alá da zona vella chegando ata a Praza de Galicia serán as zonas nas que se intervirá.  A intención é preparar o Ano Santo con tempo suficiente e prever o incremento de visitantes.

14 espazos

O documento foi presentado polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira responsable, Mercedes Rosón. As actuacións chegarán a 14 espazos: prazas da Inmaculada, Obradoiro, Praterías, Quintana; en San Francisco; avenida de Xoán XXIII; rúa do Franco; rúa da Raíña e praza de Fonseca; rúa Travesa de Fonseca; rúa do Vilar; rúa Nova; praza do Toural e Cantón do Toural; praza de Fuenterrabía e rúa da Senra e praza de Galicia.

As medidas a realizar están todas encadradas en aspectos como a accesibilidade, servizos públicos, mobilidade, iluminación ornamental, regulación dos usos dos espazos públicos no entorno da catedral e outras actuacións de distintos tipos. Segundo indicou o rexedor, algunhas delas xa se están a realizar e, a meirande parte, comezarán canto antes.

Accesibilidade

No que respecta á accesibilidade, tres son as actuacións fundamentais: habilitarase un novo acceso para as cubertas da catedral e o museo no Arco de Palacio; mellorarase a imaxe da Costa do Cristo cambiando o actual acceso ao departamento municipal de Tráfico; e na praza de Galicia cambiarase a ubicación da parada do autobús ao aeroporto, que recollerá os viaxeiros no carril de servizo do actual aparcamento co obxectivo de descargar a presión da beirarrúa na que actualmente se atopa a parada. Así mesmo, procederase tamén á ampliación de beirarrúas.

Aseos públicos

En canto aos servizos públicos, melloraranse os existentes en Costa do Cristo, Alameda e parque de Xixón; e construiranse novos na rúa de Raxoi e na praza das Praterías. O alcalde tamén fixo constar a iniciativa da Fundación Catedral de ampliar os aseos públicos do antigo centro de atención aos peregrinos na Casa do Deán.

Mobilidade

No ámbito da mobilidade procederase a reducir o límite temporal da distribución de mercadorías na cidade histórica e habilitaranse novas zonas de reparto en Rodrigo de Padrón e praza de Fuenterrabía. En iluminación, encargarase un proxecto urxente de iluminación exterior do conxunto da catedral e un plan director de iluminación do conxunto da cidade histórica.

Non máis fogos no Obradoiro

Outro dos aspectos que aborda o documento é a regulación dos usos nos espazos públicos do entorno da catedral. Neste ámbito procederase ao traslado do fogos das festas do Apóstolo da praza do Obradoiro. O alcalde puntualizou que se seguirá mantendo o espectáculo de luz e son da noite do 24 de xullo pero terase que estudar unha ubicación alternativa para o lanzamento da pirotecnia. Así mesmo, ademais da redacción dun documento base para regular a utilización dos espazos públicos no entorno da Catedral, procederase á redacción dun proxecto de instalacións temporais para os espectáculos a celebrar na praza da Quintana.

O documento complétase con outras actuacións como a posta en marcha dun servizo de control e apoio para os visitantes; actuacións puntuais na praza da Quintana para protexer a Porta Santa; a reforma do servizo de trens turísticos; ou a retirada da compactadora de lixo e colectores de recollida de vidro situados actualmente na rúa Travesa de Fonseca. Para compensar, Sánchez Bugallo indicou que se habilitará “un servizo de recollida cada hora ou dúas horas” de cara ao Ano Santo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial