Primeiro dos concertos do ciclo Ateneo Barroco

0

Compostela, 8 de outubro do 2019 – Tras a charla de este luns hoxe chega o primeiro dos concertos do Ateneo Barroco que estará dedicado a Bach.

O Paraninfo da Universidade, na Facultade de Historia, acollerá a partir das oito da tarde o primeiro dos cinco concertos do que consta o Festival Ateneo Barroco. Massimo Spadano, violinista-concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia, e Fernando López Pan, clavecinista e profesor deste instrumento no conservatorio de música coruñés, interpretarán 3 das 6 sonatas que Bach escribiu para os seus instrumentos. O programa complétao outra sonata para o mesmo tipo de dúo composta por outra das máis senlleiras figuras do Barroco, o compositor de orixe alemá nacionalizado inglés, Georg Friedrich Haendel.

Conversa cos músicos

Festival Ateneo BarrocoNo espazo de celebración de cada concerto, e con anterioridade ao mesmo (18.30h), celebraranse durante os cinco días de concerto do festival, uns breves encontros cos artistas, dispostos a satisfacer dúbidas e curiosidades e a ilustrar e amosar as peculiaridades dos seus instrumentos, todos tan vencellados ao Barroco como neste caso é o clave, instrumento do que poderemos descubrir moito da man dun especialista amante deste instrumento como é Fernando López Pan. Esta actividade é gratuíta con acceso limitado por rigorosa orde de chegada a 25 persoas.

O Festival Ateneo Barroco conta co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago e a colaboración da Universidade de Santiago.

As entradas para o concerto poden adquirirse en entradas.ataquilla.com, na sede de Afundación na rúa do Vilar e, 2 horas antes do concerto, no mesmo Paraninfo da Universidade.

Os artistas

Massimo Spadano  violín

Nado en Lanciano (Italia), é membro fundador das orquestras barrocas Camerata Anxanum (Italia), coa que colaborou na investigación e edición de varios volumes de música barroca italiana, e Camerata Boccherini (España). Dende 1994 é concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia e, dende 1995, director artístico da Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia. En 2015 foi nomeado director titular da orquestra Academia 1750. Como solista, concertino ou director, traballou coa Academy of Ancient Music, Cristofori Ensemble, Chambre Philarmonique, Concerto Italiano, Le Concert des Nations, Ensemble Baroque de Limoges, Orfeo 55, Ensemble Zefiro, etc., actuando en prestixiosos festivais e salas de concerto de Europa, Oriente Medio, Asia, América do Sur e Estados Unidos. Gravou para discográficas como Harmonia Mundi, Deutsche Grammophone, Sony e Auvidis Astrée, gañando un Choc Musique.

Fernando López Pan  clave

Comeza os seus estudos de clave no Real Conservatorio Superior de Madrid e continúaos en Holanda baixo a dirección de Jacques Ogg. En París estuda con Kenneth Gilbert e Pierre Hantaï durante catro anos, período no que tamén recibe clases de Ketil Haugsand, Gustav Leonhardt e Christophe Rousset. Colaborou coa Real Filharmonía de Galicia, a English Chamber Orchestra e directores como Helmuth Rilling, Neville Marriner, Alberto Zedda, Antoni Ros Marbá, Federico Maria Sardelli e Paul Daniel, e participou no Festival Mozart (A Coruña) e no Festival Internacional de Música de Galicia. É membro da Camerata Boccherini, que dirixe Massimo Spadano. Doutor en Filoloxía pola Universidade de Oviedo, foi coordinador dos ciclos de música barroca da Fundación Pedro Barrié de la Maza (A Coruña).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial