Un Atardecer no Gaias máis íntimo

0

Compostela, 3 de xullo do 2020 – A Cidade da Cultura non cancela o Atardecer no Gaias, unha cita xa imprescindible no verán de Santiago, pero presenta un formato máis reducido.

Atardecer no Gaias comezará  a súa décima edición o vindeiro día 9 e durará ata o 3 de setembro con citas todos os xoves. Será preciso retirar entrada aínda que será de balde.

Unha aposta por artistas galegos

A programación aposta polos artistas galegos nun ano no que a mobilidade dos artistas está comprometida máis alá da autonomía na que vivan. Fon Román, Verto, Xoana, Guadi Galego, Quinteto Nós, Dani, Budiño e Son Trío serán os protagonistas dunha edición na que as medidas de seguridade e o formato reducido serán imprescindibles.

Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que as prazas se teñan que limitar a 180 por concerto, entradas que a hora de reservar poderán ser dobres no caso de conviventes e que haberá que reservar na web da Cidade da Cultura.

Será tamén obrigatorio acudir con máscara, a cita a partir das nove da noite e a distancia de seguridade garantida coa colocación de pufs na praza central.

O que non cambia nesta décima edición de Atardecer no Gaiás é o seu obxectivo de ofrecer un variado abano de estilos que permitan chegar a todo tipo de públicos con música pop, tradicional, indie, flamenca, de cantautor e incluso trap.

Apertura con Fon Román

Un Atardecer no Gaias máis íntimo

Fon Román

Fon Román, ex guitarrista e compositor de Los Piratas, será o encargado de botar a andar o ciclo o vindeiro xoves, día 9 de xullo. O músico vigués volve á escena tras unha pausa de oito anos para presentar o seu fermoso e persoal álbum en solitario La chispa, la llama y el humo, unha homenaxe á vida nas súas diferentes fases a través dun traballo minimalista no que sobresaen as súas coidadas guitarras.

O dúo compostelán Verto daralle o relevo o 16 de xullo. A pesar de levar pouco tempo en escena, conseguiron que o trap retranqueiro do seu tema Oie gayego se coase entre os temas máis reproducidos en Galicia na plataforma de música en liña Spotify.

Ritmos urbanos e de baile cun abano de letras que van desde a crítica e o humor acedo do seu hit; ao repertorio íntimo de temas, como Algo que non sexa; ou máis ao carón da actualidade recente, como o confinamento pola pandemia e que se reflicte no tema Pegadiño a ti.

Un Atardecer no Gaias máis íntimo

Xoana

A voz poderosa coma unha diva soul de Xoana será a que encherá a Praza Central o xoves 23 de xullo. A cantante do Porriño trae a Atardecer no Gaiás a súas letras reivindicativas –escritas  pola súa nai– ás que viste nunha variedade de xéneros que van desde o rock, ao funk e ao jazz, cos que pode amosar a forza sublime e a calidade do seu rexistro.

Esta valía levou a que con só 20 anos o seu primeiro traballo Dardos se atopase nas semifinais en sete categorías nos Premios de la Música Independiente (MIN), chegando á final do Mellor Disco en Galego.

Programación agosto

Un Atardecer no Gaias máis íntimo

Guadi Galego

Guadi Galego abrigará a programación de agosto de Atardecer no Gaiás. Trátase dunha das artistas máis relevantes e premiadas da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira e continuou con Espido e Nordestin@s. A súa carreira en solitario tamén está ateigada de éxitos, avalados polo cariño do público e tamén do gremio, como demostran o Premio Martín Códax en Canción de Autor ou o recente Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español,  concedido polo seu último traballo Immersión. No Gaiás vaise poder gozar das reinterpretacións dos temas das súa carreira nas sete linguas peninsulares.

Un Atardecer no Gaias máis íntimo

Marcos Teira

Seguiralle o xoves día 13 a actuación de Quintento Nós, agrupación liderada por Marcos Teira, virtuoso guitarrista galego namorado do flamenco, estilo co que tingue todos os paus e co que ten actuado por case todos os recunchos do planeta. Premio Martín Códax ao mellor proxecto de músicas do Mundo, no Gaiás ofrecerá un selecto repertorio de adaptacións a este xénero de temas de jazz e de rock. 

Trátase dun traballo colectivo no que participan Moisés Fernández, ao caixón; Alejandro Vargas, ao piano; Alfonso Calvo, ao contrabaixo; Ton Risco, ao vibráfono; e Isaías Salazar, no baile.

Atardecer no Gaiás 2020 tamén mantén como sinal de identidade o de ser plataforma de artistas emerxentes, tal como é  o caso de dani, intérprete e compositora nada en Vigo fai 22 anos no seo dunha familia musical: os seus pais son Rosa Costas e Silvino, dous dos membros do mítico grupo Aerolíneas Federales.

Un Atardecer no Gaias máis íntimo

Dani

No seu repertorio, recolle o legado de toda a tradición da música popular que recibiu desde pequena de Robert Johnson a Rufus Wainwright, de Angele, de Beach Boys a Oasis ou de New Order a Charli XCX e Joe Crepúsculo, enriquecido cos seus estudos no Conservatorio Profesional.

Budiño e Son Trío para o peche do ciclo

Budiño será o encargado de ir despendindo Atardecer no Gaiás 2020. O músico de Cangas  presentará na Praza Central da Cidade da Cultura o seu último traballo, Fulgor. Nel racha con seis anos de silencio dándolle protagonismo a súa voz e cun disco indie, tras dúas décadas centrado na gaita e na frauta e na música tradicional. O público do Gaiás será testemuña da súa reinvención, tal e como el mesmo a define,  a través de dez cancións orixinais, compostas, producidas e cantadas por el mesmo.

Un Atardecer no Gaias máis íntimo

Budiño

A expresiva voz de Su Garrido Pombo, as composicións ao piano de Katerina Linke e a arte de Susanna Blanco ao violoncello resoarán na Praza Central do Gaiás como alfinete a esta edición de 2020. Estas tres músicas únense en Son Trío para ofrecer un repertorio de melodías de clásica, jazz ou folk,  integramente en galego, no que ademais de musicar a Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro, entre outros, ofrecen versións propias de cancións populares galegas.

Un Atardecer no Gaias máis íntimo

Son Trío

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial