Compostela abre unha nova convocatoria de axudas a rehabilitación

0

Compostela, 6 de setembro do 2019 – O concello de Santiago abre unha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación nas áreas do Casco Histórico, Vista Alegre, Pontepedriña e Vite.

A concelleira de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, e o arquitecto responsable da Oficina de Rehabilitación e Vivenda, Javier Fernández foron os encargados de avanzar en rolda de prensa as particularidades de esta convocatoria, aberta ata o 6 de outubro.

Estas axudas chegarán a máis de dous millóns de investimento e financiarán un máximo de 237 proxectos nos catro ámbitos de actuación.

A 16ª fase da Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico ten unha dotación de 150.000 euros para financiar actuacións en ata 25 vivendas. Lembrou a concelleira que esta ARI ten unha tipoloxía diferente ás demais, por canto se trata na súa maioría de vivendas unifamiliares cuxa intervención ten que ver sobre todo con temas estruturais e materiais.

Compostela novas axudas a rehabilitación

SONY DSC

No caso do barrio de Vista Alegre e da súa fase 9ª, subvencionaranse ata 128 actuacións, cunha achega total de 1.280.000 euros. Mercedes Rosón explicou que esta é unha ARI xa moi avanzada que, de resolver as problemáticas especiais de edificios concretos, podería ter concluída a rehabilitación de todos os seus edificios entre esta e as próximas convocatorias.

Cos 240.000 euros destinados ao grupo de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios (Pontepedriña) financiaranse 20 actuacións. Para a concelleira, esta é a ARI que rexistra un avance máis lento, a causa do estudo de detalle (para concretar a accesibilidade a estruturas arquitectónicas complexas) cuxo texto refundido está pendente de entregar. A isto sumou a “realidade social” do barrio.

Finalmente, haberá 640.000 euros en axudas para 64 actuacións no barrio de Vite. Esta ARI, a máis nova, acometerá a súa segunda fase e a concelleira amosou o seu convencemento dun rápido avance, xa que “hai xa varias comunidades que teñen presentado proxectos, e outras que xa teñen instalados ascensores, polo que poden facer fronte a actuacións de menor custo”. No caso de Vite, debido á súa orografía, tamén foron precisos ata cinco estudos de detalle.

Actuacións subvencionables e persoas beneficiarias

Poden ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas que asuman de xeito efectivo o custo da execución das actuacións obxecto da subvención. As actuacións obxecto de axuda son as actuacións de rehabilitación executadas sobre elementos e instalacións comúns de edificios de uso residencial colectivo, e, de ser o caso, sobre a envolvente, e instalacións en edificios unifamiliares, así como as actuacións de consolidación e reposición sobre a súa estrutura tradicional de madeira. Os criterios de prioridade na concesión son a accesibilidade, a eficiencia enerxética e a adecuación á normativa xeral.

Un máximo do 85% do custo

A porcentaxe das axudas respecto ao total do custo da obra calcúlase en función da relación entre ingresos totais ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria residente na vivenda e o índice público de renda para efectos múltiples, podendo alcanzar ata un máximo 85% da cota de participación no custo das actuacións.

En canto a cantidades, fíxase un límite conxunto en función do número de vivendas e superficie dos locais con outros usos, que vai dende o máximo de 16.000 euros/vivenda para actuacións de mellora da eficiencia enerxética, ata 12.000 euros/vivenda no resto. Estas cantidades poden incrementarse en 1.000 euros/vivenda en edificios catalogados.

Ademais, como lembrou Mercedes Rosón, o Concello ten unha liña de axudas complementarias, que permiten completar os importes das obras no caso de persoas con “máis vulnerabilidade e menores ingresos”. Indicou que é intención do Goberno municipal seguir habilitando estas subvencións.

Ata o 6 de outubro

O prazo de solicitude é de dous meses contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, rematando o 6 de outubro. O prazo máximo para a xustificación do remate das actuacións será de 18 meses dende a data en que se notifique a cualificación provisional.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial