Ateneo Barroco 2020

1

Compostela, 1 de outubro do 2020 – O Ateneo de Santiago ven de presentar a edición 2020 do Ateneo Barroco que forma parte do programa O teu Xacobeo e conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración da Universidade e o Concello de Santiago.

O Ateneo Barroco reúne unha proposta de concertos e actividades complementarias didácticas e divulgativas (conferencias, encontros, proxeccións, etc.) que se celebrarán en Santiago de Compostela ao longo deste mes de outubro, entre os días 5 e 24.

No acto de presentación interviñeron o Secretario do Ateneo, Francisco Candela, e o Director artístico do Festival, Víctor Carou, así como a Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, a responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, e a Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC Mar Lorenzo.

Ateneo Barroco 2020O Secretario do Ateneo destacou “a importancia de comezar as actividades culturais nun contexto tan difícil que restrinxe dun xeito tan importante a vida social e cultural nunha cidade como Santiago de Compostela, onde a cultura se sinte dunha maneira tan especial”, incidindo en que “o Ateneo ten unha firme vontade de comezar as súas actividades mantendo todas as esixencias sanitarias para dar aos asistentes a máxima seguridade”. “Nas músicas antigas e do barroco podemos atopar un espello no que mirarnos e atopar, en momentos históricos como o actual, unha linguaxe que permita a comprensión, a tolerancia e a solidariedade como un elemento imprescindible para a convivencia social”, rematou dicindo o directivo do Ateneo.

A continuación, a Comisaria do Xacobeo 2021 Cecilia Pereira salientou que, entre todos os proxectos seleccionados nas axudas de O teu Xacobeo, este lle fai especial ilusión “por toda a parte que ten tan vinculada ao camiño, o intercambio e o diálogo cultural” entre artistas galegos e internacionais, ademais de contemplar “a necesidade de continuar traballando e tendo unha axenda cultural” e mostrar o seu desexo de que este festival continúe en vindeiras edicións.

Pola súa banda, Mercedes Rosón, en representación do Concello de Santiago, salientou o esforzo para sacar adiante proxectos nesta difícil situación, “que lle dá a vida ás administracións, que teñen ese compromiso coa cidadanía, e que lle dá a vida tamén á cidadanía, que quere seguir desfrutando destas iniciativas”.

Mar Lorenzo destacou que dende a área de cultura da institución académica “sempre imos apostar por este tipo de proxectos mancomunados nos que participamos todas as forzas culturais da cidade porque nestes tempos tan complexos debemos unir forzas para que a cultura poida saír adiante”.

Programación

A programación desta segunda edición, presentada por José Víctor Carou, está centrada no barroco francés e a figura de Jean-Philippe Rameau, un dos compositores máis importantes no Barroco musical en Europa, herdeiro da tradición da gran ópera francesa, sobre o que pivotarán os cinco concertos. O festival abrirase o luns 5 de outubro na Rúa do Vilar, 19, cunha conferencia da musicóloga Teresa Adrán, quen situará a figura de Rameau para posteriormente gozar plenamente de todos os concertos, que comezarán o venres día 9 no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) coas sonatas de Haendel, definidas como “óperas sen palabras”, interpretadas polo grupo Al Ayre Español, Premio Nacional de Música.

Como indica José Víctor Carou, “partindo do barroco francés establécense relacións entre a música de teclado, a música de cámara e a música escénica (ópera, ballet, etc.)”, conectando deste xeito con Haendel, Telemann e Monteverdi, referencias non só do barroco senón de toda a historia da música. Nestas dúas últimas figuras centraranse os dous seguintes concertos, o martes 13 na Igrexa da USC, coas recentemente descubertas Fantasías de Telemann, que se crían perdidas, e o venres 16 de novo no Paraninfo, cun programa elaborado exclusivamente para este festival arredor de Monteverdi e a ópera italiana, onde se unirán para a ocasión o grupo Ars Atlantica, dirixido por Manuel Vilas, con diferentes músicos galegos de prestixio como Mariña García Bouso, Sara Ruiz, Patricia Rejas e José Manuel Dapena, e a soprano italiana Roberta Invernizzi, fomentando o intercambio cultural entre músicos galegos e artistas internacionais.

Os dous últimos concertos do Ateneo Barroco 2020, que clausurarán o festival e se desenvolverán no Teatro Principal, serán os dedicados a Rameau e o barroco francés. Así, o martes 20 terá lugar o acto central do programa, onde os clavecinistas franceses Pierre Hantaï e Skip Sempé mostrarán a grandeza da ópera barroca en Francia a partir de dous claves, e o sábado 24, como peche, o ensemble Ímpetus, grupo máis novo pertencente a unha segunda ola de intérpretes, dedicarán o seu concerto á música de cámara e para clavecín de Rameau.

“Unha parte importante do festival son os encontros cos músicos, que este ano, por mor das circunstancias sanitarias, terán lugar xusto antes de cada concerto co público xa sentado”, indica Carou. Deste xeito, as limitacións sanitarias marcarán, non só o desenvolvemento dos concertos senón especialmente as actividades complementarias, sendo necesario preinscribirse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com para poder asistir á conferencia inaugural así como ao ciclo “Cinema, Doc, Música”. Neste ciclo, que se desenvolverá no salón de actos do Ateneo, situado na Praza de Salvador Parga, 4-2º, ás 19.30h, emitiranse dous filmes, “Le roi danse” (martes 6) e “Vatel” (mércores 7), que mostrarán a época de creación do barroco e as relacións entre os artistas nos palacios. 

As entradas para os concertos sairán á venda a partir das 12h do día 1 de outubro, a través das páxinas web do festival https://festivalateneobarroco.gal e do Ateneo de Santiago www.ateneodesantiago.com.

Share.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial